Dende o Ortegal ao Miño

faro-de-vigoHoxe cúmprense os cen anos do nacemento de A Nosa Terra, a máis importante cabeceira galega da Preguerra xunto á revista Nós. O primeiro número desta publicación, naquel momento boletín decenal que se proclamaba xa “Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’América e Portugal”, arrincaba cun editorial significativamente titulado “A bandeira ergueita”, que asinaba quen foi o seu principal animador dende a primeira hora, Antón Villar Ponte. O escrito remataba cunha proclama que foi profética: “Este boletín é de todolos galegos. A súa dona é Galicia enteira. Non ten outra. Polo mesmo as súas follas serán dinas de se coleicionar. Perpetuarán o pensamento d-unha época”.

Non puido ser máis certeiro no seu prognóstico o autor viveirense, pois as páxinas de A Nosa Terra marcaron unha época e isto en diversos sentidos.

Primeiramente, a publicación foi o voceiro oficial das Irmandades da Fala e, polo mesmo, nela vertéronse innúmeras novas das xeiras desta organización, reproducíronse conferencias, consignas, artigos, crónicas asemblearias e todo tipo de noticias sobre a súa actividade política. Amais, cando en decembro de 1931 se fundou o Partido Galeguista, a cabeceira pasou a ser o altofalante deste dende o mes seguinte e ata a súa desaparición o 17 de xullo de 1936 estivo ao servizo da programática nacionalista galega.

Agora ben, alén desta evidente pegada político-orgánica, A Nosa Terra fixo historia por aglutinar os esforzos editoriais e publicistas de toda unha xeración, pois arredor dela ou en directo diálogo cos seus animadores agromaron iniciativas como a colección Terra a Nosa, a Bibrioteca Galeguista, as coleccións Céltiga e Lar ou a propia editorial Nós, mesmo a Sección de Declamación do Conservatorio Nazonal de Arte Galega e a posterior Escola Dramática Galega.

Doutra banda, A Nosa Terra supuxo o asentamento definitivo do ensaio como xénero literario en galego e tamén impulsou con forte pulo tanto a prosa de creación coma o teatro, todo sen desatender os eidos líricos, dos que incorporou igualmente abondosas mostras ao longo do seu preto de medio milleiro de números.

ant_1916Con todo, dende o anco literario A Nosa Terra foi, antes nada, o espazo propicio para o cultivo dunha parte moi representativa do mellor da nosa escrita daquelas décadas. Deste xeito, Manuel Antonio publicou nela moitos dos primeiros poemas; Cabanillas enviou para a mesma numerosos versos e inseriu nesta “O cabaleiro do Sant Grial” en 1921; Risco experimentou por primeira e única vez como poeta nas súas páxinas; Castelao publicou as redaccións iniciais de “Peito de lobo” e algunhas “Cousas da vida” e Otero Pedrayo cobrou forza nas súas planas como ensaísta, dando á luz unha “Síntese xeográfica de Galicia” por entregas.

O legado de A Nosa Terra é tan monumental que non se esgota aí, pois aínda habería que lle agradecer que ―en moitas ocasións por vez primeira― aparecesen nos seus números traducións Goethe, Daudet, Dante, Wilde, Rimbaud e moitos outros e que fosen colaboradores de mérito non poucos irmáns lusos como, poño por caso, Teixeira de Pascoaes.

A todo o anterior hai que lle sumar o apoio e soporte que prestou a institucións como o Seminario de Estudos Galegos, dando noticia das súas actividades e abrindo as súas columnas ás colaboracións dos membros deste. Ou o fulcral labor de promoción da literatura do momento, recensionando e dando a coñecer libros de Cabanillas, López Abente, Dieste, Cotarelo Valledor, Lesta Meis, Manuel Antonio, Otero Pedrayo, Risco e tamén títulos casteláns, cataláns e doutras latitudes.

Este quefacer incansable das xentes de A Nosa Terra resultou determinante para a xestación, proxección, constitución e fixación do canon literario galego do tempo das Irmandades e, xunto á revista homónima ourensá, de toda a Época Nós. E isto é así pola súa forte implantación social. Cómpre non esquecer que ao ano de aparecer xa contaba con preto de dous milleiros de subscritores e que tras destes estaba todo o tecido das Irmandades espallado por Galicia adiante, con cantidade de docentes divulgándoo e notable presenza fóra das nosas fronteiras, pois medio cento de galeguistas recibían a subscrición en Cataluña e case outros tantos en Madrid e ata Bos Aires e Montevideo ían case outro cento.

a-nosa-terra-castelaoA vontade de ser e existir como comunidade identificada e país literario fixo que A Nosa Terra superase atrancos mil. A forte censura que padeceu durante a Ditadura de Primo de Rivera, as loitas intestinas entre a Irmandade da Coruña e a ING risquiana, os varios cambios de sede social e dirección, as liortas asemblearias dos ‘irmáns’, todo e mais venceu esta publicación que só desapareceu coa chegada da Guerra Civil, pero que tivo aínda unha segunda etapa que editou a Irmandade Galega de Bos Aires a partir de 1942 e que, con moitas lagoas, continuou ata 1972. E digo que continuou e non desapareceu porque, igual que cando xurdira en 1916 A Nosa Terra recuperaba a cabeceira histórica que en 1907 fora periódico anticaciquil e agrarista de Solidaridad Gallega, tamén en decembro de 1977 un novo semanario recolleu a súa voz e levouna aos quioscos ata o 2011 e, aínda uns meses máis, ao ciberespazo en versión dixital.

Quen sabe se nalgún momento unha outra A Nosa Terra renacerá das súas cinzas e volverá portar aquela bandeira ergueita que hai agora un século levaban no peito Antón Villar Ponte e outros fundadores, pois o espírito dos que viron como abrollaba aquel número cabezaleiro, estou certo, segue vivo.

[Faro de Vigo, 10-11-2016]

Esta entrada foi publicada en Literatura galega e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.