A escrita múltiple de Manuel María

manuel_maria (retrato)Non son poucos os que, cando lembran a figura literaria de Manuel María, actualizan mentalmente versos patrióticos e de intervención, poemas socialrrealistas e de compromiso que o singularizan como un dos autores máis combativos e entregues da longa noite de pedra.

Esa vertente literaria de Manuel María é, con certeza, unha das máis notorias cuantitativamente falando. Mais, alén desta lírica abondo ideoloxizada e, por veces, mesmo programática, o escritor de Outeiro de Rei cultivou outras estéticas que fan del un poeta de ben amplo rexistro, moi versátil, admirable polas súas achegas en moi diferentes sentidos.

Máis aínda: o Manuel María poeta é tan só unha das caras do poliedro literario que conforma o conxunto da súa produción, que tamén inclúe a narrativa, o teatro, o ensaio xornalístico, a investigación e a crítica literaria e a tradución, o que o converte nun dos escritores máis prolíficos da literatura galega moderna.

Como poeta, a traxectoria manuelmariana describe unha sorte de espiral que comeza cos versos entre o existencialista e o surrealista, de poderoso pulo e imaxes alucinatorias, de libros como Muiñeiro de brétemas, Morrendo a cada intre e Advento; continúa cunha etapa máis plural nos contidos e as formas, que van dende o telúrico e paisaxístico ata o intimista e transcendental, máis sempre co goberno da sinxeleza expresiva e claridade de obras como Terra Cha, Documentos personaes, Libro de pregos ou Mar maior; prosegue cunha xeira inequivocamente social e reivindicativa, que predomina dende mediados dos sesenta ata finais dos setenta en volumes como Proba documental, Versos para un país de minifundios, Informe para axudar a alcender unha cerilla, Cantos rodados para alleados e colonizados ou Poemas para construír unha Patria; e volve á atmosfera inicial a partir dos oitenta coa aparición de Poemas da labarada estremecida, versos amatorios aos que seguiron outros de lirismo confesional, evocacións das paisaxes e paisanaxes chairegas e doutros espazos por el benqueridos e frecuentados, como se percibe nos Versos do lume e o vagalume, O camiño é unha nostalxia, Ritual para unha tribo capital de concello, Compendio de orballos e incertezas ou os Sonetos á Casa de Hortas.

adventoMais Manuel María foi tamén un importante narrador, autor dun dos primeiros libros de prosa galega na Posguerra, Contos en cuarto crecente (1952), ao que seguiron algúns relatos publicados en Grial e os volumes O xornaleiro e sete testemuñas máis (1971) e Krikoi, Fanoi e D. Lobonís (1973), ademais doutros títulos compilatorios e infantoxuvenís xa en tempo de Democracia.

Do mesmo xeito, non pode esquecerse a súa contribución ao xénero de Talía, no que se iniciou tamén ben novo, pois en 1957 publicou na revista bracarense Quatro Ventos o seu Auto do taberneiro, ao que pronto se sumaron outros autos, o Barriga verde (1968), as ben famosas Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela (1979), a Farsa do bululú (1992) e aínda outra vintena de breves pezas.

Doutra parte, o chairego estivo vencellado aos medios como colaborador toda a vida, ata o punto de dirixir emisións radiofónicas cando novo, participar asiduamente en entrevistas e programas televisivos e documentais varios e, xaora, ser columnista habitual de varios rotativos, particularmente de A Nosa Terra e nas cabeceiras irmás Galicia Hoxe e mais El Correo Gallego. Algunhas destas colaboracións poden lerse nas colectáneas Andando a terra. 1977-1987 (1990) e Homes, feitos e palabras (1996), mais son só unha pequena parte dos case dous milleiros de artigos que chegou a publicar.

Se ao anterior engadimos os seus ensaios sobre a poesía de Fermín Bouza-Brey, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Crecente Vega, Castelao ou Luís Amado Carballo e as edicións das obras de Ánxel Fole ou Ánxel Johán decatarémonos da amplitude do espectro autorial do que foi capaz.

remolAsí pois, amais do “Terra Cha” e o “O carro”, do “Galiza” ou “Acuso á clase media”, Manuel María deitou unha estesa e irisada voz, que se verteu en modulacións e xéneros varios, que fixo chegar a súa palabra aos discos da Nova Canción Galega, aos impresos clandestinos en ciclostil e a ducias e ducias de palestras de recitación e lectura ao longo de todo o país. Non sería xusto que neste ano no que o conmemoramos ficase del unha imaxe reducionista. Aí está a vizosidade da súa obra para confirmalo como o que é: un laborioso e infatigable amador da verba literaria en todas as súas formas, escrita múltiple cantada, contada, recitada e traducida que forma xa parte do noso acervo máis xenuíno.

[Faro de Vigo, 17-5-2016]

Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.