Letras en familia

bronte

Se escribo Brontë seguro que ben pronto acode á nosa mente un memorable tríade que pasou á Historia como sobresaliente exemplo de sororidade literaria.

Sempre se fala das irmás Brontë como paradigma do talento literario por triplicado, mais, en realidade, foron cinco, ás que habería aínda que sumar un irmán. Dúas delas, Maria e Elizabeth, morreron de preadolescentes, así que non lles deu tempo a escribir ren, e o irmán, Branwell, afogou en alcohol as súas ansias de poeta frustrado, finando tamén mozo. Esa é a razón de que só lembremos a Charlotte, Emily e Anne. A primeira delas, por certo, estes días de bicentenario, pois naceu en 1816.

Fillas dun excéntrico crego de orixe irlandesa ―tamén el poeta e articulista―, a súa azarosa vida é en si toda unha novela, longa abonda para contar aquí, mais en nada desmerecente da Jane Eyre que inmortalizou a Charlotte, os Cumes treboentos cos que gañou xusta fama Emily ou as non menos meritorias Agnes Grey e A inquilina de Wildfell Hall que asinou Anne.

Sen dúbida Charlotte e as súas irmás constitúen un caso notorio, pero non único. Sospeito que han de existir razóns educacionais ―e quen sabe se tamén biolóxicas― que axuden a explicar por que tantos escritores célebres foron ou son irmáns, fillos e mesmo netos doutros autores igualmente famosos. É esta, amais, unha constante que se ten dado en todas as épocas e lugares e que non deixa de sorprender polo que nela hai de comuñón e transmisión da xenialidade.

GrimmOutros casos curiosos da tradición anglófona foron a admirable Mary Wollstonecraft, narradora e ensaísta feminista quen morreu ao dar a luz Mary Shelley, autora do Frankenstein. Ou o estadounidense Nathaniel Hawthorne, quen tivo un fillo tamén escritor, Julian, que foi o protagonista dunha anécdota reveladora da perplexidade e confusión das xentes á que ás veces arrastra esta circunstancia de compartiren pais e fillos ocupación: nunha recepción a Julian felicitouno unha dama da alta sociedade polo ben que lle saíra A letra escarlata; este, con toda a retranca do mundo, respondeulle que, efectivamente, saíra moi ben, sobre todo tendo en conta que fora escrita cando el contaba só catro anos de idade.

Do mesmo xeito, na literatura francesa é paradigmático o caso dos dous Alexandre Dumas, pai e fillo, quen, sendo autores indiscutibles e profesándose o esperable afecto, tiñan caracteres moi diverxentes, ata o punto de que o xenial desenfado do pai ―Os tres mosqueteiros, O conde de Montecristo― irritaba profundamente o máis recto fillo ―A dama das camelias―, quen nunha ocasión mesmo chegou a reprender o seu proxenitor afeándolle que dese a coñecer tantas obras escritas secretamente ‘en colaboración’, ao que o pai respondeu rexoubeiro que todas as cousas verdadeiramente importantes da vida se facían en colaboración e que así o fixeran a el súa nai e mais el.

Na tradición hispana rexístranse tamén exemplos célebres, como os de Nicolás Fernández de Moratín ―El arte de las putase o seu fillo Leandro ―El sí de las niñas, La derrota de los pendantes―; o dos poetas ManuelHoras de oro― e Antonio MachadoSoledades, Campos de Castilla, La tierra de Alvargonzález―; ou dos Goytisolo (José Agustín, o irmán maior, poeta, e mais Juan e Luis, novelistas) e os Panero (poeta o pai, Leopoldo, e mais os dous fillos, Juan e Leopoldo María).

E, en fin, outro tanto podería dicirse doutras literaturas, como a xermana, cos afamados irmáns Jacob e Wilhelm Grimm, non só importantes como etnógrafos e compiladores de contos de fadas, senón pais tamén da filoloxía alemá.

Parentela galega

escolma de familiaGalicia tamén deu ao mundo familias literarias de mérito. Só cómpre lembrar o rexionalista Uxío Carré Aldao e os seus tres fillos Uxío, Leandro e Lois Galo Carré Alvarellos; os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte, fundadores e destacados persoeiros das Irmandades da Fala; Vicente Risco e o seu fillo Antón; Álvaro Cunqueiro e o seu fillo maior César; Fermín Bouza Trillo, o seu fillo Bouza-Brey e o seu neto Bouza Álvarez; e, mais nos nosos días, os irmáns De Toro (Suso, Xelís e Antonio Raúl), Villar (Miro e Rafa) ou Valcárcel (Xulio e Xesús Manuel), Xosé Luís Méndez Ferrín e María Xosé Queizán e as poetas Cristal Méndez Queizán e Oriana Méndez; Uxío Novoneyra e a súa filla Branca; Roberto Vidal Bolaño e o seu fillo Roi Vidal Ponte ou, por non ser prolixo, as Brontë galegas, as tres irmás poetas Andrea, Lara e Marcela Porto Mato.

Agora ben, se hai un caso entre nós que destaca pola súa admirable recursividade ese é o da familia Álvarez, insólita saga recollida no libro Escolma de familia (2000). Unha historia literaria que se remonta ao século XIX co bisavó dramaturgo e ensaísta Emilio Álvarez Giménez, que pasa polo avó poeta Xerardo Álvarez Limeses, os seus fillos Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez ―polígrafo consumado que tiña un curmán, Emilio Álvarez Negreira, tamén escritor― e os fillos deste, Afonso, Xosé María e Celso Álvarez Cáccamo, poetas e narradores.

[Faro de Vigo, 2-6-2016]

Esta entrada foi publicada en Literatura insólita e etiquetada . Garda a ligazón permanente.