Casas literarias: Xosé Neira Vilas

casa-do-romanoXosé Neira Vilas naceu o 3 de novembro de 1928 na Casa do Romano, na parroquia de Santiago de Gres, Concello de Vila de Cruces. A vivenda é unha edificación labrega que se remonta ao século XVIII e que durante moito tempo foi albergue para os peregrinos que, polo Camiño Portugués, viaxaban cara a Santiago.

Na Casa do Romano naceron tamén tres irmáns do autor: María, Xesús e Mercedes. Foi este fogar o lugar no que viviu ata os seis anos, pois a partir de 1935, cos cartos que seu pai trouxo de Bos Aires (a onde marchara cinco anos antes), construíron unha nova vivenda na que foron morar os proxenitores, os catro fillos e os avós maternos destes. Foi nese novo inmoble onde naceron os outros tres irmáns de Xosé: Santiago, Manuel e Carmen.

Naquel Gres humilde, con dificultades e miserias sen número, pero con ledicia e ilusión pola vida, medrou Neira Vilas facendo os traballos propios do Balbino que anos despois tan ben novelou. Apenas se puido escolarizarse e as lecturas daquel tempo foron escasas, pero a súa capacidade de superación fíxoo estudar Contabilidade a distancia, enviando os exercicios e probas a unha academia de San Sebastián que lle deu o título con quince anos.

Comezou logo a traballar levando a administración dun serradoiro do lugar e empezou a afeccionarse ás representacións teatrais, para as que escribiu e adaptou diversas pezas que el mesmo dirixía, redactando incluso as escenificacións para as celebracións dos famosos Xenerais da Ulla con apenas dezoito anos.

Mais no seu devezo por aprender e formarse Neira Vilas viuse limitado e sen posibilidades na modesta Galicia á que por orixe e titulación podía acceder, así que a primeiros de 1949, con dezanove anos, decidiu marchar á emigración e foi vivir a Bos Aires. Alí, logo de pasar por varias vivendas de parentes, veciños e amigos, residiu sobre todo no 3035 da rúa Asunción e foi tamén alí onde agromaron os seus primeiros libros, entre eles esa marabilla que titulou Memorias dun neno labrego (1961).

Logo duns anos na capital porteña, no verán de 1961 marchou a Cuba, pois catro anos antes casara coa habaneira filla de galegos Anisia Miranda. Na Habana viviu inicialmente un mes na casa do dirixente cubano Santiago Riera, mais pronto pasou morar nunha vivenda da Rúa A no barrio do Vedado, que foi a residencia del e Anisia durante os seguintes trinta e un anos.

En Bos Aires e na Habana seguiu escribindo libros, promovendo, incansable, todo tipo de actividades para a difusión e coñecemento das nosas letras e ostentando diversas responsabilidades que o fixeron un auténtico embaixador da literatura galega naquelas terras.

En 1992, logo de chegar a un acordo coas autoridades para a restauración da natal Casa do Romano, volveu ao seu Gres da infancia e a casa que o vira nacer ampliouse cun novo edificio deseñado polo arquitecto César Portela. Neste conxunto duplo é onde hoxe se atopa a sede da Casa Museo Xosé Neira Vilas, que alberga un pequeno salón de actos, un museo etnográfico, unha biblioteca e a zona propiamente de vivenda, espazos todos que na actualidade coida con tesón admirable o padroado da fundación que leva o nome do escritor, dirixida moi competentemente por Luís Reimóndez.

De novo na Casa do Romano, a mesma que se ve na foto que figura na cabeceira destas liñas, Neira Vilas e Anisia pasaron o resto dos seus anos. No caso dela ata o seu pasamento no 2009. No del, ata hai agora exactamente un ano.

neira-vilas-en-gresNo lar no que nacera volveron agromar as historias que dende a nenez o autor levaba dentro. O por el escrito nos derradeiros vinte e tres anos na Casa do Romano ha dar idea do feraz deste espazo matricial, no que abrollaron novos libros de relatos e novelas (Papeis, Contos de tres mundos, O home de pau, Relatos mariñeiros, A fuxida do Manuel, Esperando o leiteiro, Aquel neno, Romaría de historias), textos infantoxuvenís (Chegan forasteiros, Cantarolas, Novas Cantarolas, O xardín de Irene, Galicia, nosa ledicia, Cantos de sol a sol, Quique na aldea), poesía (Dende Gres) e ensaios millenta (Eduardo Blanco Amor dende Buenos Aires, Cartas de vellos amigos, as series Memoria da emigración e Crónicas galegas da América, Vinte anos retornando, Arredor do mundo, Lóstregos, Penúltimo dietario ou Cancela aberta).

A Casa do Romano foi para Neira Vilas unha mandorla xeratriz onde gardaba a memoria do Balbino que foi, do mozo emigrante que chegou a ser e do intelectual retornado que acabou sendo. Por iso hoxe, no día do seu cabodano, tamén estas liñas queren lembralo nese seu territorio literario por excelencia, a casa na que deitou o derradeiro alento, un lugar que cantou nestes sentidos versos:

Gres é unha tenza de vizosos labradíos,
Gres, un recanto fluvial agarimado
Gres é auga de pesqueiras e muíños,
Gres ten tres pontes,
Gres tres vencellos
Gres ten pazos,
Gres ten templos,
Gres ten panteóns,
Gres resonancias feudais e un castro de lonxanos deuses
e lonxanos guerreiros.
Gres son camiños, o Real, o de Santiago
e os que se perden monte arriba
Gres é tamén música e palabra, lenda e tradición.
Vida e morte en remuíño.
Dende este Gres amado,
dende este mínimo recuncho,
placenta e signo meus,
escribo,
boto a andar estes versos ventureiros
coma o canto dun xílgaro na tarde.

 

Esta entrada foi publicada en Casas literarias e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.