Taibo cincuenta anos despois

Praza PortugalEste domingo pasado, trece de marzo, alcanzouse o cincuentenario do pasamento de Victoriano Taibo. Compostelán de nacenza, ao longo da súa longa vida —finou con oitenta anos— viviu en diferentes lugares, mais foi nas terras de Morgadáns, en Gondomar, e nas rúas de Vigo onde pasou o derradeiro treito dos seus días, ata que deixou Palencia 37, en Lavadores, para ir repousar a Pereiró.

Taibo dedicouse en vida á docencia, formándose na Escola Normal de Santiago, e ben pronto comezou a participar do espírito rexionalista primeiro e nacionalista despois. De feito, el foi un dos membros fundadores das Irmandades da Fala en Compostela o 28 de maio de 1916, onde desempeñou o cargo de secretario. Foi por tanto, un membro significado do movemento do que este ano conmemoramos o centenario.

Grande amigo de Cabanillas e moi cordial compañeiro de López Abente, Taibo constitúe xunto a estes un dos vértices do brillante tríade poético das Irmandades. Ao seu estro debemos libros como Abrente (1922) e Da vella roseira (1925), aos que é preciso engadir os recuperados postumamente Abicedo. Cabrinfollas (2008).

Recoñecido como unha das figuras intelectuais máis importantes da Galicia do primeiro terzo do pasado século, en 1926 foi convidado a ingresar no Seminario de Estudos Galegos e en 1930 fíxoo membro o Instituto Histórico do Minho en Portugal.

Mais chegaron os días nos que a estrela de Taibo sufriu a sombra da Guerra Civil. A súa entrega á causa nacionalista fixo que as autoridades o desterrasen a Villalar de los Comuneros e naquelas terras valisoletanas pasou como mestre de 1938 a 1942. Á súa volta a Galicia, reintegrouse ao esforzado labor de soerguemento da nosa cultura e as nosas letras e a súa entrega e valía poética fóronlle recoñecidas co nomeamento como numerario da Real Academia Galega o 3 de febreiro de 1946, institución na que ingresou co discurso Rosalía de Castro, precursora da fala o 15 de outubro de 1948, sendo saudado como recipendiario por Ramón Otero Pedrayo. Aquela lección maxistral acabou publicándose case un cuarto de século despois, en 1972, e hoxe pode consultarse no web da corporación.

acto padronNarrador no libro de relatos Da agra aberta (1956), unha parte importante da poesía de Taibo fica aínda espallada por revistas e xornais nos que colaborou dende 1913 ata primeiros dos 60. De igual modo, tampouco se recolleron en libro as súas colaboracións ensaísticas, nas que as dedicadas a temas lingüísticos ocupan un posto non menor, e fican aínda por editar un feixe de textos aos que puxo o título de Contos pequenos e algunhas outras narracións que parece que van ver luz en breve.

O fondo saber de Taibo levouno a redactar páxinas e páxinas sobre Literatura, Historia, Política ou Etnografía e foi unha presenza habitual en relevantes eventos culturais do seu tempo, prodigando o trato amigable cos máis importantes persoeiros da pasada centuria, como Castelao, co que mesmo chegou a conferenciar; Vicente Risco, co que se carteou abundantemente; Villar Ponte, con quen compartiu angueiras de irmán; ou Otero Pedrayo, a quen o uniu unha afectuosa mutua admiración. Tamén nos seus anos vigueses cultivou o faladoiro e no taller de ourivería de Ángel Mareque Cajaraville, na Rúa Carral, ou na Taberna de Elixio, na Canella da Aurora, compartiu animada parola con colegas escritores como Cunqueiro, Castroviejo e Sigüenza, pintores como Laxeiro, Lugrís e Granell ou fotógrafos desta casa, como Bene.

O Instituto de Estudos Miñoranos ha honrar a memoria de Taibo no seu cincuentenario cun acto no que está previsto que, ao chamado de Miguel Anxo Mouriño, participemos estudosos e autores vencellados á súa figura. A xornada servirá tamén para convocar o IX Premio de Poesía que leva o nome do escritor e para lembrar ás autoridades pertinentes que este bo e xeneroso leva medio século agardando que lle dediquemos unha gran festa das letras.

[Faro de Vigo, 17-3-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Efemérides e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.