Hat trick

Xabier López López, Juan Tallón e Xosé Ramón PenaTeño dito ben veces, e non me cansarei de repetilo, que todo o que se faga para a proxección da nosa literatura alén das súas fronteiras idiomáticas é sempre unha achega positiva.

Neste sentido, a tradución de textos galegos a outras linguas é, ao meu ver, o mellor dos vehículos posibles para que o lectorado doutros lugares sexa quen de apreciar o celmoso cardume literario que flúe polas nosas augas culturais.

En consecuencia, entendo como un feito ben positivo a recente aparición de tres novelas galegas vertidas ao castelán: Fin de poema, de Juan Tallón; 1989, de Xabier López López e mais Como en Argelia, de Xosé Ramón Pena.

Fiin de poemaFin de poema publicouse por vez primeira en 2013 en Sotelo Blanco Edicións, quen deu á luz esta narración no seu día merecente do Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta. Sae agora do prelo traducida ao castelán polo propio autor para o selo castelán Alrevés.

O libro de Tallón é un mecano narrativo, un teselado de estrutura contrapuntística en catro estacións de cinco entregas cada unha na que van presentándose os últimos días da vida de catro escritores suicidas; a saber: Cesare Pavese, Alejandra Pizarnik, Anne Sexton e mais Gabriel Ferrater. Malia o que poida parecer, esta non é unha novela sobre o suicidio, senón unha poderosa narración verbo da intensión lúcida que revela o camiño certo cara a esa fin. Aquí non importa tanto o relato concreto dese tránsito (que mesmo figura elidido na obra) como a recreación da agonía reveladora na que os poetas deambulan cara ao incendio da derrota, ese ‘porvir baleiro’ que se abre ante eles cando chegou ‘a fin do poema’, cando xa non fica lírica ningunha á que asirse e a vertixe do nada o inunda todo.

1989 de Xabier López López apareceu publicada inicialmente por Biblos Clube de Lectura no 2013, edición na que figuraba co revelador subtítulo de “Alegoría”. Agora volve ser imprentada polo selo madrileño Adeshoras, quen engadiu á edición as coidadas ilustracións de José Ángel F. Colón coas que se adorna esta novela breve.

1989A narración de López é, en non poucos sentidos, un canto xeracional, memoria máis ou menos autobiográfica dun tempo e dun alentar vital ficcionalizado na imaxinaria localidade de Vilar, nas Mariñas coruñesas, á que chega un xaponés para mudar o tempo lento no que ata entón vivían sumidos os seus habitantes. Tamén aquí a visión contrapuntística dos aconteceres que fornecen cinco personaxes (un mozo, un bibliotecario, a dona dun hostal, un sindicalista e un vello do lugar) facilita a visión poliédrica dunha realidade complexa, ateigada de incertezas e súbitas mudanzas que nos é narrada a doses iguais de señardade e sutil ironía.

Por remate, o orixinal galego de Como en Argelia de Xosé Ramón Pena tirouse do prelo de Xerais no 2012 e agora cobra nova vida nunha autotradución ao castelán inserida na canguesa Pulp Books.

como_en_argeliaAmbientada na Galicia dos primeiros sesenta, coa revolución castrista e as loitas pola independencia de Alxeria como pano de fondo, esta novela é antes nada, a escenificación dun impase, dunha fractura, dunha falla na placa tectónica da historia de noso que pechou en falso. Xustamente na encrucillada histórica da pugna entre os partidarios do intervencionismo político fronte aos defensores da resistencia culturalista é onde se sitúa esta trama que ten como protagonista o mozo activista Xosé Ánxel Viana e, tamén si, a rebelde actriz mexicana Paloma, personaxes ambos que axudarán a soster as fías amorosas que entrelazan nestas páxinas tan intensas como subxugantes.

Ben boa nova, pois, a da tradución deste hat trick novelístico, que ha de facer as marabillas das lectoras e lectores casteláns que se animen a visitar os valiosos mundos narrativos de Juan Tallón, Xabier López López e Xosé Ramón Pena, tres narradores de luxo.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 1-11-2015]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual, Tradución e etiquetada , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Hat trick

Os comentarios están pechados.