A elección de Else

elseArthur Schnitzler (Viena, 1862-1931) é un dos escritores austríacos máis interesantes do tránsito do século XIX ao XX. Narrador e dramaturgo, tamén ensaísta e escritor de memorias, publicou algúns dos títulos máis celebrados en lingua alemá do primeiro terzo do pasado século e hoxe é lembrado, sobre todo, por ter sido admirado por Freud ―quen o consideraba o seu alter ego literario― e porque o seu Relato soñado serviu de base para o derradeiro filme de Kubrick, Eyes Wide Shut (1999).

Para os degustadores da palabra creativa deste recanto peninsular tamén non é unha voz esquecida, pois o CDG representou a súa comedia A cacatúa verde servíndose dun guión adaptado que elaboraron Manuel Guede Oliva e Eduardo Alonso para que este último a levase a escena en maio do 2011.

Secasí, nunca ata o de agora fora traducida unha novela de Schnitzler á nosa lingua, por iso é tan de agradecer a valente aposta de Hugin e Munin en anosar Fräulein Else (1924) e, sobre todo, a aceptación do reto por parte da experimentada tradutora Rosa Marta Gómez Pato, quen nos regala en A señorita Else un texto de vertido impecable, á altura dos padais lingüisticamente máis exquisitos e os gourmets estilísticos máis esixentes.

A señorita Else, en esencia, achega a historia dunha moza de dezanove anos que pasa o verán nun hotel de San Martino di Castrozza ocupada unicamente en vadiar e entreter as horas con frívolas conversas entre partidos de tenis e cócteles snobs. Nesas, a moza recibe unha carta de súa nai que vén derrubar o castelo de indolente laissez faire no que vive instalada: a súa familia está na ruína; seu pai contraeu débedas que só ela pode saldar, mais para iso terá que sacrificarse e ser ‘amable’ co señor Von Dorsday quen, casualmente, se hospeda no seu mesmo hotel. El está disposto a axudalos e darlles os cartos, mais a cambio pide ver espida a Else.

Velaquí unha trama que seguramente lles ha lembrar abondo a Indecent Proposal de Jack Engelhard que fixo famosa a película de Adrian Lyne protagonizada en 1993 por Robert Redford, Demi Moore e Woody Harrelson.

a-senorita-elseAgora ben, A señorita Else é moito máis que un edulcorado drama erótico. A novela de Schnitzler é todo un tratado sobre Eros e Tánatos, sobre a hipocrisía social, os convencionalismos absurdos, o oufegante das relacións familiares, a explotación xenérica e os adoradores do becerro de ouro.

Alén diso, a narración é tamén unha xema narratolóxica de primeira orde, pois nela alcanza o seu autor o cume do tratamento da técnica do monólogo interior, unha fórmula na que el mesmo fora un pioneiro nas letras en lingua xermana.

Maxistral relato de prospección psicolóxica, A señorita Else mantén para o lector actual toda a frescura coa que foi escrita hai case unha centuria, pois o xogo antitético do real/aparente ―isto é: o que en verdade pensa Else e amosa na súa corrente de conciencia e o que ao final manifesta verbalmente ou fai― é unha extraordinaria ferramenta para por ao descuberto todo ese mundo de obrigas degradantes, de cousificación da muller e cinismos sociais varios dos que aínda non acabamos de nos librar.

Acosada pola premente situación familiar, Else vese abocada a tomar unha decisión que a humilla. Anulado o seu espírito, o corpo é apenas unha carcasa prescindible, polo que o vento da traxedia acaba por arrasar con todo.

A señorita Else de Arthur Schnitzler na magnífica tradución de Rosa Marta Gómez Pato é unha estupenda escolla para se acompañar, non só porque nela palpita a maxia toda da sedución nos tórridos seráns, senón tamén por ser un retrato ácido dos estíos preguiceiros, nos que o dolce far niente esconde por veces un reverso escuro.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 21-8-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Tradución e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.