Repensar, proxectar, facer Galicia

nordesia-14-8-2016_pagina_02Xaime Isla Couto é unha das tres persoas da trindade ideadora da Galaxia literaria que naceu no ecuador do pasado século. Xunto a Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego arquitecturizaron o edificio cultural do galeguismo resistente que había de levarnos ata a Galicia da Transición e alén. Mesmo as voces disidentes ―nin poucas nin menores― teñen de recoñecer que nesa hidra de tripla cabeza había unha concepción de país á que lle debemos logros e avances indubidables e, como ninguén é perfecto, seguramente tamén desacertos tristes e exclusións indesexables.

Aquel rapaz de familia humilde que nacera en Santiago fixo este último outubro un século chegou a ser unha figura clave das mocidades galeguistas de Preguerra, un auténtico rapaz prodixio que publicaba artigos con dezasete anos, daba conferencias, axudaba nos labores do Seminario de Estudos Galegos e trataba con familiaridade a Castelao, Risco, Otero Pedrayo e tantos outros.

Na Posguerra, convertido xa en douto economista, el foi a cabeza pensante do proxecto empresarial de Galaxia e un dos pescudadores máis lúcidos canto á necesaria modernización da infraestrutura produtiva galega, ata o punto de ser o responsable da histórica Revista de Economía de Galicia (1958) e o guieiro dos primeiros pasos de Xosé Manuel Beiras, quen logo había de brillar como Catedrático de Estrutura Económica da USC facendo boa a sentenza de que son os grandes alumnos os que fan grandes os seus mestres.

xaime-isla-couto-raiz-e-utopia-de-galiciaÉ inabranguible en apenas unhas liñas o legado vital deste incansable loitador a prol da causa de Galicia. Mais, no intento, non me resisto a lembrar que a el debemos o xurdimento de SEPT (1961); que escribiu o guión do primeiro número do emblemático “Suplemento del Sábado” de La Noche (1949); foi o promotor do almanaque agrícola ZZ, de evidente pegada galeguista; botou a andar a discográfica EDIGSA (1967), onde apareceron as primeiras cancións gravadas en galego da nosa contemporaneidade; colaborou na posta en marcha do Museo do Pobo Galego (1976) e o Instituto Galego de Información (1977) e formou parte dos consellos da Fundación Otero Pedrayo (1979), Carlos Casares (2001), Penzol (1963) e Isla Couto (1987), entre outras, e presidiu a Fundación Wenceslao Fernández Flórez (2001); foi director da Revista Galega de Estudos Agrarios (1979-1983); participou nas xuntanzas da comisión negociadora que conseguiu que se aprobase en referendo o Estatuto de Autonomía o 21 de decembro do 1980; creou, en fin, o Instituto Galego de Estudos Comunitarios (1990) e puxo en marcha ou colaborou con tantas e tantas outras iniciativas que ganduxaron país que é imposible nomealas aquí todas.

Destas e moitas outras actividades atopará quen quixer información máis que cumprida en Xaime Isla. Raíz e utopía de Galicia, a moi documentada monografía que Xosé Luís Pastoriza Rozas preparou para a Editorial Galaxia e a Fundación Isla Couto por mor da celebración do centenario do persoeiro. Nela, amais dunha exhaustiva cronobiografía con gran número de interesantes imaxes, pode lerse unha ampla escolma de textos do autor e unha selecta de entrevistas e retratos ao mesmo.

Xaime Isla Couto tivo como norte o lema de “repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia”. Toda a súa vida responde a ese ideal. Este libro que agora ve luz espella impecablemente a causa á que entregou a vida e faille xustiza. Oxalá a súa lectura chegue a moitos e sirva para (re)coñecer mellor un home a quen tanto debemos.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 14-8-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.