Cervantes e nós

cervantesA pouco que un profunde na relación de Miguel de Cervantes Saavedra con Galicia e os galegos descóbrese toda unha rede de conexións que non deixa de sorprender. Alén da máis que probable orixe galega dos seus devanceiros (os seus apelidos son reveladores), hai moita outra pegada nos seus textos, nas relacións con persoeiros e tamén nas influencias que a súa escrita deitou na produción dos autores de aquí.

Ao ler La ilustre fregona descóbrense mozas galegas nas pousadas. Ao achegarse a Rinconete y Cortadillo vense tamén rapaces galegos e en Las dos doncellas detéctanse peregrinos a Compostela. Pero aínda é máis notorio este vínculo no célebre Quixote, non en van dedicado a Pedro Fernández de Castro e Portugal, sétimo Conde de Lemos, protector do escritor a quen tamén dedicou as Novelas ejemplares, as Comedias y entremeses e os Trabajos de Persiles y Segismunda.

Sendo Cervantes, amais, autor de fama universal non debe estrañar que fose traducido en diversas ocasións. Antonio Valcárcel adiantou un fragmento do capítulo XI da primeira parte do Quixote en A Nosa Terra en 1917 e, moito despois, Leandro Carré Alvarellos versionou en 1975 dous capítulos da segunda parte. Logo deles, na popular colección O Moucho da viguesa Editorial Castrelos, Lois Lustres, Xerardo Roca e mais Camilo F. González verteron o arquicoñecido capítulo de Sancho Panza na Ínsua Barataria e xa en 1990 un equipo coordinado por Valentín Arias acometeu a tradución íntegra dos dous volumes da novela.

É máis, a inmensa sona do Quixote tentou a algúns escritores galegos a inventar continuacións da obra, como Luís Otero Pimentel, quen en 1886 publicou na Habana Semblanzas caballerescas o las nuevas aventuras de Don Quijote de la Mancha. Mesmo houbo quen o fixo no noso idioma, como Lalo Vázquez Xil en A da alba sería (1996), quen no subtítulo da obra declara a intención da creatura: “Parte terceira de ‘O enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha’, na que se refire a súa viaxe a Compostela e Galicia”.

quijoteE é que Cervantes foi materia literaria para os nosos autores dende antigo. Poetizaron sobre del, en castelán, Diego Antonio Cernadas e Castro no século XVIII, Curros Enríquez e Juan Barcia Caballero na seguinte centuria e, xa ao longo do século XX, Salvador Golpe, Eladio Rodríguez González, Antonio Rey Soto, Lorenzo Varela, Xosé María Díaz Castro ou Antonio García Teijeiro.

En galego, Tomás Barros dedicoulle o poema “A fantástica loita co Cabaleiro dos Espellos. Variacións encol do Quixote”, inserido en Vieiro da señardade (1987) e existe un poema de Eduardo Pondal asinado en 1905 ao que logo me referirei.

Doutra parte, e como era de agardar, a influencia cervantina nas creacións dos literatos galegos é moi notable. Así, se os estudosos teñen lembrado o influxo do Quixote en El caballero de las botas azules (1867) de Rosalía, de La Numancia na peza O mariscal de Villar Ponte e Cabanillas ou do Quixote no Don Hamlet de Cunqueiro, son máis que paralelizables as andainas da parella de Cervantes co Rañolas e Pedriño de Os dous de sempre (1934) de Castelao ou a recreación de Los habladores que, baixo o título de “Os baralláns”, inseriu en Teatro pra a xente (1974) Blanco-Amor. E outro tanto pode dicirse do peso da escrita do de Alcalá no “Nuevo retablo de las maravillas” de Dieste, aparecido na revista Hora de España en 1937.

Incluso no pasado, como agora que celebramos o cuatricentenario do seu pasamento, tamén se conmemoraron entre nós significadas efemérides cervantinas. Así aconteceu hai cen anos co lembradoiro da publicación da primeira parte do Quixote, que explica a aparición do opúsculo El centenario del Quijote en Galicia (1905) editado pola Liga de Amigos da Coruña, onde colaboraron importantes próceres das letras rexionalistas que por aquel entón fundaron a Academia Galega, como Carré Aldao, Martínez Salazar, Lugrís Freire ou Galo Salinas, entre outros, ademais de Wenceslao Fernández Flórez ou Emilia Pardo Bazán.

O Pondal máis cervantino

pondalDe entre os autores galegos que homenaxearon o xenio complutense o máis sobranceiro é, sen dúbida, Eduardo Pondal. O escritor da Ponteceso publicou no amentado El centenario del Quijote en Galicia (1905) unha composición na que cualifica de sublime o cerebro de Cervantes e resucita a grandeza de Don Quixote para defrontala coa miseria moral dos tempos pigmeos que entón se vivían. Velaí a composición tal como se deu á imprenta:

Do sublime cerebro de Cervantes,
Despóis d’un soño aspérrimo e ferreño,
Armado d’unhas armas rutilantes,
Un fantasma surgío, alto e cenceño.

¡Parto estupendo! —O siglo irreverente
E o fantasma sublime se miraron;
Admiráronse os dous; —e frente a frente,
Con maravilla os dous se contempraron.

Absorto d’estupor, o siglo rudo
Escramóu: —¿Quén hé este gigantéo…?
E o fantasma, chocando lanza e escudo,
Dixo airado: —¿Quén hé este pigméo…?

[Faro de Vigo, 22-4-2016]

 

Esta entrada foi publicada en Literatura en lingua castelá, Literatura galega e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.