Memoria de Fernando Pérez-Barreiro Nolla

amada-liberdade-requeixoCoido que aínda non se ten recoñecido como merece a figura do intelectual e escritor Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Esta desatención talvez naza do descoñecemento da súa figura, así que agora que chegamos ao seu natalicio (naceu o 22 de setembro de 1931 no Ferrol), quero dar noticia del e da súa admirable traxectoria, á que moito deben a cultura e a literatura galegas.

Pérez-Barreiro Nolla era fillo do tamén escritor Fernando Pérez Barreiro. Por tanto, medrou nun ambiente propicio á cultura no que non tardou en destacar, pois na Academia Rapariz de Ferrol tivo como profesor nada menos que a Ricardo Carballo Calero, que incentivou a súa natural propensión á lectura e a escrita, poñéndoo en contacto con Ramón Otero Pedrayo e outros persoeiros.

En 1949 chegou a Compostela, onde permaneceu ata 1956 en que rematou Dereito. Nese tempo consolidouse o seu galeguismo no trato con figuras como Ramón Piñeiro e outros rapaces que ben pronto comezaron a brillar no panorama literario de Galicia, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Gonzalo Rodríguez Mourullo, Bernardino Graña e, sobre todo, o seu grande amigo Xosé Luís Franco Grande, poetas cos que compartiu loureiros nas famosas Festas Minervais. Alén deles, neste tempo estreitou lazos co seu vello compañeiro de instituto Xosé Manuel López Nogueira e coñeceu a Xosé Manuel Beiras e Ramón Lugrís, frecuentou as sobremesas da Rosaleda na casa de Domingo García-Sabell e fíxose seareiro dos faladoiros do Café Español, onde departiu con Otero Pedrayo ou Fermín Bouza-Brey.

Neses anos santiagueses comezou tamén a súa andaina como escritor, pois principiou a colaborar cos seus versos na revista Aturuxo e escribiu artigos para Viveiro. Fiestas patronales.

Veu logo o tempo de Madrid, onde estivo ao longo de 1957 e, tras un breve regreso a Ferrol, novamente o outono de 1958 e aínda o ano seguinte. Alí coñeceu a Pilar Vázquez Cuesta e Gonzalo Torrente Ballester, sen abandonar nunca o vencello coa escrita na nosa lingua. De feito, ese o momento no que se produce a súa participación nun dos volumes emblemáticos da editorial Galaxia, a célebre Homaxe a Ramón Otero Pedrayo, que se lle tributou ao sabio polígrafo por mor do seu setenta aniversario.

fernando-perez-barreiro-nolla-na-bbc-en-1964Entre 1960 e 1963 estableceuse na Coruña, onde traballou como avogado. Foi entón cando casou coa súa noiva dende os tempos composteláns, a tamén escritora e hoxe viúva súa Teresa Barro, a quen coñeceu en 1955 dirixindo a adaptación da peza teatral Casa de bonecas de Henrik Ibsen, que esta protagonizou no papel de Nora Helmer.

En 1963 a vida do escritor deu unha viraxe e marchou residir a Londres para traballar primeiro como locutor radiofónico na BBC (ata 1969) e logo na Organización Internacional do Café como tradutor (1969-1993). Foron, estes, anos nos que mantivo, máis que nunca, o vincallo coa terra e a lingua, publicando artigos en Grial, traducindo A traxedia de Macbeth ―primeira versión de Shakespeare imprentada en galego―, creando nos setenta o Grupo de Traballo en Londres e vertendo ao noso idioma, tamén por vez primeira, relatos chineses en Flores e leña (1982).

Nos oitenta e noventa a súa sinatura fíxose habitual en medios como A Nosa Terra ou La Voz de Galicia e, sobre todo, foi aplaudida a modélica tradución que con Teresa Barro fixo en 1985 da Alicia no país das marabillas de Lewis Carroll, pola que obtiveron o Premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís, a primeira vez que un volume na nosa lingua o conseguía.

A última década do pasado século e os anos primeiros anos deste milenio Pérez-Barreiro Nolla redobrou o compromiso coas súas raíces e colaborou intensamente na andaina do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), onde trabou fonda amizade con Xulio Ríos e onde publicou As autonomías de Escocia e do País de Gales (1999), amén de moitos ensaios en Tempo Exterior. Tamén agora publicou en A Trabe de Ouro, Babel, O Ensino, Serta, Tempos Novos, Viceversa, Vieiros ou Xornal de Galicia e noutras cabeceiras internacionais como Babel ou Portuguese Studies. Mais destacaron os seus contributos a un xornal deste grupo, o Diario de Ferrol, no que se fixo asiduo entre 2005-2008 e onde gañou a amizade e admiración do periodista Nicolás Vidal, quen o entrevistou para este medio.

Os derradeiros anos viñeron cheos de alegrías: nomeamento como correspondente da Real Academia Galega (2002), Pedrón de Honra (2005), Premio Plácido Castro de Tradución (2006), Premio de Cultura do xornal Diario de Ferrol (2005) e Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2009). Mais a Parca foi cruel e levouno o 4 de xaneiro do 2010, cando máis e mellores froitos estaba a ofrecer á súa benamada terra.

amada-liberdadeDende aquela ata hoxe Xerais publicou as súas memorias en Amada liberdade (2013) e viron luz un par de volumes colectivos arredor da súa figura (Homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro Nolla, 2011, e O perdurable legado de Fernando Pérez-Barreiro Nolla, 2015), mais moito é o que cómpre seguir profundando sobre del, pois restan aínda facetas súas por descubrir; poño por caso, o seu singular labor como poeta ou a edición de todos os seus ensaios, que tamén haberá que recuperar. No entanto, sirvan estas mínimas liñas como modesto lembradoiro e homenaxe a quen foi voz principal do noso discurso cultural e literario contemporáneo.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 18-9-2016]

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Literatura galega e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.