Espectros

espectrosEdward Bulwer-Lytton (Londres, 1803-Torquay, 1873) é un claro exemplo do ben voluble e inconstante que a deusa Fortuna pode chegar a ser cos escritores. No seu tempo, gozou de extraordinaria fama e, xunto a Thackeray e o propio Dickens, contouse entre os autores máis populares tanto no Reino Unido coma fóra del. Hoxe apenas se lembramos del Os derradeiros días de Pompeia (1834), novela histórica que aínda segue léndose e reeditándose.

Ende mal, ben pouco se sabe do seu labor poético e teatral e tende a esquecerse que foi un precursor da ciencia ficción en relatos como Vril: o poder da raza futura (1871), que escribiu notables relatos de terror como Zanoni (1842) ou Unha estraña historia (1862) e mesmo meritorias narracións costumistas como Pelham (1828). A el debemos, amais, sentenzas que se popularizaron en toda parte, como a arquifamosa “o tempo é ouro”, “a pluma é máis forte que a espada” e o tópico literario “era unha escura e tormentosa noite”, que incluíron nos seus textos autores como a clásica da literatura de ficción científica Madeleine L’Engle’s ou todo un Edgar Allan Poe.

Vén a conto o que escribo porque acaba de aparecer a que coido é a primeira tradución ao galego dun libro de Bulwer-Lytton. Trátase de The Haunted and the Haunters; or, The House and the Brain, narración publicada por vez primeira no Blackwood’s Magazine en agosto de 1859 que agora ve a luz na colección Vólvense os paxaros contra as escopetas, un selo de Hugin e Munin no que foi vertida baixo o título O enfeitizado e os feiticeiros ou A casa e o cerebro por Alejandro Tobar.

Considerada por moitos como unha ghost story modélica, a trama de A casa e o cerebro ten todos os ingredientes para cativar o lector: emocións intensas, atmosferas de pesadelo, terror psicolóxico e incontrolado pánico ante a incógnita do que ha de sobrevir.

A casa e o cerebroA escusa narrativa resulta tamén do máis suxestiva: o protagonista da historia, un cabaleiro inglés especialmente interesado nos sucesos paranormais, escoita falar dunha casa encantada e decide pasar nela uns días para tratar de desvelar o que alí sucede. Durante a súa estancia descubrirá que, no pasado, a casa foi escenario dunhas mortes terribles e que unha presenza maligna que atravesa o tempo semella estar detrás de tanta actividade sobrenatural.

A meu ver, é na progresión desta historia de suspense témero onde se atopa o máis logrado da narración, que perde forza naquelas partes nas que a acción fica en relanzo polos excursos reflexivos que o narrador calza para tentar explicar racionalmente o insólito dos feitos que está a experimentar. Neste sentido, o repaso ás prácticas e crenzas vinculadas ao mesmerismo, o hipnotismo e o espiritismo en xeral acaba por enfastiar. Este feito, unido a unha estilística por veces abondo manierista, explica que desta obra H. P. Lovecraft escribise no ensaio O horror sobrenatural na literatura (1927) que estaba contada con “un certo e estraño encanto”, o que a facía dela “un dos mellores relatos sobre casas encantadas”, mais tamén que non deixase de apuntar que propendía á “retórica pomposa e ao romanticismo vacuo”.

O vágado que esperta a realidade espectral e alucinatoria desta novela curta desacouga ao tempo que desafía a curiosidade de quen a le, confirmando o acerto da súa escrita e a pertinencia desta coidada tradución de Alejandro Tobar, a través da cal o público galego poderá, dende xa, achegarse ao refinado mundo vitoriano que recrea Bulwer-Lytton, sempre a abalar entre o rigor científico e a admiración polo esotérico e ocultista que tan ben reflicte A casa e o cerebro.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 26-6-2016]

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar, Tradución e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.