O universo cinegramático de Rodríguez Fer

Claudio Rodríguez FerClaudio Rodríguez Fer é probablemente o poeta galego que con máis intensidade ten dialogado nos seus textos co mundo da sétima arte. Dende hai máis de trinta anos a súa escrita lírica, narrativa, ensaística e teatral viuse tinguida por referencias, homenaxes ou exploracións que son xa connaturais á súa maneira de ver e entender o fenómeno creativo, unha continuidade lóxica entre o cinematográfico e o literario, fusión total das artes da imaxe e a palabra.

Non é de estrañar que así sexa. O poeta confesou nalgunha ocasión que lle era imposible lembrar cando fora a primeira vez que entrara nunha sala de cinema, pois súa nai comezou a levalo sendo aínda unha crianza cativiña e sorprendíase ao ver como bagoaba vendo as desventuras de Chaplin en A quimeira do ouro, no canto da común hilaridade. Sensibilidade de creador: non vos riades, que o conto é triste.

Aquel rapazolo medrou e nos anos setenta fíxose asiduo colaborador dos cine-clubes lucenses do Club Cultural Valle-Inclán ou o Marcos da Portela. E con tan só dezasete anos xa estaba impartindo saber dende as páxinas de El Progreso, nas que publicou o seu primeiro artigo cun título rotundo: “Entre Kafka y Shakespeare: el cine algebraico de Orson Welles”.

cinepoemas 1983Logo viñeron as ducias de poemas dedicados a filmes e actores, os numerosos artigos sobre cinema internacional e galego, os estudos sobre a presenza desta arte en Fole, Risco, Otero, Carballo Calero, Celso Emilio ou Ferrín, o tramar do fílmico nos seus relatos e pezas breves de teatro e mais o guionado de documentais.

Mais se houbese que salientar entre todo o seu extenso quefacer un único título que simbolizase esta íntima unión do cinematográfico e o literario este sería, con certeza, Cinepoemas, libro publicado por vez primeira en 1983 por Xerais, que ve agora nova luz da man do selo Ouvirmos nunha edición ao coidado gráfico de Cristina Fiaño.

Este novo Cinepoemas é, en realidade, unha refactura integral do primeiro. As trinta e oito composicións orixinais convertéronse aquí en corenta e catro, desapareceron algunhas e incorporáronse outras e engadiuselle toda unha sección baixo o rótulo de “Cinegramas” que non aparecía na primeira entrega, pois está composta por fotopoemas dos anos noventa e dous mil.

Cinepoemas é un atlas fílmico-vital, unha crónica en fotogramas poetizados dunha sorte de educación sentimental cinematográfica ou, se se quer, un compendio lírico daquelas cintas que deixaron marca indeleble na ánima do autor. Por iso os versos deste libro recrean tantas escolas e épocas, dende os pioneiros coma Griffith ata o cinema ruso clásico (Eisenstein, Pudovkin, Dovzhenko), pasando por Vidor ou o cinema mudo cómico dos Chaplin, Keaton ou Lloyd, por suposto o cinema alemán de Lang e Murnau, a factoría Disney con Bambi, o cine moderno de Welles, a arte italiana de Sica, Fellini, Antonioni, Pasolini, Visconti ou Cavani, a estadounidense de Ford ou Kazan, a francesa de Godard e Resnais, o suspense de Hitchcock, o transcendentalismo de Bergman, o intimismo Cinepoemasintrospectivo de Rohmer ou a alegoría-ficción de Kubrick, entre outros.

Este novo Cinepoemas suma os engados do musical, o western, o amoroso parisiense, o exotismo polinesio, o thriller de ciencia ficción ou a loita anticolonialista, entre outros universos fílmicos recreados. Todo visualizado a través do elaborado traballo gráfico de Fiaño, en si unha outra creación, facendo dialogar as súas composicións icónicas coa arte versal feriana para ofrecer un conxunto de forte impacto visual e alento artístico integral, na vangarda do noso tempo.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 24-4-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.