Orixes da escrita: Penélope

capela san alberte (II)

Penélope

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

Se hai un territorio emblemático na poética de Díaz Castro ese é o que vai de Parga ata A Pastoriza, espazos ambos os dous que, xunto ao etnotopónimo Galiza, figuran no máis célebre dos poemas do autor: “Penélope” (Nimbos, 1961).

No derradeiro dos serventesios hendecasílabos da composición é onde figuran Parga —que non é outra que a localidade de San Salvador de Parga— e mais A Pastoriza. E é respecto desta última onde ten xurdido certa confusión interpretativa que convén aclarar.

ponte sobre o río Parga (II)A Pastoriza é un haxiotopónimo que, como xa explicou algún estudoso diazcastriano (velaí, poño por caso, os traballos de Xaquín Campo Freire) non alude nin ao concello da Pastoriza norlugués nin a outras localizacións coruñesas con ese nome, senón ao santuario do San Alberte (así chamado por ser o seu padroeiro) ou da Pastoriza (tamén denominado deste xeito por celebrarse nel unha célebre romaría o primeiro domingo de agosto en honor á Divina Pastora).

A este santuario da Pastoriza ía de romeiro Díaz Castro cando rapaz, tamén de mozo e logo de adulto, tras a Guerra. Daquela, o Tempo que vai desorballando os prados coma sono percorre esa legua escasa para regresar á mandorla na que todo se envolve en sabas de mil anos, nun outono atemporal, un camiño que andan os ventos dando un paso adiante e outro atrás sempre ao carón de río Parga, guieiro fidel que á súa beira leva de San Salvador de Parga ata A Pastoriza, espazo matricial e orixe da escrita nimbada.

Esta entrada foi publicada en Orixes da escrita, Poesía galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.