Escrita do inverno e o Nadal

Os lectores de altura saben ben que no inverno caroal só o abeiro dun bo libro é quen de ofrecer calor suficiente. Talvez por iso foron tantos os escritores que fabularon con esta estación e o tempo de Nadal, pois é no corazón nevado do inverno cando os soños mellores se volven palabra.

E velaí como a literatura está inzada de notorios exemplos que fan do solsticio invernego o auténtico protagonista da escrita. Poida que sexa Charles Dickens quen o fixo máis universal. A Christmas Carol ―entre nós popularizado como Conto de Nadal, aínda que sería máis acaído traducir Canción de Nadal― captura a postal natalicia por antonomasia, cun Londres vitoriano no que os máis desfavorecidos reciben por unha vez a luz toda da Fortuna que lles é esquiva, restablecendo a orde e xustiza, ideais que deben brillar nestas datas.

Mais non é Dickens o único que se deixou imbuír polo espírito do Nadal e a maxia do invernal. Abonda con lembrar títulos como os Contos de inverno de Isak Dinesen para recuperar outra estampa, esta múltiple, con diversas historias nas que os fríos todo o acompañan. Ou o remate do relato Os mortos dos Dublineses de Joyce, con esa epifánica nevarada caendo lentamente sobre Irlanda na noite pecha. E outro tanto podería dicirse de Tolkien, quen escribiu para os seus fillos pequenos unhas memorables Cartas de Papá Noel; ou “Prender un lume” de Jack London, heroica e tráxica recreación da dureza inverneira das terras nordesías do Iukón; mesmo os poemas de Wilhem Müller na súa Viaxe de inverno, friaxe extrema que musicou Schubert; e, por suposto, a celebérrima “A vendedora de mistos” de Hans Christian Andersen, toda tenrura e emotividade. Pero a lista sería interminable e tería que incluír tamén O xigante egoísta de Wilde, O galano dos Magos de O. Henry, os Tres contos de Nadal de Capote, a Vida e aventuras de Santa Claus de L. Frank Baum, O crebanoces e o rei dos ratos de Hoffman e tantos outros.

Agora ben, se algunha literatura sabe do frío e do reinado do Nadal esa é, a non dubidalo, a rusa, dominio da escrita esteparia de corazón xeado. Velaí están para demostralo as narracións de Dostoievski (así en A árbore de Nadal e unha voda), Chekhov (pénsese en Vanka), Gogol (quen escribiu a novela curta Noiteboa) ou Tolstoi (tal en Amo e criado, cunha nevada mítica e inesquecible).

Tamén a literatura hispánica é rica en páxinas níveas e natais e son moitos os relatos e historias que andan este carreiro álxido. Así o fixeron Pedro A. de Alarcón en “A noiteboa do poeta”; Bécquer e o seu “Maese Pérez o organista”; Pérez Galdós en “A mula e o boi”; Clarín e “A noite mala do diaño”; Valle-Inclán con “A adoración dos Reis” e, sobre todo, coa Sonata de inverno; Juan Ramón en “Xixoneses de Nadal”; Fernández Flórez con “A esmola” ou Azorín en “O primeiro milagre”.

Grande é, á vista está, o imperio do que Llamazares chamou a “memoria da neve”. Agora que as datas de Nadal chaman á porta, ha prestar (re)ler estas obras. E se pode ser á caloriña e en tranquilidade bieita, mellor que mellor.

Folerpas galegas

Na historia da literatura galega a presenza do inverno e o Nadal como motivo temático é unha constante dende hai séculos. Aí os están os cultivadores de vilancetes do XVII e XVIII en Santiago e Mondoñedo e, tras deles, Vicente Turnes ou Alberto Camino con poemas sobre o particular en pleno XIX, unha tradición que ensanchou na pasada centuria con Cabanillas, Otero Pedrayo e Dieste. O primeiro deles escribiu o conxunto lírico A ofrenda das fadas no portal de Belén. Retablo de Nadal. O segundo puxo por xunto os seus Contos de Santos a Nadal. O terceiro creou “Un conto de Reis” que incluíu en 1962 na segunda edición do célebre Dos arquivos do trasno, onde o outrora rexo caporal do rei Melchor, agora metido a mariñeiro, conta a súa historia nas “revoltas longanías do mar invernizo”.

Xa na Posguerra téñense ocupado deste tema, entre outros, Fole en relatos como “Paréntese do Nadal”, “Historias da Noitevella. Os cadelos mitolóxicos e o Ulises” e mais “Contos de Nadal. O berro do antropoide” ou Cunqueiro nas narracións “Olaf Gunnarson estivo en Belén” e “O leigo de Viccino”. Con todo, de entre os escritores deste tempo quen se ten debruzado con maior dedicación a este eido foi Manuel María, que mesmo chegou a publicar en 1992 un poemario baixo o título xenérico de Panxoliñas.

Nos nosos días esta escrita seguiu gañando en pulo e vitalidade e publicáronse moitas obras ambientadas neste tempo ou que teñen o mesmo como verdadeiro protagonista. Como citalas todas sería prolixo, conformareime con amentar unha que salienta como reactualizadora e renovadora deste subxénero temático: Contos de Nadal, de Manuel Rivas, crisol no que igual espella un belén vivente polas feras terras de Xallas que se atrapa a maxia da vida nacente dos rumiantes contra a fin do ano ou se apuran nos nadais cinsentos os pesares do amor que non puido ser.

Nada máis lonxe, pois, que o esmorecer deste motivo literario. Estas datas son tempo ledamente máxico por definición. As nosas letras sábeno ben e seus creadores seguen a honrar unha tradición secular de folerpas de papel.

[Faro de Vigo, 22-12-2016]

Esta entrada foi publicada en Literatura insólita e etiquetada . Garda a ligazón permanente.