O mar de Antonio García Teijeiro

Antonio García TeijeiroA poesía infantil é un xénero que vai devagar gañando solidez e cultivo entre nós. Nos últimos tempos descubríronse novas voces que se foron sumando a outras máis veteranas ás que cómpre recoñecerlles o maxisterio que concede o oficio de anos e mais o mérito de quen tivo que abrir camiño onde antes ben pouco había. Entre estes destaca o nome de Antonio García Teijeiro, un autor que publicou nos meses pasados unha triloxía poética sobre a que quero determe.

En la cuna del mar (Creotz, 2015), Palabras do mar (Embora, 2015) e Poemar o mar (Xerais, 2016) son os tres títulos nos que García Teijeiro compendia a súa talasopoética. Concibidos como unha creación unitaria, estas obras converxen nunha mesma idea rectora, que ten no universo mariño o seu tema central e principal leitmotiv.

Poemar_o_marA fauna e flora que habita os mares, os seres máxicos que os poboan, as idas e vindas das marés e os límites das mallantes, a relación con outras realidades da natureza como a lúa, o sol, o horizonte ou a beiramar aparecen unha e outra vez nestes poemas de García Teijeiro, sonoros onde os haxa, ideais para a doada recitación en alta voz, para compartir comunalmente ou no solaz privado, sempre coa música apegada á palabra, coa dicción impecable do ritmo que aveluda os períodos.

Nestes textos o mar é ollado dende o tren que asubía pé do paseo marítimo, dende os abismos peláxicos nos que se perden as chaves que é preciso procurar, dende o escintilar de Lourenzo bicando os golfiños de luz, nas angueiras de don Tiburón e as sereas poetas, de Selene e os seus beixos en abalo e devalo, dos areais nos que fican aboiando millenta soños, dos cantís, furnas e penedías que serven de colo ao mar bravo, dos barquiños de papel de infantís aventuras, das trenzas salgadas de Rapuntzel, da aposta ecolóxica a prol do coidado dun mar ferido, dos capitáns de andoriñas e ventos venturosos, en fin, do mar sempre aberto a un futuro de ilusións.

Palabras_do_marTodo este mundo gurgullante, lírica arañeira de escumas mareiras, técese en arquitecturas que espremen a retórica e inzan de antapódeses, anáforas, antíteses, conxuntos semellantes, correlacións, emparellamentos, correspondencias, enumeracións, similicadencias, epanadiploses, epímones, calembures, quiasmos e outros xogos de palabras que fan das composicións un auténtico festival estético, onde non faltan os limericks, as coplas, cantigas de berce, haikai e poemas enumerativos, todos alternando nunha sucesión de harmonías asonantes, que deitan ao oído a música dos versos.

As homenaxes a Alberti, Neruda ou Juan Ramón Jiménez comparten protagonismo cos ecos de Cabanillas, Manuel Antonio ou Bernardino Graña. E o recoñecemento aos actuais Juan Carlos Martín Ramos ou Juan Kruz Igerabide non fala senón da pulsión transversal e cosmopolita das lecturas que agochan estes poemas.

En_la_cuna_del_marNon vos perdades En la cuna del mar (Creotz, 2015), Palabras do mar (Embora, 2015) e Poemar o mar (Xerais, 2016), tres significativos textos na destacada traxectoria de García Teijeiro. Neles descubriredes que, cando vai chover, o mar garda os paraugas e bica a area e que os mariñeiros perderon o sorriso que ficou nas redes mudas, pois o océano é quen de se meter no peto dunha noite chea de estrelas e ficar quedo e silandeiro, anainando os piñeiros da ribeira ou gabeando pola escada do vento vendo tremer os peixes.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 29-5-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.