José Almoina, un lucense singular

aaaaa

A vida do lucense José Almoina é unha das máis apaixonantes de cantas coñezo entre os escritores nacidos en Galicia. Fillo dun cirurxián santiagués e dunha fermosa moza cubana, pasou a súa infancia e primeira mocidade na cidade amurallada, para logo ir estudar fóra dela Filosofía e Letras e acabar converténdose en oficial de Correos.

A Guerra Civil colleuno nas terras zamoranas de Benavente, onde exercía a súa profesión e defendía os intereses dos traballadores dende o fondo compromiso coa causa socialista, pois mesmo chegou a presentarse como segundo cabeza de lista do PSOE ás eleccións de 1933. Así as cousas, a barbarie falanxista non lle perdoou nin a súa militancia progresista nin a súa adscrición á masonería e obrigouno a fuxir coa súa muller e fillos a Francia, onde Almoina exerceu en 1938 como cónsul en Bordeos do goberno republicano.

Cando rematou a guerra, Almoina marchou coa familia á República Dominicana, onde se dedicou ao ensino público (na Escola Diplomática daquel país e tamén na súa Facultade de Filosofía e Letras e mesmo na Escola Nacional de Belas Artes) e privado, ocupación que o levou a ser o preceptor do fillo do ditador Rafael Leónidas Trujillo a primeiros dos anos corenta do pasado século. Apenas tres anos despois de principiar o seu labor de preceptor, o ditador nomeouno o seu secretario persoal, cargo que lle provocou non poucos conflitos interiores e que acabou por facer que decidise abandonar o país e marchar vivir a México.

Almoina-Fole (II)Horrorizado polo que vivira ás ordes de Trujillo, quixo denunciar por escrito aquel despotismo e publicou en 1949 o libro Una satrapía en el Caribe. Historia puntual de la mala vida del déspota Rafael Leónidas Trujillo, volume que asinou baixo o pseudónimo de Gregorio G. Bustamante.

Sabedor da existencia de tal obra e tras realizar intensas pescudas para lograr coñecer a autoría verdadeira daquel libro denunciatorio, Trujillo descubriu que Almoina fora o responsable do mesmo, así que enviou o seu persoal de seguridade para obrigar o lucense a que escribise outro libro exculpatorio e aínda de vergonzante loa áulica, volume que, en efecto, chegou a se publicar co título de Yo fui secretario de Trujillo apenas uns meses máis tarde, en 1950.

Unha vez que Trujillo conseguiu o que quería —que Almoina padecese a burla pública de ter que escribir desdicíndose—, procedeu a ordenar o seu asasinato, que levaron a cabo uns sicarios seus en México DF. a primeiros de maio de 1960, peripecias todas das que dá conta a tamén lucense Isabel Gómez Rivas na monografía Almoina (2013).

Especialista no Romanticismo —tanto dende a vertente literaria coma da artística en xeral e a pictórica en particular— e tradutor, José Almoina chegou a ser un dos personaxes do Galíndez de Manuel Vázquez Montalbán ou de La fiesta del chivo de Mario Vargas Llosa.

Vaian estas liñas na lembranza dun lucense de vida autenticamente novelesca que desapareceu, ferozmente liquidado, hai hoxe cincuenta e seis anos, como lembra o artigo de Ánxel Fole (El Progreso, 24-7-1977) que ilustra estas liñas e que pode lerse clicando na imaxe.

Esta entrada foi publicada en Literatura en lingua castelá e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.