Evohé

EvohéA miña lectura destes días levoume ata Evohé, a revista da Facultade de Humanidades de Lugo que dirixe Cristina Fiaño e que agora chega ao seu número vinte e seis nunha andaina que alcanza as dúas décadas.

Esta nova entrega vén inzada de agradables sorpresas. De primeiras, trátase dun número monográfico dedicado ao creador da Historia universal de la infamia baixo o título “Borges caleidoscopio”, mais engade outros contidos non menos agradecidos.

O caderno central sobre Borges principia cun poema que lle dedica Luz Pozo Garza, “Adeus, Georgie”, tras do que figuran dúas interesantes e amplas entrevistas: a primeira asínaa Héctor Acebo, quen dialogou co director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago en “Claudio Rodríguez Fer, autor de Borges y todo”. Na conversa Acebo repasa co poeta e estudoso lugués os catro ensaios que compoñen o seu último volume borgeano, enfocados á análise da concepción da literatura fantástica no escritor arxentino, a súa relación con Galicia e a cultura galega, os encontros que tivo con Valente e a súa capacidade calidoscópica para gozar do universo en toda a súa diversidade.

Tras esta longa conversación engádese unha outra mantida por Fiaño e o responsable da edición crítica de El aleph titulada “Julio Ortega, hispanista especialista en la obra de Borges”, onde, entre outros asuntos, se dá conta do contexto no que se produce a recuperación do inédito borgeano de Los Rivero, un relato/novela inacabado que o investigador peruano descubriu non hai moito na Universidade de Austin.

Seguen logo dous textos de testemuña memorialística: “Mi recuerdo de Borges en Austin”, de Lily Litvak, e mais “Recuerdo de Borges”, de Claudio Pérez Míguez, que se complementan con dúas narracións de airexa borgeana (“Ex-libris”, de Vero Mariaka, e “Sueño con Borges”, de Francisco Sosa) e unha aproximación a modo de comentario dun dos libros referenciais do porteño, “Ficciones para entrar no labirinto de Borges”, outra volta da man de Fiaño.

O especial suma aínda un repaso fotográfico a unha “Buenos Aires caleidoscópica” realizado por Valentina Lazo; a revisión do cinematográfico en Borges que Federico Karstulovich ensaia en “La vanguardia es la retaguardia”; a lectura da pegada do asiático que compendia Zhou Wei en “Borges y su reflejo oriental” e mais a disección filosófica de José David Espasandín García en “Borges contra el tiempo”.

borgesA maiores, a revista integra tamén aproximacións á Arte do informalismo europeo como o artigo “Ruido y paisaje. Ensayo breve sobre Pierre Alechinsky” de Eduardo Fernández; unha recolleita dos gravados de Norah Borges reproducidos nas revistas galegas de Preguerra; o vademecum non patriarcal deseñado por Carmen Blanco en “Rosas de mil follas: guía persoal do tratamento non opresivo da Cultura”; a recuperación e estudo do epistolario cruzado “Vidas entrelazadas: cartas de Vicente y Antón Risco a José Ángel Valente” analizado por Alba Fernández Méndez; a achega “O drama da inmigración en Cantares gallegos de Rosalía de Castro” de Adela López López; a reprodución de “Relatos” de Ruth González Fuertes, a narración “Asubíos” de María Sandra López Fernández e mais o poema bilingüe chinés-castelán “A ti” de Zhao Bing e, como coda, unha nova entrevista a “Antonio Gamoneda, escritor y Premio Cervantes” da infatigable Fiaño.

Quen poida facerse cun exemplar desta nova entrega de Evohé estará de sorte. Moita e moi interesante vida literaria se reúne nel arredor de voces indiscutibles como Borges, Valente ou Gamoneda, visitados por estudosos e creadores ben recoñecidos como Pozo Garza, Litvak, Ortega ou Rodríguez Fer e tamén por destacados valores das novas promocións como Acebo ou a propia Fiaño, entre outros. Razóns sobran, pois, para a invocación vital e felicísima: Evohé.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 13-3-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Varia e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.