Manuel María esencial

mmaria no rioEste ano conmemoramos a figura de Manuel María. Con tal motivo, non foron poucos os volumes que se foron reeditando a súa obra, estudando aspectos da mesma ou biografando a súa andaina vital e autorial. Mais, de entre todos eles, teño para min que son as antoloxías unha das publicacións máis agradecidas, tanto por faceren accesible cuantitativamente a inxente produción do escritor coma por seleccionar cualitativamente tan abraiante caudal.

Dunha delas quero ocuparme agora, pois entendo que é traballo de valor editado por persoa autorizada e que pode ser unha acaída soleira para se internar no profuso mundo poético de Manuel María.

Poemas escollidos é a antoloxía manuelmariana que asina Manuel López Foxo, fino analista da escrita do de Outeiro de Rei, sobre a que ten publicado no pasado ben meritorias achegas; poño por caso, a estimable monografía Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), que saudei positivamente cando apareceu no 2010.

A selecta reúne case dous centos de composicións tiradas do conxunto total da produción do autor. Esta sorte de esencia ou elixir poético contempla dende o inicial Muiñeiro de brétemas (1950) ata os libros derradeiros e mesmo póstumos, polo que constitúe unha escolma altamente representativa da poética do chairego, múltiple onde as haxa, rebordante de versos sobre ducias e ducias de temas diferentes e con textos adscribibles ás máis diversas correntes líricas.

Comparece, pois, nestes Poemas escollidos o Manuel María máis tebreguento e anguriado, o existencialista e transcendente, o íntimo e erótico, o social e combativo, o patriótico e de proclama, o neosurrealista e telúrico, o etnográfico e paisaxístico, o filosófico e metaliterario. Caras todas dun poliedro lírico que confirman unha verdade incontestable na que insiste López Foxo no breve pero zumarento prólogo á súa edición: non axudou a termos unha visión integral de Manuel María o consideralo “un poeta case exclusivamente comprometido coa poesía social e coa poesía política e patriótica, cando unha grande parte da súa creación poética é tamén unha viaxe cara a dentro”, o que explica que o ensaísta de Ortigueira titule o seu limiar, precisamente, “A poesía de Manuel María: o país, sempre o país, e tamén unha viaxe cara a dentro”.

Poemas escollidosNon insistirei máis nesta idea que, doutra parte, se defende soa para quen repase a través desta antoloxía os poemas escolmados de, por exemplo, Poemas a Compostela, O Miño canle de luz e néboa, Terra Cha, Mar maior, Entre a arxila e a luz, Cecais hai unha luz, A luz resucitada, A primavera de Venus ou Sonetos á Casa de Hortas, entre outros. E isto non é óbice para recoñecer que o da Chaira foi, asemade, unha voz vibrátil e enraizada, aedo da nación que proclamou e cantou as angueiras da patria en libros como Proba documental, Versos para un país de minifundios, Informe para axudar a alcender unha cerilla, Cantos rodados para alleados e colonizados ou Poemas para construír unha patria.

É pracer, por tanto, poder parabenizar a Manuel López Foxo por esta súa acaída edición dos Poemas escollidos do escritor chairego, unha publicación que leva o selo da propia Fundación Manuel María de Estudos Galegos e que, alén do anticuado da súa maqueta —demasiado ríxida nas cubertas, coloristamente pouco agraciada e cunha selección tipográfica e de papel mellorable—, ha resultar un libro máis que útil aos que queiran (re)ler con criterio a poesía do autor ao que as Letras Galegas do 2016 renden xusta homenaxe.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 15-5-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.