Un lugar no mundo

Manuel Núñez SingalaA traxectoria de Manuel Núñez Singala ao longo deste último cuarto de século aválao como un dos nosos dramaturgos e narradores de valor. Autor dunha importante produción que atesoura títulos de mérito como a moi representada O achado do castro (1991), a tamén abondo escenificada Comedia bífida (2007) ou os aplaudidos libros de relatos Menú de enganos (2010) e Instrucións para tomar café (2014), o escritor de nacenza lucense, crianza vilalbesa e adopción compostelá é de novo actualidade mercé á aparición da novela longa Camiños na auga, publicada por Galaxia.

A trama e tema central desta narración fan protagonista das súas páxinas a un negro albino, Szymo, que foxe da súa Tanzania orixinaria cruzando todo o continente africano e de aí ás Canarias porta de Europa, na procura dun lugar onde vivir no que a súa singularidade xenética non o condene ao ostracismo ou, peor, á desaparición.

Por tanto, estamos ante unha historia que ben pode definirse a un tempo como novela de aventuras (todas as peripecias de Szymo polo lago Tanganica ou a súa conradiana navegación polo Congo e o outros lugares así o confirman), novela social (velaí a visibilización da sangrante problemática dos albinos en África, que son perseguidos, asasinados e mutilados polo fetichismo de venderen os seus membros para rituais de maxia), novela de iniciación (Szymo marcha da aldea sendo apenas un neno de doce anos e no curso da súa aventura alcanza a maioría de idade, descobre o amor e introdúcese de pleno na complexa vida dos adultos) e novela de viaxes (tanto de viaxe exterior ou física como, sobre todo, de viaxe interior ou de maduración).

camiños na augaNon é a primeira vez que o africanismo comparece na nosa literatura, pois tanto na literatura de adultos como na infantoxuvenil hai exemplos nos que o mundo africano foi o espazo ou a referencia esencial. Neste sentido, cómpre recordar narracións como As florestas do Mañuema (1988) de Xosé Manuel Martínez Oca; Baixo o sol do Magreb (1998) de Víctor Campio Pereira; Calella sen saída (2006) de Víctor Omgbá ou o poemario Tanxerina (2006) de Mario Regueira e, entre os creadores infantoxuvenís, algúns textos de Xoán Babarro, Adolfo Caamaño, Xosé Lois García, Mariña Pérez Rei, Pere Tobaruela ou a imprescindible Lúa de Senegal (2009) do maxistral Agustín Fernández Paz. Agora ben, no que Camiños na auga abre un novo territorio é na visión da realidade africana dende a súa propia raíz; isto é: a diferenza dos textos amentados, as planas de Núñez Singala preséntannos o relato da supervivencia heroica dun africano no seu continente, lonxe das visións de europeos no continente do sur ou de africanos por Europa que caracterizan esoutros libros.

Esta poderosa narración é toda ela un profundar na busca da aceptación e a integración sociais, que é tanto como procurar entender a difícil articulación entre a identidade propia e a alteridade social na que vivimos. Xa que logo, a fluencia, o camiñar no río da vida que se anuncia no propio título lévanos ao concepto de identidade líquida de Bauman. Somos en constante reconfiguración, en incansable redefinición e temos que atopar o noso lugar no mundo. Cosidos a esta idea van toda unha batería de valores que o protagonista vai aprendendo ao facerse adulto e que constitúen o dualismo do Ben e o Mal que nos rodea: dunha parte a amizade, solidariedade, compaixón e xenerosidade das boas xentes; doutra, a traizón, cobiza, indolencia e a crueldade de tantos bípedes.

Narrada con atinado ritmo, perita na dosificación e avance da trama, ben temperada nas pasaxes descritivas, pusuidoras dunha airexa de sobriedade lírica que consegue atrapar atmosferas con habelencia, esta Camiños na auga de Manuel Núñez Singala convídanos a reflexionar sobre a barbarie do ser humano lobo para o ser humano, sobre a imperiosa necesidade de ser aceptado polos demais e, antes nada, sobre a capacidade infinda de loita esperanzada que, malia todo, aniña no corazón humano.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 17-4-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.