Versos escollidos de Manuel María

Manuel MaríaO Ano Manuel María chega ao seu cénit coa inminencia da celebración do Día das Letras Galegas e, logo de meses nos que fomos vendo aparecer as máis diversas publicacións arredor da figura homenaxeada, convén ir xa poñendo o foco naquelas que coido máis salientables.

Entendo que un dos traballos máis necesarios para a acaída divulgación do autor de Outeiro de Rei é a confección de selectas que espiguen o máis graúdo do seu labor poético, extraordinariamente prolífico, un dos máis profusos da historia da literatura galega. Se poñemos por xunto os poemarios, cadernos poéticos e separatas dados á luz por Manuel María o conxunto soborda, amplamente, o medio cento de títulos. Unha obra de tal dimensión por forza ha ter momentos fulgurantes, outros de dourada medianía e mesmo algúns —xa se sabe: o bo de Homero tamén dorme de cando en vez— de menor brillantez.

É por iso que resulta tan valioso o guieiro crítico de avezados antólogos que demouquen o abondosísimo festival de flairas versais que en Manuel María se contan por milleiros para escolmar aquelas ponlas máis cernís, as gaias de máis poderoso vizo.

Ese é o reto que asumiron Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela ao responsabilizarse da Antoloxía poética publicada na colección Letras Galegas da Editorial Galaxia. Seleccionar pouco máis de oitenta poemas de entre os moitos centos escritos por Manuel María ao longo de máis de medio século é unha tarefa ardua coma poucas, pois a cantidade e a calidade non teñen por que gardar sempre proporción áurea.

Cómpre, por tanto, felicitar os antólogos polo seu intenso quefacer. Como acontece con todas as escolmas, un poderá concordar máis ou menos coa selección, mais neste caso non pode negarse a representatividade da mesma canto ao número de obras das que se tomaron os textos nin tampouco respecto das múltiples liñas temáticas e estéticas que se incluíron.

8-5-16 nordesiaAgora ben, teño para min que a alfaia máis prezada deste volume non está tanto na parte da escolma —que tamén— coma na reveladora “Introdución” á mesma escrita por Cabana. Un longo ensaio de máis de corenta páxinas no que se fai un completo repaso á biobibliografía de Manuel María, incardinando cada obra no contexto vital e epocal no que se produce, iluminando o sentido preciso da escolla dos asuntos e as retóricas de cada momento e facendo unha categorización de toda esta poética en catro grandes períodos: a escrita entre o existencialista e o surrealista, de “arroiada brutal” e “imaxes alucinatorias” de moitos dos poemas dos primeiros libros (Muiñeiro de brétemas, Morrendo a cada intre e Advento); unha segunda etapa máis plural nos contidos e as formas, que van dende o telúrico e paisaxístico ata o intimista e transcendental, máis sempre co goberno da “sinxeleza expresiva”, da “claridade” (así no célebre Terra Cha, pero tamén nos Documentos personaes, o Libro de pregos e, sobre todo, en Mar maior); unha terza xeira inequivocamente social e reivindicativa, que predomina dende mediados dos sesenta ata finais dos setenta en libros como Proba documental, Versos para un país de minifundios, Informe para axudar a alcender unha cerilla, Cantos rodados para alleados e colonizados ou Poemas para construír unha Patria, entre outros; e unha cuarta e derradeira época, iniciada de pleno en 1980 coa aparición de Poemas da labarada estremecida, versos amatorios aos que seguiron outros de lirismo confesional, evocacións das paisaxes e paisanaxes chairegas e doutros espazos por el benqueridos e frecuentados, como se percibe nos Versos do lume e o vagalume, O camiño é unha nostalxia, Ritual para unha tribo capital de concello, Compendio de orballos e incertezas ou os Sonetos á Casa de Hortas, por só amentar algúns.

Unha sucinta pero orientadora bibliografía crítica, valiosas indicacións a pé de páxina nalgúns poemas (sobre todo de xorne lingüístico) e mais unha nótula cos criterios de edición seguidos para a escolma completan esta Antoloxía poética que asinan Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela, edición máis que recomendable para transversalizar a lectura do poeta oceánico que Manuel María foi, quen seguro que habería de ficar satisfeito do labor realizado.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 8-5-2016]

 

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.