Memoria das augas

Sigo con atención a andaina da bergondesa Dores Tembrás dende os seus inicios. Saudei aquí a aparición do seu primeiro libro, O pouso do fume, impecables aneis de cinza versais que nos sorprenderon no 2009. E dei tamén a benvida nestas páxinas á Cronoloxía da urxencia coa que se confirmou no 2014, endeita na procura das fendas nas que a identidade se libera. Hase comprender, pois, que me preste agora recuncar coa nova da aparición de Auga a través, primeira plaquette lírica da colección Pan de Abella, unha outra regalía de Apiario, selo editor no que esmelgan a propia Tembrás e a tamén poeta Antía Otero, apicultoras dunha abellariza de celme inesgotable.

Auga a través é un decálogo poético que encabeza unha cita de Dorothea Lange (“o uso sensíbel da cámara volverá misterioso o cotián”) e que nace dunha noticia que saltou aos medios no 2012: Aceredo, un pobo de Lobios que fora anegado tras a construción dun encoro en 1992, rexurdía das augas tras a pertinaz seca dese verán.

Ese feito é o punto de partida dende o que arrinca o degraer da memoria destes versos. A fluencia das augas, o asedio da aldea que permanece nos recordos e vivencias dos que a habitaron pero hoxe é unha mancadura do baleiro, a orfandade que se sente polo que foi e non é conforma a materia melancólica que palpita no poemario.

As feridas do que se perdeu, a infancia que non regresa e os risos mergullados son un manancial que non deixa cauterizar os estigmas. Hai nesa memoranza un “colapso líquido” que o poema tenta amparar, balsámico. A escrita é, nesta tesitura, unha obsesión salvífica que redime da “adicción á memoria” e dese pasado que tanto doe.

Desfilan así por estas planas as “engurras/ do liño que non se fiou” e os infindos “metros cúbicos de nada”, mais tamén “as silvas/ enxoval de hedras” que todo o cubriron, mesmo o intre solar da rebusca no campo da festa, a música do piano señorito ao fondo da aldea, a moita luz que se deixara prendida e que esvaeceu.

Tembrás pregunta no poema: “¿ten medida a esperanza?” Poderiamos aínda inquirir: ¿Serve de algo “fechar a porta con chave/ para que non entre a auga”? ¿“Agardar por un encabalgamento/ cando só hai final do poema” redimiranos? Sexa como for, o que se sabe é que é precisa esta “cartografía de medos”, “esas pedras/ as mans que as ergueron/ —metáforas mortas—” que tiñan “a última palabra/ vinte anos despois”.

E é esa palabra grávida a que latexa na ollada de Tembras, erixíndose en cronista do asolagamento, a perdición dun mundo, o esborroarse dos devanceiros que, porén, cobran a vinganza alentando dúas décadas despois para berrar a inxustiza da súa desaparición, o berro xordo das vías de augas atoando as arterias da vida.

Como nalgúns dos seus textos anteriores —poño por caso: Cronoloxía da urxencia— hai nestes textos un ir e vir de imaxes líquidas, efluvios de desaloxo e corpos ofrendados, pulso sensible e indagatorio, señardade do baleiro, reflexión metapoética e multiplicación infinda dos espellos versos e inversos.

Toda esta Auga a través trama dende a alusiva cuberta deseñada por Tamara Feijoo e impregna o azul das tintas e cosidos destas páxinas, escolleita plaquette de materialidade grácil, tributo á poesía substantiva que nos regala Dores Tembrás e que cómpre ler e reler.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 2-10-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.