O teatro de Santiago Cortegoso

Santiago Cortegoso é un dos dramaturgos máis interesantes da última década. Os premios que teñen distinguido xa a súa obra, o número de montaxes que dirixiu e os títulos publicados confírmano como un home de teatro que ten gañado un lugar de seu nos eidos da escena galega, pois tamén é o corresponsable dunha compañía e, como actor, habitual en series galegas ben coñecidas.

Xunto á actriz Marián Barallobre creou Ibuprofeno Teatro, coa que representou diversas pezas dende o 2010 ata hoxe. Tres delas aparecen agora reunidas nun volume que publica Morgante Edicións: A filla de Woody Allen. Pequenos actos pseudorrevolucionarios. O furancho.

Representadas en múltiples ocasións, todas tres coinciden, porén, na plasticidade literaria dos seus diálogos, simbolismos e atmosferas e, aínda que están depuradas de didascalias e outros elementos adoitos, non por iso deixan de transmitir unha inconfundible sensación de lograda creación verbal inserida nun artefacto escénico que participa doutras artes.

Ben diversas nas situacións que presentan e nos marcos que recrean, as tres pezas converxen tamén no seu humor e alento reivindicativo. Un humor que beirea, en non poucas ocasións, o sarcasmo, rebereteado sempre de ironía ácida e mesmo de hilaridade absurda, instrumentos todos que serven ao autor para facer tolerable a reflexión verbo das incongruencias, inxustizas e insolidariedades que pexan a nosa sociedade. Neste sentido, a dramaturxia de Cortegoso pode moi ben alcumarse de teatro social, pois pretende evidenciar sobre as táboas as miserias e abusos do capitalismo deshumanizado, as lacras do neoescravismo clasista e o imperio devastador do deus monetario.

As vías para lanzar estas mensaxes varían en cada caso. Así, en A filla de Woody Allen dáse un evidente xogo metaficcional que serve para facer comparecer moitas das obsesións do propio cineasta estadounidense nas que pode verse reflectida gran parte da sociedade actual, como os problemas de identidade, a procura da felicidade, o complexo do amor e as relacións de parella, a dificultade para afrontar o paso do tempo e a fronteira da morte ou o papel das relixións.

A segunda das pezas, Pequenos actos pseudorrevolucionarios que non serven para cambiar o mundo pero fan que quedemos máis tranquilos pon ao descuberto a inconsistencia de certas actitudes iconoclastas e antisistema cando estas non teñen presente a realidade que pretenden mudar ou fronte á que queren reaccionar vindicativamente. Tal como o propio título anuncia, hai de fondo unha consciencia de que a ira acumulada por mor de tanta inxustiza social como vemos todos os días nos medios de comunicación impélenos a rebelarnos, sequera simbolicamente, pois é o único xeito de amosar o descontento, por máis que sexamos conscientes de que certos xestos han servir para mudar ben pouco.

Finalmente, O furancho é unha diatriba contra o snobismo dos que pretenden reinventarse compulsivamente, customizando tradicións e trendizando glamurosamente todo. O resultado é un escenario kitsch (o furancho) e un xeito de se comportar hibridado e insufrible: o enxebre-sofisticado. Secasí, as dúas furancheiras disparatadas e o seu local umbilicus son a escusa para poñer o dedo na chaga sobre o mundo da cultura en Galicia e, particularmente, a situación do seu teatro.

A modernidade do teatro de Cortegoso ―esas arquitecturas sketchizadas que ensamblan como mecanos e van retroalimentándose― e a potencia dos diálogos cosidos aos silencios e acenos que con eles se entretecen fan deste A filla de Woody Allen. Pequenos actos pseudorrevolucionarios. O furancho un convite gorentoso. Sería unha ledicia que aqueles que aínda non acudiron ao teatro para ver as obras (pois seguen representándose, como pode comprobarse no blog da compañía: http://ibuprofenoteatro.blogspot.com.es/), ou xa o fixeron pero queren revivilas por vía escrita, se acheguen a este volume. Terán asegurada unha experiencia máis que grata.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 4-9-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Teatro galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.