Doce abalo

cancioneirino-7-8-2016A dilatada e recoñecida traxectoria literaria de Arcadio López-Casanova esténdese polos eidos da poesía, o teatro, o ensaio e a narrativa, mais tamén alcanza a escrita infantoxuvenil, na que publicou no seu día os relatos O bosque de Ouriol (Premio O Facho, 1973) e As roitas da gamela (1976).

Pois ben, é neste territorio da creación ideada para os máis novos no que se inscribe o último título do autor: Cancioneiriño (Do tempo e a paisaxe, dos traballos e as festas). Versos para a xente nova, publicado na colección Libros do Loureiro pola santiaguesa Follas Novas.

O volume emparenta naturalmente coas súas narracións infantís de mediados dos setenta, pois foi entón cando o escribiu, aínda que daquela non o publicou. Con posterioridade, o autor despistou o orixinal e só en datas recentes volveu dar con el, o que explica a súa recuperación pasadas catro décadas.

Tal como anuncia dende o subtítulo, Cancioneiriño é un poemario que percorre os ámbitos do estacionario, o paisaxístico e mais os labores, festividades e divertimentos do rural galego, pero tamén converte en materia lírica a contemplación da “garulada” dos paxaros, do mar e as súas “navegadas” e aínda a celebración natalicia das cantigas de berce, nadal e reis.

cancioneirinoÉ, por tanto, unha completa cartografía da Galicia do seu tempo contemplada dende os ollos nenos dun poeta que canta a emoción do sucederse dos ciclos da natureza; a compaña amiga dos astros, os camiños e os ríos; o dicir sonoro de xílgaros, merlos, loias, pombas e cucos; a aventura marítima de dornas e gamelas; o oficio sabio de fiandeiras, pastoras, afiadores e canteiros; a festas de Aninovo, Entroido e San Xoán e, xaora, a ledicia do solsticio de inverno inzado de panxoliñas.

Na súa formulística López-Casanova amosa, máis unha vez, a mestría estilística adoita, domeando a copla e a cantiga popular e entremesturando esta coas estéticas de lecturas caras como as do primeiro Cunqueiro, o Díaz Castro de plenitude ou o Amado Carballo máis luminoso, todo revestido, en non poucas ocasións, coa pátina neotrobadoresca que alimenta estes versos de retrousos, leixapréns e outras solucións paralelísticas e léxicas que insiren o seu feitío na nosa mellor tradición.

A rotunda musicalidade destes versos do poeta lugués fai dos mesmos unha alfaia na que palpita unha finísima harmonía que entrelaza con ben imaxes moi suxestivas, tantas veces amalgamadas con xogos aliterativos e iteracións que axudan a perfilar o poema como un todo consistente de peza delicadamente rematada.

Este texto que agora recupera López-Casanova é unha achega de valor para a nosa escrita presente que, con certeza, tería sido unha contribución pioneira de ver a luz no momento no que foi concibido.

arcadio-lopez-casanovaPresta deixarse levar pola melodía destes versos, polo seu ir e vir dende a orixinaria Paradela do escritor ata as beiramares mariñás, dende os cumes nevados deica as chairas largacías, landas celmosas nas que os cánticos abrollan e o lembranza deita melancolías no ouvido do poeta.

Sexan parabéns a Arcadio López-Casanova por este seu novo contributo á literatura infantoxuvenil galega. E, tamén si, ao seu editor, o profesor Luís Alonso Girgado, pola sensibilidade amosada ao facilitar a súa publicación e arroupala coas vitalistas ilustracións de Xoán Vidales Pousa, que visten estes versos de “doce abalo/ que todo o engaiola/ coa luz dos campos”.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 7-8-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.