Kafka, un século despois

MetamorphosisPor estas datas, hai cen anos, tomaba forma unha das novelas curtas máis admiradas da literatura universal: A metamorfose, do escritor praguense de expresión alemá Franz Kafka.

En realidade, a obra fora redactada entre o 17 de novembro e o 7 de decembro de 1912, pero non veu a luz ata outubro de 1915 na revista Die Weißen Bläter, un dos voceiros máis destacados do expresionismo alemán que se publicaba en Leipzig. Secasí, non foi ata decembro dese ano cando se dispuxo en formato libro, integrada na colección Der Jüngste Tag, responsabilidade do editor Kurt Wölff.

Porén, Die Verwandlung (en alemán, literalmente, A transformación) non comezou a circular ata comezos de 1916, pois ese é o ano que figura na cuberta da primeira edición. Cómpre dicir, amais, que no seu momento non gozou de excesiva popularidade e que esta narración é, xunto a dous ou tres títulos máis, do pouco que o autor deu ao prelo en vida, pois a maioría da obra que del coñecemos hoxe chegounos postumamente pola man do seu amigo e testamenteiro Max Brod.

Kafka naceu en Praga, o 24 de febreiro de 1885. Criouse no seo dunha familia xudía de fala alemá, o cal non deixaba de ser unha dobre marxinalidade naquel Reino de Bohemia do Imperio Austrohúngaro. Estudou Leis, non por iniciativa propia, senón por compracer a seu pai, por quen sempre sentiu máis respecto que benquerenza, pero logo dedicouse ao anódino traballo de oficina nunha compañía de seguros, o que non axudou a facelo moi sociable, pois, fóra das horas de traballo, botaba a maior parte do tempo na casa, onde apenas se se falaba con seus pais, súas irmás ou cuñados.

Aquel seu espírito senlleiro acubillou nun mozo lanzal, inclinado aos paseos solitarios polo bosque e aos nados no frío Moldava, namoradeiro, pero con dificultades no trato co outro sexo, co que non acabou de entenderse moi ben ata case o seu final, carencias que supliu con frecuentes visitas aos bordeis, se facemos caso ao seu biógrafo Reiner Stach, quen non o retrata tan atormentado como nolo legou a lenda, senón máis ben bohemio, afeccionado a andar en moto e xogar ao tenis.

Sexa como for, o que si é certo é que Kafka escribía sen parar, centos e centos de cuartillas que lle pediu, sen éxito, ao seu amigo Brod destruíse unha vez morrese, o que non tardou en acontecer, pois xa no verán de 1917 sufriu unha grave hemotipse e detectóuselle tuberculose pulmonar, doenza que acabou con el o 3 de xuño de 1924.

KafkaNos seus escasos corenta anos de vida deulle tempo a deixar (máis ou menos conclusos, segundo os casos) títulos hoxe clásicos como O proceso, O castelo, América ou os libros de relatos Un médico de aldea e Un artista da fame. Mais non cabe dúbida de que, aínda que algúns destes sexan literariamente superiores, o texto polo que é popularmente lembrado é A metamorfose.

A historia de Gregor Samsa, o tratante de teas que un día amence na súa casa transformado en algo así coma un coleóptero, ten sido obxecto de infindas interpretacións alegórico-simbólicas, tantas que o estudoso Stanley Corngold chegou a contabilizar máis de cento e medio do máis diverso.

Dunha ou doutra forma, a historia de Samsa que agora chega ao seu primeiro centenario segue a estar plenamente vixente, pois aquel alleamento, aquel desposuimento, aquela orfandade de quen se sente que non encaixa e é incomprendido no seu propio mundo segue a ter hoxe unha lectura máis que actual. A soidade das relacións que esfarelan, a incomprensión dos conxéneres, o egoísmo e a insolidariedade que asoman nesta páxinas son, desafortunadamente, males do noso tempo que explican a modernidade da mensaxe que a obra segue a transmitirnos.

Son innúmeras as adaptacións fílmicas, en bd, radiofónicas e ata operísticas que se realizaron desta narración, que ten influído poderosamente en toda a literatura posterior, ata o punto de que un Premio Nobel como Gabriel García Márquez ten confesado nalgunha ocasión que se decidiu a escribir a primeira novela logo da lectura da obra de Kafka, de quen aprendeu que o máis importante nunha obra non é a trama ou o argumento, pois estes poden ser perfectamente absurdos, senón o xeito de transmitila, o estilo e fondura cos que se ofrece.

Agora que chegamos a ese primeiro centenario de A metamorfose non é mala ocasión para regresar á súa lectura e deixarnos conmover pola crueza dese Gregor ao que a súa familia vai, aos poucos, condenando ao esquecemento e a definitiva desaparición por ser un ‘bicho raro’ que non encaixa en ningures.

            Kafka entre nós

artista fameHai exactamente un cuarto de século que A metamorfose foi vertida ao galego. O responsable da tradución foi Xosé María García Álvarez, quen a trasladou xunto con A setenza, publicando ambas en Sotelo Blanco Edicións. Aquela edición acompañouse das ilustracións de Manuel Uhía e tivo moi boa acollida, pois non moito despois (1993) apareceu xa unha segunda edición.

Por fortuna, o lector galego pode ler hoxe moitos outros textos de Kafka, caso das prosas reunidas en Un médico de aldea e Un artista da fame, volumes editados por Galaxia en 2004 e 2005, respectivamente. E tamén O proceso, novela publicada por Sotelo Blanco, no 2003. Todos tres foron acomodados á nosa lingua por Luís Fernández Rodríguez.

[Faro de Vigo, 7-1-2016]

Esta entrada foi publicada en Outras literaturas e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Kafka, un século despois

  1. Antonio López Díaz di:

    Enhoraboa por o teu artigo que nos recolle un resumen de prensa magnífico da trayectoria vital de Kafka.

Os comentarios están pechados.