Historias

Os pobos precisan da memoria colectiva. As comunidades confórmanse arredor dun pasado que as vencella e fai herdeiras dun camiño andado co que comungan. Que logo ese pretérito se axuste á realidade histórica ou non é outro conto.

Non hai pobo que non teña a súa historia. Alén dos feitos positivos, daquilo que é documentable, contrastable ou plausible segundo as informacións obxectivas e veraces coas que se conta, máis alá de todo iso está o que as xentes queren crer do que foi o pasar dos seus devanceiros.

Secasí, é obriga dos historiadores ofrecer o relato espido do que foi, sen aditamentos románticos ou gravames ideolóxicos que acaben facendo do branco, negro. Velaí o que persegue Historia das historias de Galicia, volume colectivo coordinado por Isidro Dubert no que participan unha ducia de recoñecidos estudosos que debullan algunhas desas lendahistorias do pasado galego.

Tras unha longa introdución xustificatoria do propio Dubert, o libro principia con dous artigos que se debrocan sobre a celticidade de noso. Tanto Francisco X. González García coma Manuel Gago coinciden no cuestionamento do que foi o construto historiográfico que dende mediados do XIX e ao longo do XX fixo de nós os netos preclaros de Breogán. Aínda que por vieiros diverxentes e con conclusións complementarias, ambos coinciden na necesaria redefinición da compoñente celta, para González García unha realidade complexa que non coincide co relato romántico adoito e para Gago un concepto alternante co de cultura atlántica, que cómpre entender como un esteo pretérito que segue a redefinirse e, nese resistirse ao acoutamento temporal, ofrece unha posibilidade de presente enraizado que non debemos desestimar.

E se o pasado celta se desvela ben diferente ao que os próceres do XIX construíron para nós, tamén a supresión do reino medieval de Galicia é asunto delicado que Anselmo López Carreira analiza con ben. Nas páxinas que dedica ao asunto fica claro que a historiografía nacionalitaria española levou a cabo unha revisión do pasado tendente á autoxustificación, obviando e silenciando, cando non negando ou terxiversando, o que foi a realidade histórica comprobable, non só indiciaria, senón documentalmente, unha realidade, por certo, onde a existencia e o papel dun antigo reino de Galicia é innegable.

Por un camiño semellante ao anterior avanza Xosé Miguel Andrade Cernadas, quen se ocupa de rabudas cuestións como a concreción do que a Gallaecia foi ou como acabou creándose unha visión inexacta do fenómeno xacobeo que na Idade Media naceu.

Moi ilustrativo resulta o artigo no que Henrique Monteagudo pasa revista ao concepto Séculos Escuros aplicado ás centurias que van do XVI ao XVIII. Peiteando fino o que nese tempo aconteceu, demostra que non foi tan escasa a produción e importancia literaria e cultural de entón e que a etiqueta é un lugar común que non se axusta ao que aqueles séculos viviron, ao que imos sabendo, cada vez menos escuros.

O que digo dos anteriores estudos podería estendelo ao sobresignificado episodio dos irmandiños, que se nos vendeu como unha heroica revolta de adaís libertarios que non canxa tampouco co que foi, tal como demostra Pegerto Saavedra; coa suposta perda absoluta de representatividade de Galicia no novo concerto político dos séculos XVI, XVII e XVIII que, segundo fan ver María del Carmen Saavedra Vázquez e Ofelia Rey, non foi tan clamoroso como se propalou; coa difícil asunción do desembarco dos cataláns e as súas factorías pesqueiras do XVIII e XIX que estuda o propio Dubert e mesmo co tan cacarexado atraso económico galego do mundo rural, que discuten e matizan Edelmiro López Iglesias e Lourenzo Fernández Prieto. Mais rematarei recomendando a lectura do traballo de Ramón Villares a propósito de dous mitos fundacionais que se interpretaron ás avesas pro domo nacionalista: a loita de Pero Pardo de Cela ―investido, intereseiramente, como mariscal defensor da independencia galega fronte ao invasor reino castelán― e os fusilamentos de Carral ―tamén resignificados como exemplo de entrega mártir á sacra causa da liberdade galega.

Para os que queiran saber máis, esta Historia das historias de Galicia péchase cun apéndice bibliográfico co que profundar nas atraentes cuestións que se suscitan neste volume ideado por Isidro Dubert, tan interesante como necesario.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 28-8-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Ensaio galego actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *