Unha galega de Donosti Premio Planeta 2016

nordesia-23-10-2016Podería escribir hoxe sobre o Premio Planeta e recordar que é o buque insignia do grupo de comunicación máis importante de España, o segundo maior de Francia e o máis destacado do mundo, quitado os estadounidenses. Podería comentar da súa ampla implantación nos países de fala española en América, pois ten presenza en trece estados daquel continente e noutros de diversas latitudes. Podería mesmo lembrar que nos seus sesenta e cinco anos de vida este galardón fixo 42 millóns de lectores e recibiu máis de vinte e dous mil orixinais. Pero hoxe quero contarvos outra historia, xa que é ben diferente o daimon que goberna o meu ánimo.

Desta volta préstame falarvos doutra cousa: dunha autora que naceu en Donosti en 1969, que estudou Dereito primeiro e Restauración despois, que lle agradou o último e traballou en diversos restaurantes ata ter o seu propio, pero que un día recibiu o chamado irrenunciable da escrita e se botou a narrar.

Hoxe vive en Cintruénigo, na fermosa ribeira navarra, e comezou a publicar relatos curtos e contos infantís que logo deron paso a unha primeira novela, Los privilegios del ángel (2009), e, andado o tempo, á popularísima triloxía do Baztán con El guardián invisible (2013), Legado en los huesos (2013) e Ofrenda a la tormenta (2014), títulos que lle reportaron gran fama, foron lidos por preto dun millón de persoas e están traducidos xa a máis dunha ducia de idiomas.

Esta escritora chámase Dolores Redondo Meira e acaba de gañar o Premio Planeta 2016 cunha novela que titulou Todo esto te daré e que o vindeiro 3 de outubro será presentada no Instituto Cervantes de Madrid, momento no que comezarán a circular por toda parte as 210.000 copias que dela se han tirar.

E quero falar desta creadora porque é a donostiarra máis galega que coñezo. O sangue non engana e velaí os están os seus ascendentes para demostralo: seu pai, fillo de pontevedreses; súa nai, de familia de Corme. E a aboa Virtudes, heroica emigrante galega a Pasajes, que nunca esqueceu a Terra e que contou relatos orais á neta que logo xermolaron nos seus libros. Xaora, tamén os períodos vacacionais e as moitas visitas ás bisbarras dos seus e os paseos por toda Galicia, seareira como é das nosas paisaxes, que non deixa de frecuentar en canto ten ocasión, pois unha súa irmá vive en Rodeiro.

ribeira-sacraEse humus familiar e vivencial abrolla agora en Todo esto te daré, un thriller ambientado nada máis e nada menos que na Ribeira Sacra lucense, terras de Sober e Pantón adiante, protagonizado por un escritor de 52 anos que vive en Madrid (Manuel) e que debe regresar á terra dos seus antergos para recoñecer o cadáver da súa parella que morre en estrañas circunstancias. Pronto un policía xubilado ha desconfiar da versión oficial sobre a morte e axudará ao novelista a desentrañar o misterio do falecemento, angueira detectivesca na que tamén terá moito que ver un crego da zona.

Aínda que a narración é, antes nada, un relato de intriga onde as relacións entre este tríade de personaxes e algún outro é o fundamental no suspense que se tece, cómpre advertir que a climatoloxía, as paisaxes, a historia, as tradicións e a idiosincrasia e socioloxía das galegas e galegos daquelas terras e, en xeral, de todo o noso país teñen, tamén, un papel protagónico.

Esta é unha novela sobre a cobiza, a complexidade das relacións de parella e a ocultación da verdade, unha alegación contra a impunidade, o trato de favor das clases poderosas e o acomodaticio, mais tamén unha historia de compromiso, secretos, perversións, honor e amizade. Unha narración, en fin, que non debedes de perder e que ha pagar a pena que leades a partir do vindeiro novembro.

marcos-chicotComo tampouco podedes deixar pasar El asesinato de Sócrates, a novela coa que Marcos Chicot se alzou finalista do premio, unha mestura entre thriller histórico e traxedia grega 2.0 pola que desfilan persoeiros como Eurípides, Pericles, Aristófanes ou o propio Sócrates xunto a outros do común. E todo no marco temporal da Guerra do Peloponeso, con Atenas e Esparta enfrontados e dúas mulleres humildes polos ollos das cales coñecemos a intensa e apaixonante vida daquela encrucillada histórica.

Da Grecia de Sócrates á románica Ribeira Sacra, o Premio Planeta 2016 segue a ofrecernos inmellorables escusas para debruzarnos na lectura. Lembrádeo este outono, pois as boas historias abrigan a ánima mellor que calquera manta zamorana.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 23-10-2016]

Esta entrada foi publicada en Literatura en lingua castelá e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.