Orixes da escrita: Diss’a fremosa en Bonaval assy

 bonaval

Diss’a fremosa en Bonaval assy:
“Ay, Deus! Hu é meu amigo d’aquí,
de Bonaval?

Cuyd’eu, coitad’é no seu coraçon
porquê non foy migo na sagraçon
de Bonaval.

Poys eu migo seu mandado non ey
já m’eu leda partir non poderey
de Bonaval.

Poys m’aquí seu mandado non chegou,
muyto vin-eu mays leda ca me vou
de Bonaval”.

A coita da moza que se lamenta nesta cantiga por non ter cadrado co seu amigo en Bonaval traspasou os séculos e lémbranos hoxe, case mil anos despois, que o amor e a ledicia da compaña namorada seguen a ser forzas extraordinarias que todo o poden.

En San Domingos de Bonaval latexa parte do corazón de Compostela, a vella capital do Reino de Galicia, o umbilicus no que desembocan todos os camiños xacobeos. O Bonaval de extramuros, á caída da Almáciga, pé da Porta do Camiño pola que os peregrinos da Francia e do resto de Europa chegaban presentar os seus respectos ao señor Apóstolo, é a orixe da escrita dalgunhas das pezas máis fermosas da nosa áurea lírica medieval.

Bonaval —o bonam valem ou bo val latino— fíxose templo a partir da peregrinación de San Domingos de Guzmán, en 1219. Non se sabe a data exacta da consagración á que alude a cantiga, pero tendo en conta que as primeiras referencias ao templo (aínda baixo a advocación de Santa María) son do 1228, hai que supor que se situaría arredor de 1230.

bonaval exterior

Bonaval foi o espazo emblemático do trobar de Bernal de Bonaval, o xograr (ou segrel) vencellado á corte do Rei Sabio que debeu de estar activo mediado o século XIII.

Como de tantos outros artífices desta marabilla que é a nosa lírica do Medievo, non sabemos de xeito inequívoco se Bernal (ou Bernardo) de Bonaval é o prior de San Domingos do que se fala no Tombo C do Arquivo da Catedral de Santiago por volta de 1279. Poida que si. Se así for, o seu vencello co templo foi, alén do artístico e evocativo, da vida profesada.

A cantiga que se reproduce ao comezo destas liñas non é a única que protagoniza Bonaval. Outras composicións catro do mesmo trobador (unha de amor e tres de amigo) e mais unha alusión de Alfonso X ao propio Bonaval nunha cantiga de escarnio dedicada a Pero da Ponte tamén teñen este espazo como epicentro.

Por remate, cómpre lembrar que na capela lateral esquerda do templo se atopa, dende 1891, o Panteón de Galegos Ilustres, onde están soterrados os restos de próceres de noso que foron trasladados alí dende outros lugares; a saber: Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Castelao e Domingo Fontán.

Esta entrada foi publicada en Orixes da escrita, Poesía galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.