Cadáveres exquisitos

surrealistasEntre os máis divulgados experimentos da vangarda histórica figuran os cadáveres exquisitos, tipo de escrita colaborativa que ten acadado gran popularidade e cultivo dende entón ata os nosos días.

O termo tería nacido en 1925 en París, nunha reunión na que algúns creadores surrealistas decidiron escribir un poema a varias mans servíndose da técnica dun vello xogo de mesa chamado ‘Consecuencias’, que consistía en ir escribindo por quenda nun papel un texto que, dobrado para ocultalo en parte, logo seguían completando os demais. A denominación concreta provén do feito de que o primeiro dos versos que se ideou con tal técnica dicía, xustamente, “Le cadavre exquis boira du nouveau vin” (O cadáver exquisito beberá o viño novo).

Entre os surrealistas, cultivaron este modelo participativo de creación Robert Desnos, Paul Eluard, André Breton e Tristan Tzara, entre outros. Eles foron os que fixaron as características do xénero, que, amais de grupal e anónimo, tiña que ser intuitivo, espontáneo (o máis próximo posible á escrita automática) e, en definitiva, lúdico. Mesmo para conseguir este efecto moitas veces aqueles autores chegaron a escribilos baixo a influencia de substancias que inducían estados de semiconsciencia ou durante experiencias hipnóticas, situacións todas propicias a esta desinhibición automatizadora e estrañamente creativa.

quebrantahuesosOs cadáveres exquisitos, que se deron por igual na arte verbal e na plástica, tamén tiveron fortuna na tradición española e hispanoamericana. Neruda e Lorca chamáronos ‘poemas al alimón’, namentres que Huidobro e Nicanor Parra —este último, xunto a Enrique Lihn e Alejandro Jodorowski, autor dun dos máis célebres, realizado en Chile en 1952— preferiron denominalos ‘quebrantahuesos’. Alcumados dun ou doutro xeito, estes textos, tal como explicou no seu día o vangardista suízo Nicolas Calas, teñen a facultade de revelar a realidade inconsciente do grupo que os crea e son un bo barómetro das influencias cruzadas que entre eles se producen.

Doutra banda, os cadáveres exquisitos forman parte dun máis amplo grupo de metáboles literarias nas que tamén se contarían outras escritas colaborativas como a narrativa hipertextual, tanto na súa vertente explorativa (coa elección da secuencia de lectura) coma, sobre todo, na súa expresión construtiva (na que a través da Rede se propón unha verdadeira obra comunal, tal como fixo o pioneiro Yann Queffelec, quen en 1998 promoveu a escrita colectiva dunha novela na que, de modo voluntario, alternativo e complementario participaron máis de douscentos cincuenta autores, obra que un ano máis tarde veu luz en papel no prelo da France Loisirs baixo o título Trente jours à tuer (Trinta días a matar).

Mais a vitalidade dos cadáveres exquisitos vai alén e ten hibridado tamén coa arte cinematográfica, co happening, a arquitectura ou o musical. Certas creacións fílmicas da Universidade de Nova York, algunhas cancións de Juan María Solare ou os “Tótems sen tabúes” do Grupo Surrealista de Chicago son unha boa mostra desta mestizaxe.

Actualmente a pervivencia literaria dos cadáveres exquisitos ten na Rede o seu mellor caldo de cultivo. Esta escrita que Breton definía pola súa espontaneidade, simultaneísmo e caosmose prolifera por revistas dixitais, blogs e outros foros colaborativos, actualizando así o herdo dos Jean Arp, Raoul Haousmann, Salvador Dalí, Pablo Picasso, Man Ray ou Max Ernst, que no seu día os fixeron clásicos da pintura e a literatura.

Crebaosos telúricos e cibercadáveres

uxio-e-outrosPara o caso galego o antecedente histórico máis notorio é o telúrico “Poema a tres voces”, escrito por María Mariño, Uxío Novoneyra e mais Ramón Regueira na Casa Grande de Parada do Courel o 26 de novembro de 1966 e hoxe publicado nas páxinas da revista A trabe de ouro, un texto do que se cumpre agora medio século da súa creación. Con posterioridade, practicaron abondosamente este xénero os poetas de Rompente, quen asinaron numerosos textos colectivos nos seus libros grupais.

Alén diso, pode considerarse unha iniciativa parella a levada adiante por Camilio Franco en Por conto alleo, libro no que recolleu medio cento de relatos que a fins de 1999 escribira baixo a proposta en cada caso dun tándem de palabras que os internautas suxeriron ao autor para que as fose incluíndo en cada conto.

A última gran proposta nesta liña veu da man do poeta Igor Lugrís, quen tamén a través da Rede convidou á participación nun cadáver exquisito cibernético que dende a primavera do 2007 se multiplicou ata chegar a máis de medio cento de versións, que foron recitadas e amosadas nun Expo-Cadáver celebrado en Ponferrada. Naquel cibercadáver exquisito participaron, entre moitos outros, poetas galegos como Elvira Riveiro, Xabier Queipo, Enma Pedreira, Antía Otero, Daniel Salgado, Alberto Lema, Sechu Sende, Celso Álvarez Cáccamo, Mario Regueira, Oriana Méndez ou Estíbaliz Espinosa. Ningunha proba mellor para demostrar que o cadáver está moi vivo e segue a ser un exquisito artefacto literario.

[Faro de Vigo, 24-11-2016]

 

Esta entrada foi publicada en Literatura insólita e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.