Casas literarias: Xulián Magariños Negreira

casa magariños negreiraA vida de Xulián Magariños Negreira foi tan breve coma intensa. Naceu o 16 de setembro de 1904 na vila que levaba no segundo apelido, nunha casa da Praza do Ferreiro, pé mesmo do Pazo de Cotón, en terra, por tanto, de vella estirpe literaria dende os tempos do trobador Afonso Eanes.

De neno cursou os estudos primeiros na súa vila, pero logo fixo o exame de ingreso no Instituto Xeral e Técnico de Santiago, a onde foi vivir en 1916. Ao principio parou cunha súa tía, na Praza de Cervantes e, xa máis tarde, cando se matriculou en Dereito (1922-1927), compartiu pensión na rúa do Franco cos irmáns Fontán Maquieira.

Por ese tempo espertou en Magariños a pulsión galeguista, que o levou a participar con fruición nos faladoiros do Café Español, na rúa do Vilar, onde coincidiu con moitos outros grandes nomes da nosa literatura daquela hora.

Tamén si, foi entón cando se incorporou á andaina do SEG, ao que pertenceu dende a súa fundación en 1923. E o groso da obra literaria e ensaísta deste nicrariense veu luz nese momento: as novelas O kalivera 30 H. P e O filósofo de Tamarica (ambas de 1926) e mais a súa participación no Vocabulario popular galego-castelán, que preparou para o SEG entre 1926 e 1928 —xunto a X. Cordal Carús, X. Filgueira Valverde, L. Tobío Fernández— e que publicou por entregas El Pueblo Gallego. O resto da súa produción, toda ela xornalística, espallouna pola prensa tanto galega coma da emigración.

placaEn 1928, rematada a carreira, marchou a Madrid para preparar oposicións a rexistrador da propiedade. Non tivo sorte, entre outras cousas porque a fraca saúde que sempre o acompañou comezou a facerse notar severamente, privándolle do acougo necesario para saír con ben daquel reto.

Así as cousas, regresou a Negreira e abriu un bufete de avogado en 1930. Na primavera seguinte casou con Carmen Negreira Tomé, filla dunha comerciante de panos e lencería que alugou a Magariños parte do baixo da casa na que residían e tiñan a tenda para que este montase alí o seu despacho de avogacía.

Pois ben, o inmoble referido foi logo o fogar dos mozos casados, o mesmo que se ve na foto, sito na Carreira de San Mauro, número 28, a escasos metros de onde nacera o escritor, a un tiro de pedra do Pazo do Cotón, a menos de cen pasos do edificio que dende 1933 pasou a albergar o concello.

Nesta casa da Carreira de San Mauro que se contempla na foto viviu Magariños días felices, como ten relatado con fondo saber Xosé Amancio Liñares Giraut, o seu biógrafo e mellor coñecedor. Naquel lar naceron os seus fillos. Alí seguiu escribindo para Nós e A Nosa Terra, tamén para Galicia de Buenos Aires e para o periódico agrarista comarcal La Voz de Barcala, onde apareceu a súa derradeira colaboración, que versaba, non por casualidade, sobre a revolución de 1846.

Hoxe hai exactamente oitenta e dous anos que faleceu nesta casa da Carreira de San Mauro Xulián Magariños Negreira, quen botara o último medio ano encamado cunha doenza do corazón que acabou con el na flor da vida, con apenas vinte e nove anos.

Cómpre lembrar a entrega literaria e xornalística de Magariños Negreira, o seu amor por Galicia e a súa cultura, a súa xenerosidade para traballar a prol da causa común da identidade do noso pobo. Na súa efeméride, sirvan estas palabras como homenaxe.

 

Esta entrada foi publicada en Casas literarias e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.