Escrita ignota

voynichPara os amantes da escrita, poucas cousas producen máis fascinación que os libros indescifrables, ignotos ou escuros. Eses volumes que semellan ideados por mentes no límite da tolemia lúcida, individuos nos que a procura do Alén, do descoñecido ou dos saberes máis recónditos favorecen un estado superior na contemplación do Universo.

Vén isto a conto a propósito dun deses enigmáticos libros, o Manuscrito Voynich, un códice ilustrado escrito por un autor anónimo nun idioma incomprensible a principios do século XIV. A obra, actualmente na Universidade de Yale, nunca foi publicada, mais recentemente unha editora española especializada na reprodución deste tipo de textos, Siloé, chegou a un acordo coa universidade estadounidense para realizar un facsímile do que só se distribuirán 898 copias que facilitarán o estudo deste fascinante volume do que nada certo parece saberse.

Do Manuscrito Voynich tense dito de todo: que era un libro criptografado, que en realidade se trataba dunha obra escrita nunha lingua precolombina hoxe perdida, que era un texto mestura de linguas asiáticas, que respondía a un idioma políglota ou, directamente, unha lingua inventada. En fin, que nada seguro se coñece sobre a lingua na que foi escrito. E tampouco axuda o seu contido, pois se en parte dá a impresión de ser un herbario medieval, hai moitas ilustracións que recordan o astrolóxico, polo que ben podería ser que tivese que ver cos grimorios tan adoitos no Medievo, cos libros dos alquimistas ou mesmo das seitas e comunidades relixiosas alcumadas de heréticas. Mais non cabe desbotar a hipótese ockamiana: que se trate dun delirio inzado de ilustracións absurdas e abraiantes acompañado dunha cativadora escrita sen sentido.

soyga-bookNon é este o único códice ou manuscrito aínda por descifrar. Existen outros dos que non se deu coa clave que os interprete. Entre eles cómpre lembrar o Libro de Soyga, tamén chamado Aldaraia, ao que parece un tratado máxico escrito no XVI, aínda non desencriptado, do que se sospeita puido ser artífice Edward Kelley, astrólogo e ocultista. Algúns opinan que este famoso estafador houbo aliarse con John Dee, vidente da raíña Isabel I de Inglaterra, para enlear á graciosa maxestade na compra do manuscrito e de aí a súa orixe.

Aínda non pode dicirse moito tampouco dos Pergamiños Ripley, talvez obra dun alquimista do XV do que se fantasea atopou a Pedra Filosofal. Sexa como for, ficaron vinte e tres destes manuscritos iluminados, cheos de símbolos e emblemas, que fixeron perder o tino ata a Isaac Newton, a quen non parecían interesarlle tanto as grandes leis da Física e as Matemáticas coma estoutras cuestións.

Outros volumes que, por unha ou outra razón, trouxeron de cabeza a eruditos e especialistas foron o Musaeum Clausum (catálogo de obxectos imaxinarios inventado en 1684 por Thomas Browne); o Codex Rohonczi (escrito a mediados do XVIII e atopado na cidade húngara de Rohonc, que moitos cren unha impostura do anticuario transilvano Sámuel Literáti Nemes, que reune nel escenas relixiosas, laicas e militares nun híbrido lingüístico que pode ir do sumerio ao hindí); ou o Liber Linteus (un escrito, parece que en etrusco, do III a. C., logo transcrito a papiro de liño exipcio, que permaneceu oculto ata o XIX, cando o descubriu un militar croata como envoltorio dunha momia).

A estes intrigantes volumes habería que sumar os moitos que fixeron crer algúns escritores que existían, pero que non son máis que portentosas invencións. Entre os autores dados a este tipo de fabulacións salientan H. P. Lovecraft (que aludiu en diferentes textos ao escuro Necronomicón, libro sobre os mortos, e os Manuscritos Pnakóticos, creados por unha suposta raza anterior á humana); J. R. R. Tolkien (quen en O señor dos aneis amenta un ficticio Libro dos Rexistros ou Libro de Mazarbu, redactado pola raza dos ananos, o Libro vermello da Fronteira do Oeste, de onde Tolkien di transcribir O hobbit e O señor dos aneis, e mesmo un Pergamiño dos Reis no que figuraban os monarcas de Númenor); Jorge Luis Borges (que en relatos como “La biblioteca de Babel” ou “Tlön, Uqbar, Orbius Tertius” fala de Axaxaxas mlö ou a Primeira Enciclopedia de Tlön, xeniais soños seus) e J. K. Rowling (que na súa saga de Harry Potter fabulou uns Contos de Beedle o Bardo, supostamente escritos no XV).

O misterio lelia doura

miniatura-trobadoresNa literatura galega tamén habería algúns exemplos de textos ficticios, imaxinados ou mixtificados. Entre os máis enigmáticos ou de discutida interpretación atópase a expresión edoi lelia doura que aparece nunha cantiga de amigo do trobador Pedr’Eanes Solaz, unha das que, aínda hoxe, seguen a espertar máis curiosidade ¿É unha mestura de vello romance ibérico e adaptación árabe que significa algo así como “¡que noite!, é a miña oportunidade” ou incluso “a noite é longa” ou é tan só un xogo exclamativo e puramente onomatopeico? O misterio permanece.

[Faro de Vigo, 22-9-2016]

Esta entrada foi publicada en Literatura insólita e etiquetada . Garda a ligazón permanente.