Endilgar na lontanía

Nin rabechudo, nin badueiro, á que salta un indo“Denantes de que un finde nunha lixeira, coa escrita medrando/ hei de soñar; deixar un herdo de cultura como honra apraceríame./ Non agardo ser exul, afastado da nosa terra, aquela dos nosos antergos,/ onde nacín e medrei de pícaro, e nela teño ancorado todo o meu ser”.

Quen así escribiu foi Tomás Antón Pereiras Gómez no poemario póstumo Nin rabechudo, nin badueiro, á que salta un indo, disposto por Galaxia nunha primorosa edición ao coidado da súa viúva, Nieves Olmedilla, quen elixiu como cuberta da obra un coñecido e moi fermoso cadro de Pissarro: “A côte des boeufs en Ermitage”.

O libro, un cento pasado de páxinas, recolle un conxunto de vinte e seis poemas longos que se estenden a través de varias planas en versos que tal parecen versículos, liberados de métrica, mais con sonoridades internas e cadencias ventureiras.

As composicións do escritor de Vedra recuncan nos temas e motivos que lle son caros e que xa ensaiou en anteriores volumes: Un querer só á espreita (2008); A labrega, ás duras, rexa e teimosa loitou (2010); Nas verbas enxebres, á retesía encerellado (2010); Nin barulleiro nin ás caladas, indo tras o enxebrismo (2011); Coas ideas fervendo a borbollóns, doado será ser escribidor (2012) e, xa tras o seu pasamento en agosto de 2013, Tentando ir ás cegas, non se chega a ningures (2013) e Podo ser un ninguén para ningures indo (2014).

Visten estes versos, pois, as reflexións éticas a propósito da conduta persoal e colectiva; a afirmación da súa adscrición labrega e culturalmente identificada; o matinar verbo do sentido da escrita; a denuncia de incurias e inxustizas varias; a contemplación extasiada da fermosura da natureza e a paisaxe nosa; o recordo entrañado das tradicións e personaxes (velaí o gaiteiro) da iconografía galega ou a lirificación da cultura material e espiritual nalgún dos seus elementos máis significados (o carro, as festas do Nadal), entre outras sentidas evocacións.

Tomás Antón Pereiras Gómez coa súa esposa María Nieves OlmedillasHai moito de eglóxico nestes poemas de Pereiras Gómez, un recender de gabanza de aldea e menosprezo de Corte que moito prestaría a Frai Antonio de Guevara, mesmo de neovirxilianismo de singular cuño. Mais Nin rabechudo, nin badueiro, á que salta un indo é, sobre todo, un exercicio portentoso de empastado léxico e fraseolóxico, un zurcido deliberado de canta achega non sobexa pode rastrexarse en dicionarios como os que no seu día elaboraron Eladio Rodríguez González, Isaac Alonso Estravís, Xosé Luís Franco Grande e outros que son citados ao remate do libro, que conta tamén cun xeneroso glosario de máis de trescentas voces empregadas nas composicións, que lle será de proveito ao lector non tan avisado nestas lides.

O escritor foi, neste sentido, plenamente consciente da dirección da súa autopoética: “Vou coa pretenda de endilgar na lontanía dende moi lonxe/ os froitos daquela semente ciscada polas follas dos libros,/ as que co paso do tempo serán á vez os froitos e a semente./ Si, as nosas pretendas, nas argolas da cadea dos pensamentos”. Coido eu que o seu propósito se ve cumprido, que este Nin rabechudo, nin badueiro, á que salta un indo, o mesmo que anteriores poemarios seus, ha servir aos que a el se acheguen para comprobar o celmoso do idioma, o feraz e expresivo dunha lingua como a nosa, abondosa en sinonímicos, en matices semánticos e xiros propios.

Tomás Antón Pereiras Gómez estaría feliz de saber que o seu legado literario se recibe con ben e interesa aos letraferidos. Á fin, é na memoria dos lectores onde mellor viven os escritores e, niso, a súa causa está gañada.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 31-1-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.