Manuel María de primeira man

Manuel María-Carmen BlancoComo cada ano, o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela publicou un volume dedicado ao autor homenaxeado coas Letras Galegas deste maio e, tamén como cada anualidade, esta obra resultou ser unha das máis interesantes entre as nacidas por mor efeméride.

 Manuel María. Día das Letras Galegas 2016 é o título do libro en cuestión, asinado pola profesora e ensaísta Carmen Blanco, especialista na escrita do de Outeiro de Rei.

Unha das singularidades deste volume anual editado pola USC é que nel se recollen sempre materiais fóra do circuíto bibliográfico adoito, textos por veces inéditos, outras esquecidos e mesmo non compilados ou reeditados, que ven así luz para ledicia de investigadores e curiosos.

Tamén nesta ocasión a colleita literaria foi de proveito. Blanco achega na súa edición a reprodución facsimilar do manuscrito autógrafo dos Poemas da luz resucitada, o mecanoscrito da Nenia por Aquilino Iglesia Alvariño e nove debuxos realizados polo propio Manuel María.

Todos os materiais son, na concreción coa que aquí se presentan, inéditos. No caso do manuscrito dos Poemas da luz resucitada porque reproduce o caderno orixinal que logo serviu para a impresión de A luz resucitada (1984), pero que na súa versión primixenia posuía dous poemas máis e non figuraba escrito en norma reintegracionista.

Pola súa banda, a Nenia por Aquilino Iglesia Alvariño traslada o mecanoscrito orixinal, o mesmo que se empregou como base para a edición impresa que se incluíu no número da revista Xistral do 2001, onde se exhumou este texto que, en realidade, fora escrito xa en 1962.

MM-DLG 2016Finalmente, os nove debuxos que por vez primeira ven lume son deseños de feitío inxel que parecen pertencer a diferentes épocas e foron estampados a tinta negra sobre cartolina e papel. Só tres deles teñen data e pé de ilustración: “O romántico”, “Arlequín” e o “Anxo” (1951) e un cuarto engade un substantivo latino alusivo “Musa, ae”.

Esta e moita outra información, amais dunha reveladora análise dos materiais, pode lerse no ilustrado estudo introdutorio que a profesora Blanco dispuxo á edición baixo o poético rótulo de “Escoitar o calar das calandras”. Este traballo, sumado ao epílogo ―tamén ben lírico― “Será o amor a luz do mundo” no que se transcriben as dúas composicións de Poemas da luz resucitada que no seu día non se inseriran en A luz ressucitada, constitúe un inmellorable anel co que pechar o facsímile.

Quero destacar a curia que o responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan Luis Blanco Valdés, pon decote nestes volumes da serie Letras Galegas. Poucas obras impresas ―debidas a institucións públicas ou privadas ou a editoras comerciais, tanto ten― poden presumir da pulcritude técnica e mais a elegancia estética que nos regalan os diferentes libros que foron facendo medrar todos estes anos tal serie.

Se ao anterior sumamos a finura das análises de Carmen Blanco a propósito destes valiosos materiais, fica claro que Manuel María. Día das Letras Galegas 2016 é un título que merece significarse, pois logra o difícil reto de acercarnos unha perspectiva bibliográfica descoñecida dun autor ben referenciado.

Velaí, pois, o convite para a descuberta: a dun libro especial, que gustará por igual ao crítico e investigador que procure novos materiais e ao lector afecto que queira ocupar o seu lecer cun prato de gourmet literario co que regalar o padal. Non son poucas as bondades.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-7-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual, Poesía galega e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.