Centenario Cela

cela_celso emilio_emilio alvarezHoxe é o aniversario de Camilo José Cela, o escritor de Iria Flavia que nos deixou vai para tres lustros. Por nacenza e por crianza Cela tivo un contacto directo non só coa cultura, a lingua e a literatura de Galicia, senón mesmo con algúns dos seus máis firmes defensores, pois seu pai cultivou a amizade de persoeiros como Antón Vilar Ponte e Antonio Noriega Varela e durante a súa infancia as visitas ao seu avó paterno en Tui déronlle a oportunidade de xogar a argallar con Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez, tal como o confesou o propio autor en La Rosa (1959), o primeiro volume das súas memorias.

Esta familiaridade coas nosas letras non desapareceu cando, sendo aínda neno, a súa familia marchou vivir a Madrid, pois as súas viaxes a Galicia foron frecuentes durante a adolescencia e mocidade, chegando a residir na Coruña durante algúns meses ao acabar a Guerra Civil.

casa celaA fins dos corenta e ao longo dos cincuenta Cela continuou visitando terras galegas invitado como conferenciante aquí e acolá, estancias breves que lle facilitaron tanto o reencontro con coñecidos de vello coma o xurdimento de novas amizades. Por ese tempo comezaron a agromar as colaboracións xornalísticas nas que o futuro Nobel se ocupou das paisaxes e paisanaxes galegas en cabeceiras como Arriba, El Español, Información Comercial Española, Finisterre, Solidaridad Nacional, Informaciones, La Tarde, La Vanguardia ou a arxentina La Nación. Mesmo colaborou no número especial do centenario de Faro de Vigo en 1953 co artigo “Padrón, Padrón, Santa María, Lestrove…”, no que lembrou a súa Iria Flavia natal e tamén os próceres do lugar: Macías O Namorado, Juan Rodríguez del Padrón e a moi admirada Rosalía de Castro.

Nestes e noutros artigos escritos ao longo da segunda metade do pasado século Cela rememorou Compostela, Vilagarcía de Arousa, a Costa da Morte, A Coruña ou Sanxenxo. E a Cunqueiro e os Seis poemas galegos de Lorca, Pastor Díaz e Añón, García Ferreiro, Rosalía, Valle-Inclán, Núñez González, Lamas Carvajal, Cabanillas, Noriega, Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas e mais Zapata García. Tamén si, a Romasanta, o teatro galego, Benito Soto ou o barallete.

a familia de pascual duarteAgora ben, o episodio fundamental deste vínculo tivo lugar nos anos 50-60, cando Cela intensificou os contactos cos primeiros espadas das letras galegas movido polo desexo de ver traducida La familia de Pascual Duarte. Con tal intención estableceu unha relación epistolar con Ramón Otero Pedrayo (finalmente prologuista da obra) e Vicente Risco (tradutor da mesma) e aínda con Francisco Fernández del Riego e Celso Emilio Ferreiro como mediadores neste e noutros asuntos.

Esporeado polas ansias de ver vertida á lingua de Rosalía esta súa novela, Cela fixo por agradar os amigos e propiciou tres logros para a cultura galega: a visita de Américo Castro a Galicia a primeiros de setembro de 1957, a introdución de certos cambios na redacción da voz “gallego” no dicionario da Real Academia Española para evitar interpretacións onerosas e a decisión de crear unha colección poética galega baixo o selo da revista Papeles de Son Armadans que non chegou a callar, aínda que, en xusta compensación, non foron poucos os escritores de noso que viron publicados textos na revista: Iglesia Alvariño, Cunqueiro, Álvarez Blázquez, González-Alegre, Díaz Jácome e bastantes outros, entre os que salienta Celso Emilio, con quen o uniu un trato moi amigable, como evidencia o cruzamento de escritos laudatorios.

Destas querenzas persoais e pegadas literarias ficou testemuño epistolar, pois consérvanse as misivas que mantivo cos amentados Risco, Otero Pedrayo, Celso Emilio ou Fernández del Riego, a quen en 1962 lle escribiu agradecido pola tradución galega de La familia de Pascual Duarte confesando: “Cada día que pasa me siento más deudor con Galicia y con todo lo que Galicia vale y representa y sueño con acertar a corresponder algún día”.

Versos en galego e novelas sobre Galicia

camaleon solteiroA finais dos anos corenta, nunha entrevista concedida a Borobó que publicou o xornal La Noche, Cela declarou: “Pienso escribir una trilogía de novelas gallegas: la heroica novela del mar, la epicúrea novela del valle y la dura novela de la montaña”. Levoulle o seu tempo, pero cumpriu os plans; velaí o están, para confirmalo, o referido capítulo biográfico de La Rosa (1959) e aínda a prosa de viaxes Del Miño al Bidasoa (1952) —poética da infancia nas terras de Iria e outros vales fluviais andados—, Mazurca para dos muertos (1983) —a memoria do ancestral rural galego do interior— e La Cruz de San Andrés (1994) —a Galicia urbana do litoral coruñés— e mais Madera de boj (1999) —relato fisterrán de náufragos do mar e da terra.

De por parte, Cela publicou tamén algúns textos directamente en galego, como os artigos visados de O camaleón solteiro (1991) e tres poemas de título revelador que apareceron na revista Papeles de Son Armadans en 1957: “Romaxe da Historia natural”, “Canzón pra unha muller aldraxada polo tempo” e “A unha rapariga garatuxeira, chamada Catuxa de Fiz”.

[Faro de Vigo, “Faro de Cultura”, 5-5-2016]

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Literatura en lingua castelá, Literatura galega e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.