Novo libro dos amigos

Ánxel Fole contaba sempre que un dos libros que máis lle prestaría escribir era un que se había titular Censo de boa xente. Nel iría dedicando capítulos a todas aquelas persoas coas que cruzara ou das que soubera que compartían a singular calidade da bonhomía. Desafortunadamente, o mestre lugués nunca chegou a publicar aquela obra coa que tanto soñara, pero estou seguro de que tería sido un texto do máis singular.

O mesmo espírito animou no seu día a Ramón Otero Pedrayo, quen deu á luz en 1953 as delicadas prosas de O libro dos amigos, coñecido volume de retratos literarios no que rememorou un feixe de persoeiros por el benqueridos que daquela xa desapareceran.

En idéntica liña se sitúan as páxinas de A palabra compartida, poemario de Arcadio López-Casanova que conta cun subtítulo acaído e revelador: “Retratos e homenaxes (1963-2013)”.

O libro, publicado por Espiral Maior nunha coidada edición que leva un deseño de cuberta de Fátima Valente, filla do xenial poeta ourensán, é unha sorte de vitral amigable no que comparece a loa e rememoración tanto de voces clásicas devocionadas por López-Casanova coma de compañeiros de oficio estritamente coetáneos e, tamén si, merecedores da súa máxima consideración. Por tanto, nestes poemas, como o autor aclara no limiar, o peso do elexíaco, do cordial e do admirativo é decisivo, amosando a un tempo “a voz do eu íntimo e do eu social”.

As composicións recollidas en A palabra compartida naceron a partir de ben diversas circunstancias. Algunhas xurdiron a propósito da conmemoración de efemérides ou homenaxes. Outras víronse propiciadas pola desaparición de amigos benamados e as máis delas permanecían inéditas e vén agora luz por vez primeira. En todos os casos os textos foron revisados, “revividos” e fixados como definitivos para esta planas, por máis que, como digo, algúns figurasen xa en anteriores publicacións.

Entre o cabezaleiro destes poemas metaliterarios dedicado a Rosalía por mor do primeiro centenario da aparición de Cantares gallegos en 1963 ata os derradeiros escritos hai apenas uns anos e xa consagrados a compañeiros da súa e de posteriores xeracións, median máis dunha vintena de textos centrados nalgunhas das voces máis senlleiras das nosas letras. Así, aos poemas sobre a matriarca Rosalía seguen os versos en homenaxe a Curros, Castelao, Otero Pedrayo, Cabanillas, Pimentel, Cunqueiro, Iglesia Alvariño, Fernández del Riego, Celso Emilio, Díaz Castro, Seoane, Novoneyra, Avilés de Taramancos, Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana, entre outros, o que dá idea do relevo e alcance dos territorios autoriais poetizados.

Enmarcando todas estas composicións dispón López-Casanova unha “Epístola censoria” inicial e un “Pranto coral” como cauda, textos que contribúen a transmitir a sensación de conxunto orquestrado, ben trabado na súa esencial converxencia, superadora da obvia dispersión das orixes.

O dominio na labra do verso, a abraiante capacidade do poeta para se imbuír do modo lírico dos autores cos que dialoga, o finísimo bosquexo de atmosferas e referencias simbólicas, a mestría nas formas e fórmulas así como o escolleito das verbas coas que orna o beiril de cada sintagma fan deste A palabra compartida un compendio de grande altura estética, así como un testemuño de fidelidades entusiastas e querenzas lectoras, que supón tamén un canon indirecto de voces referenciais.

Moito presta ler os poemas deste novo libro dos amigos, censo de boa e extraordinaria xente. Quen cruce polas súas páxinas descubrirá pronto a brasa palpitante do selo López-Casanova e comprendera, parafraseándoo, que o seu fuso deitou un fío dourado do Tempo pasado e na flor do verso teceu unha cantiga de amor, de amizade e de mestría.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 6-11-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.