Lugrisiana

iglugrisSigo dende os seus inicios a andaina poética de Igor Lugrís, hai agora un cuarto de século, así que, ante a aparición esta mesma semana do Curso de Linguística Geral (2015), non puiden senón debruzarme de inmediato na súa lectura, na certeza de que as boas sensacións de anteriores obras volverían con esta nova entrega. E acertei. O mellor da súa lírica incisiva, humorada e emocional alcanza aquí venturoso cumprimento.

Ao meu ver, son catro as trabes mestras que percorren estas páxinas, que figuran divididas en sete seccións e que toman como arquitectura e campo para a transtextualidade o propio Curso de Lingüística Xeral de Ferdinand de Saussure publicado hai agora, exactamente, cen anos.

A escrita lugrisiana procúranos unha Ética, unha Estética, unha Erótica e unha Metafísica que van entrelazando a súa presenza ao longo de todo o poemario, se ben nalgunhas seccións é máis notorio o protagonismo dunhas ca doutras.

A Ética destes versos defende a liberdade e a diversidade, é insubordinada respecto de calquera tipo de subordinación e rexeita a violencia de xénero. Tampouco comunga cos presidencialismos e as políticas dirixistas, moito menos contra a prostitución da Cultura e da escrita e defende a liberdade, fraternidade-soridade e incluso a musicalidade (porque non hai revolución auténtica sen canto). O asemblearismo, o igualitarismo e a pulsión libertaria inzan en cada recanto, porque do que se trata é de “reogarnizar o Sistema” nunha dirección antimonárquica e arredada do neoliberalismo, que pense na protección da “forza de traballo”, que non escravice pola “produtividade” e que opte pola “propiedade colectiva”: “Poema prosaico, livre e comum/ comunista, comunitário e comunicador”.

Hai tras estas composicións unha Estética ben definida, que agocha asemade unha (auto)poética que profunda nos límites da escrita, na dicibilidade do existente. A poesía é unha revelación e a comunicación polo silencio, as pausas epifánicas, son decisivas, pois marcan a diferenza nesa pugna pola comunicabilidade, angueira que se herda, pois Lugrís ten plena conciencia de pertencer a unha tradición, a un colectivo con memoria do que é depositario, un “alofone” nunha Alba de Gloria de “fonemas”: “Un poema como uma implicatura/ que comunica o que não diz/ que não diz o que comunica./ Uma implicatura como un poema onde nada é o que parece/ e desaparece”.

Curso de Linguistica GeralCaracterístico deste Curso de Linguística Geral de Lugrís é tamén o ludismo erótico, apaixonado e vibrante, que xoga cos dobres sentidos para defender certos usos da lingua, a alternancia entre suxeito e predicado, activo e pasivo e concordancias varias lingüístico-amatorias. Por descontado, esta mesma duplicidade acode tamén en poemas como “Os verbos copulativos”, “As solidariedades sintagmáticas” e outros, onde os nexos, a sintaxe (unión) e as complementacións van da gramática ao leito, de xeito tal que as “grafías livres” se ciscan na “pele” e o poeta réndese a un “axioma que me enreda/ entre as súas pernas”. Un texto como “Prova de conmutação”, onde as posturas arriba/abaixo, diante/atrás, horizontal/vertical se describen para o cambio dos elementos lingüísticos e se insinúan para a cópula confirman “que os resultados variam/ mas que o significado/ do prazer/ mantém-se inalterável”.

Finalmente, a escrita de Lugrís comporta tamén unha reflexión fonda sobre cuestións ontolóxicas. Deste xeito, hai unha percepción do individuo como un ser de Tempo, caduco, un ser para a morte (con todas as implicacións filosóficas que isto comporta). Mesmo a definición mutable do ser, a visión deste como unha realidade líquida (no ronsel de Bauman) figura aquí salientada. Porque, en definitiva, o que se procura é determinar o problema da identidade, e, nese profundar, hai ecos nominalistas, platónicos e aristotélicos, que entenden que somos/estamos asegún e que os contextos nos definen, que hai unha pulsión demiúrxica que crea a realidade porque a verbaliza. Máis aínda, o dominio da lingua supón o dominio do Poder, por iso non abonda con ter os elementos da comunicación, senón que é preciso a Vontade, a elección de servirse deles, xa que a Linguaxe é o Pensamento e este a comprensión da Realidade e, xa que logo, a palabra ten un poder transformador do empírico, alén (ou a carón, se se prefer) da dicotomía ficción/verdade da escrita: “A língua/ como uma máquina/ autopoiética”.

Con certeza, este Curso de Linguística Geral de Igor Lugrís, que conta cun excelente e iluminador prólogo de Teresa Moure, ha resultar unha lectura do máis suxestiva para aqueles que con el se animen, pois foi argamasado cun humor esclarecedor e habelencia nos recursos estilísticos, o que fai desta obra un convite para o deleite fondo e a reflexión próvida.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 21-2-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.