Violetas para a Memoria

Do gris ao violetaA memoria é pertinaz e teima en non deixarnos esquecer o que non pode desaparecer da acordanza. A lembranza das mulleres represaliadas e resistentes, das heterodoxas e rebeldes, das que non comungaron con rodas de muíño nin se abaixaron á sociedade que as obviaba, que as marxinaba ou, non peor dos casos, as desprezaba e mesmo as maltrataba, esa lembranza vai impresa como un engrama cerebral e non dorme.

Por iso é tan necesario un libro como Do gris ao violeta. Achegas á Historia das mulleres en Pontevedra. Necesario e inevitable, pois é evidente que a memoria non ten atallos, nin portas traseiras, nin podemos enganala e vai connosco. Que logo nos acompañe a xeito de mancadura branca ou de remorso é outro cantar. Cada quen, sabe.

Neste volume publicado polo Concello de Pontevedra participan unha decena de autoras e autores que nos achegan á andaina das mulleres pontevedresas ao longo da Historia. Mais non unicamente a aquelas que sobrancearon por algún motivo social, artístico ou cultural, senón, sobre todo, a aquelas en concreto que padeceron a incomprensión do seu tempo, que tiveron que facer o seu vieiro á marxe do establecido pola sociedade bempensante ou o réxime imperante.

Apréndese, así, nestas páxinas sobre as “Pioneiras, heterodoxas e rebeldes” das que nos fala María Xesús López Escudeiro, dende as sandadoras medievais que sufriron a Inquisición ata as grandes pedagogas do pasado século, pasando polas masonas, navegantes ou impresoras.

E tamén coñecemos mercé ao traballo de Carme Vidal en “Creadoras na construción doutro mapa artístico da cidade” as pintoras, compositoras, actrices e escritoras desta parte de Galicia, vizosa en voces de talento, como Aurora Vidal Martínez, Herminia Fariña Cobián, María Victoria Moreno ou Fina Casalderrey.

Do gris ao violeta (II)Por eidos xa máis concretos avanzan as entregas de Mª Victoria Martins Rodríguez sobre a “Muller e educación”; de Xosé Álvarez Castro verbo das “Sobreviventes. A represión sobre as mulleres en Pontevedra”; de Montse Farjardo sobre “As que quedaron” —relato das familiares das/os represaliadas/os que logo amplificou no magnífico Un cesto para mazás (2015)—; de Ana Cabana en “Mulleres diante” arredor das sindicalistas agrarias pontevedresas; de Ramón Rozas evocando “A vida desde un mostrador” das vendedoras; de Mario Gallego Rei a propósito de “As palilleiras pontevedresas”; de María Abelleira Fontán respecto das “Traballadoras: termando da terra, do ceo e do mar”; e de Ana Acuña analizando “As prostitutas da Moureira vistas por Sabino Torres”.

O libro, magnificamente editado, complétase coas palabras liminares de Miguel A. Fernández Lores, Carmen Fouces e Luís Bará —principal motor deste valioso volume—, cunha “Liña do tempo e discurso histórico” onde se dá conta das mulleres na Historia de Pontevedra dende o Medievo ata os nosos días e dun amplo caderno fotográfico no que se recollen instantáneas da exposición homónima que puido contemplarse nas rúas teucrinas en marzo do pasado ano.

Presta parabenizar as e aos responsables deste Do gris ao violeta, por recordarnos que houbo mulleres de dignísima memoria, que existiron pontevedresas que temos de lembrar como un exemplo e que, ante o grisallo daqueles que non souberon recoñecelas, o noso tempo debe aprender a ofrecerlles o galano da violeta máis sentida, do índigo máis emotivo, da malva mais agradecida.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 10-4-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.