A sensualidade de Emma Pedreira

emma pedreira-corazon e demais tripasA natural versatilidade de Emma Pedreira tena levado a transitar por igual os eidos da poesía ―nos que é autora dunha decena de títulos, moitos deles premiados― e a narrativa, territorio no que asinou o libro de relatos Bestiario de silencios (2001) e mais a novela As cinzas adentras (2004). Regresa agora á prosa con Corazón e demais tripas, libro co que gañou o Premio Narrativas Quentes convocado por Edicións Positivas, quen publica o texto.

Malia a diversidade das corenta historias que compoñen este volume, hai no conxunto varias fías que pespuntan as narracións entre si e, ao tempo, cosen estas coa súa restante produción. Entre as primeiras cómpre salientar a coincidencia dalgúns personaxes que van dunhas historias a outras. Tamén o feito de que unha mesma narración se nos dea por entregas capitulares, a modo de centro da espiral de adn que constitúe o global destas prosas. Doutra parte, a conexión destes relatos con outros libros faise evidente na aposta polo ludismo, a preferencia polos personaxes marxinais e/ou inadaptados e o cuestionamento dos roles sociais e individuais, así como a problematicidade de medos e fobias e a complexa convivencia co pasado e a memoria.

Formalmente este Corazón e demais tripas é tamén unha sorte de bisagra entre landas, pois aposta polos minirrelatos ―predominantes―, mais non desbota os microrrelatos, algúns destes adobiados con tal carga lírica que osmotizan poematicamente nunha indefinición entre o poema sentencioso e ocorrente e a microhistoria de enunciación paraversal (poño por caso: “Lost in Translation”). Polo demais, noutros treitos do libro acoden formulísticas varias, nas que o epistolar sobrancea (velaí as series “Ao Ilustrísimo. Montseñor Abé de Materviagris” ou “Words”), aínda que tamén comparecen xenuínas receitas culinarias (“Casquería”), crónicas xornalísticas (“Xornada porno-lírica no Teatro da Ópera”), entrevistas (“A poeta”) ou recitacións (“Man a man”).

Corazón e demais tripasNon cabe dúbida de que este libro ten no amatorio a súa centralidade. Mesmo pode afirmarse que son as relacións físicas, sexualizadas, o epicentro arredor do que gravitan as historias, neste sentido eróticas. Agora ben, o de Corazón e demais tripas é un erotismo modulado a través do lúdico, o irónico, incluso o imaxinativo ou fantástico, un erotismo desacralizado, naturalizado, onde por veces o sexo é ridiculizado na súa animalización e, noutras, a levidade do enredo apunta á intranscendencia que procura facer máis próxima e menos obsesiva esta realidade. Coido, por tanto, que os deste volume son máis relatos de enlevado sensualismo (enténdase: amatorio-estético, non tanto filosófico) ca de desatada e arrebatadora febre copulativa, o que non lles resta un ápice de intenso erotismo.

Moito han gozar os que se acompañen destas historias. Saberán por elas dos alambicados xuntoiros circenses, do moito que prestan os bicos con aparato, do amor vexetal e literalmente follado, do sexo felino de Catwoman, do amor chuche que todo o lambe, de como desfacer as arañas dos baixos, da sedución de sereas e peixeiras, mesmo das violencias e fantasías monxís. E todo zarrapicado de grilandas metaliterarias que levan o lector de Dickens a Shakespeare pasando por Dickinson, conseguindo trazar un mapa de adhesións librescas nas que este todo multíplice que é Corazón e demais tripas engada na fascinación das súas exóticas filias patolóxicas: agalmatofilia, alvinolagnia, búndling, coulrofilia, crurofilia, dendrofilia, dextrofilia, enditofilia, frotismo, furtling, gomfipotismo, ipsofilia e outras moitas lindezas, das que nada direi para que ti, mon semblable, mon frère, goces do libro tanto coma min.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 24-7-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.