Escrita atlántica

Esta sección que agora les ten un nome que explica a curiosidade inicial que espertou en min un título como Verbas atlánticas. Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro. A coincidencia oceánica non deixa de ser unha feliz casualidade, pois o substantivo é que o volume me interesou dende o primeiro momento por reunirse nel toda a lírica vertida polo autor de Corcubión pertencente ás tres literaturas destes territorios das Illas Británicas.

Placido Castro é un dos tradutores máis importantes da Galicia do pasado século. A el debemos as versións de Teatro irlándes (Dous folkdramas) de W. B. Yeats (que trasladou xunto aos irmáns Villar Ponte) e Os Rubáiyat de Omar Khayhán, que traduciu a partir da versión inglesa de Edward Fitzgerald, un texto, este último, que se incorpora á presente edición tanto na versión galega de Castro como na versión ponte do propio Fitzgerald.

Alén diso, estas Verbas atlánticas recollen todos os versos traducidos por Plácido Castro e publicados tanto na Poesía inglesa e francesa que editara en 1949 a Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires (unha colección de versións de dez autores en lingua inglesa que lle premiara esta institución en 1946 e que logo publicou na amentada edición a canda outras traducións, tamén distinguidas, de Lois Tobío e Florencio Delgado Gurriarán) coma outros textos aparecidos en Grial, Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego.

Secasí, a máis importante contribución destas Verbas atlánticas é a recolleita das numerosas traducións que Plácido Castro deixou inéditas dos máis diversos autores en lingua inglesa do século XIX e primeira metade do XX, incluídos algúns textos anónimos redactados orixinariamente en gaélico antigo. William Blake, Robert Burns ou R. L. Stevenson veñen sumarse, así, ás translacións recuperadas de Thomas Hardy, Christina Rossetti ou W. B. Yeats, constituíndo un moi amplo mostrario que se edita en versión bilingüe.

Estas Verbas atlánticas publícanse baixo o selo da Fundación Plácido Castro e estiveron ao coidado de Laura Linares Fernández, quen dispuxo para as mesmas un documentado estudo introdutorio no que dá conta tanto das principais circunstancias biográficas do tradutor coma da importancia do labor deste na Galicia do seu tempo, sen esquecer amentar a xenuína aposta lingüística que revelan as súas versións e engadir unha escolleita bibliografía final coa que complementar a aproximación á súa figura.

Congratúlome, xa que logo, de que as Verbas atlánticas espellen nas Letras Atlánticas e dar, así, noticia deste moi interesante volume polo que merecen aplauso tanto a responsable da edición como a fundación que tan oportunamente o trae á luz coa axuda e patrocinio dos concellos de Cambados, Corcubión e Vilagarcía, amais da Asociación de Tradutores Galegos e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 18-12-2016]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Tradución e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.