Blanco-Amor, corazón tricolor

blanco-amor tricolorNon deixa de sorprender gratamente que, a estas alturas, poidan existir aínda textos de grandes nomes das nosas letras que non fosen xa recuperados e editados pertinentemente. Mais, por estraño que pareza, así é. Acontece isto, por exemplo, con Eduardo Blanco-Amor, clásico incontestable da nosa narrativa do pasado século, poeta constante, dramaturgo entregue e, tamén si, admirable ensaísta e orador.

E escribo que parece mentira que así sexa á vista da recente publicación da compilación articulística En defensa e ilustración de la Segunda República Española en los años de la Guerra Civil (1936-1939), un denso volume de preto de medio milleiro de páxinas que foi presentado polos seus autores na Feira do Libro de Buenos Aires, onde o achegou como novidade bibliográfica Mar Maior, a división editorial que Galaxia ten como selo alén Galicia.

En defensa… recolle e edita con rigor e saber un centenar de textos no seu día publicados por Blanco-Amor en Galicia, o semanario voceiro da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina, cabeceira que o escritor ourensán dirixiu dende mediados de 1926 ata despois da Guerra Civil.

Os escritos aquí reproducidos son os dados á luz polo autor de Xente ao lonxe ao longo do período bélico e tratan todos eles, dunha ou doutra maneira, do rexeitamento golpista, posicionándose a prol da causa republicana.

Os responsables desta exemplar edición son os analistas e investigadores Emilia García López e Gregorio Ferreiro Fente. A eles corresponde a recolleita e transcrición de textos e a nótula explicativa á edición, sendo labor do último o corpo de notas de que se acompañan os artigos e o extenso estudo introdutorio ao volume, no que Ferreiro Fente dá conta da circunstancia xeopolítica arxentina en relación á sublevación militar española, informa sobre as angueiras xornalísticas desenvolvidas no país americano por Blanco-Amor previamente ao seu desembarco no Galicia e, por remate, sintetiza as principais liñas temáticas e de enfoque dos artigos recuperados.

Cómpre sinalar que esta documentada e reveladora introdución do profesor Ferreiro Fente vén precedida dun non menos acaído prólogo asinado por Xesús Alonso Montero, quen en apenas nove páxinas sitúa as coordenadas nas que o cidadán Blanco-Amor actúa como defensa e baluarte da legalidade republicana, brutalmente usurpada pola barbarie fascista capitaneada por Franco.

defensa e ilustracion blanco amorOs noventa artigos do de Ourense, como ben se lembra nesta edición, recuncan adoito no afear a neutralidade das nacións democráticas europeas ante o asalto franquista á liberdade republicana; na descrición da asasina represión levada a cabo en Galicia polos sublevados; na denuncia do comportamento indeciso ou profranquista de certas empresas e colectivos galegos na Arxentina; no seguimento dos acontecementos que se sucedían na fronte de batalla e, finalmente, en diversos asuntos sociais e políticos arxentinos que amosaban un proceder contrario ao espírito demócrata republicano.

O volume engade aínda algúns textos vencellados ao corpo central de artigos, como dous poemas (en galego e castelán) asinados por Blanco-Amor na revista durante ese trienio, catro artigos que sabemos por el escritos aínda que non figuren asinados e tres cartas que lle dirixiron diferentes autores e que tamén se publicaron daquela no Galicia.

Entendo de capital importancia esta recuperación periodística, pola que moito cómpre parabenizar a García López e Ferreiro Fente. En defensa… non só é unha recolleita de excepcional valor para mellor entender a inaceptable agresión que supuxo o levantamento militar e as súas funestas consecuencias, senón que a prosa maxistral de Blanco-Amor actúa nela por elevación, de tal xeito que moitas páxinas aquí reunidas seguen tendo plena vixencia no que atinxe á defensa das liberdades, da xustiza e a equidade sociais e no que di da ignominia e mesquindade dos represores e asasinos de toda caste.

O expresado debería de ser abondo para comprender por que En defensa… é un título de mérito, mais para aqueles aínda dubitativos vén ao caso lembrar que o xenio do estilista ourensán se dá nestas páxinas en grao sumo, que cada un dos artigos é unha fina peza de ourivería ensaística, rebordantes como eles están dun saber histórico fondo e un coñecemento da realidade española, europea e universal que abraia e que non impide, todo o contrario, a transparencia no dicir, o período labrado coa máis nobre retórica e aínda a liricidade oratoria que moitos dos seus parágrafos deitan. En definitiva, planas para ler e reler admirando o mellor Blanco-Amor.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 22-5-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua castelá e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

3 respostas a Blanco-Amor, corazón tricolor

  1. ramon gallego di:

    En verdade,e seino polo fío dos vencellos familiares, os nosos paisanos, os que fuxían ao exilio polo grande risco de caeren nas gadoupas dos esbirros do xefe do alzamento ao chegaren ao Río da Prata e se decatar da noxenta realidade xa que ficaba alí a ditadura do xeneral Uriburu a que por dez anos ao abeiro dun trampitán crecemento económico mallou en todas as liberdades, sobremaneira nos emigrantes os que viaxaban vixiados polos da “secreta” nos vellos barcos da emigración.
    Sobor dos que tiñan a fortuna de baixar no porto, ende mal moitos quedaran nas mans dos polis españois e volta para o porto de saída, máis o menos pódese, e nun resumo, cinxir a ou se tornar apolíticos ou ben a cantaren o cara al sol nas xuntanzas do Centro Galego, ao tempo de ouvir todas as mentiras posíbeis ao respecto da República mailas referencias á negruña comunización do futuro español a carón da salvataxe do caudillo só pola súa amenta de todos os que non tiñan delitos de sangue, mentireira proposta na que moitos caeren e así lles foi.
    Só unha dúbida no ante penúltimo parágrafo ao remate cita vostede “no Galicia” e refire ao suplemento da “A Nosa Terra”, ou ben a revista do Centro Galego “Galicia”
    saúdos

    • Estimado amigo: refírome ao semanario Galicia, continuador do periódico bimensual El Despertar Gallego, voceiros ambos os dous da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales e cabeceiras que, dende 1926, dirixiu Blanco-Amor. Este, publicou no semanario Galicia unha “Carta del poeta argentino Eduardo A. Portillo a Eduardo Blanco Amor” (7-11-1937, nº544), “Una carta notable” que lle dirixiron Gerardo San Emeterio e Juan Carmiña (26-12-1937, nº550) e mais unha “Contestación a la carta abierta de Blanco Amor” que lle mandou Xavier Bóveda (9-10-1938, nº592). Estas tres misivas reprodúcense no libro En defensa e ilustración de la Segunda República española en los años de la Guerra Civil (1936-1939) como apéndice, entre as páxinas 443-455. Un saúdo cordial, Ramón.

Os comentarios están pechados.