Rosalía voa alto: un mundo de nomes literarios

Estes días pasados saltou á actualidade a felicísima nova de que o aeroporto de Santiago de Compostela ―nacido como aeródromo en 1932 no, daquela, municipio de Lavacolla, de aí que sexa aínda coñecido tamén por este nome― vai pasar a chamarse oficialmente Aeroporto Rosalía de Castro.

Esta moi acertada e unánime decisión, para alén doutras positivas consideracións, contribúe a visibilizar a importancia do capital simbólico literario na realidade social. Talvez non estea de mais lembrar agora que este non é un fenómeno illado, nin tampouco historicamente descoñecido, pois aqueles pobos que teñen conciencia do seu valor como comunidades culturais adoitan transversalizar intelixentemente a presenza dos seus próceres literarios nas máis variadas e, por veces, insólitas realidades.

É moeda común que nas cidades e municipios os rueiros espellen a pegada dos escritores locais e universais. Prazas, avenidas, paseos, xardíns, circunvalacións, rotondas e demais aparecen zarrapicadas con nomes de escritores, como tamén aqueles organismos ou espazos públicos naturalmente vinculados á cultura e a educación: centros de ensino, universidades, bibliotecas, casas de cultura e librerías. Que todos estes lugares se nominen en homenaxe a autores é, polo tanto, bastante común.

Agora ben, o que non é xa tan habitual é que os creadores de xeniais textos literarios sirvan para designar realidades de primeiras abondo afastadas do mundo das letras, como acontece coa boa nova portuaria que dá a escusa a estas liñas e que, cómpre dicilo, ten tamén outros benfadados precedentes. Non hai máis que lembrar, poño por caso, o Aeroporto Federico García Lorca de Granada-Xaén ou, no eido internacional, o José Martí da Habana.

Mais o nome dos escritores dá agradables sorpresas saíndonos ao camiño en moitos outros ámbitos. Un pode tomarse un bo filete de xato con patacas cocidas con manteiga e gornición de salsa bearnesa e homenaxear así a Francois-René Chateaubriand, vizconde que dá nome a tan suculenta peza. Poida que ese afamado prato viñese precedido xa dalgún cóctel xenuíno, se cadra un Kerouack (dúas onzas de ron branco, unha de tequila, zume de laranxa, xeo e torada de lima), un Sir Walter Scott (tres cuartos de ron e outros tantos de brandy, unha cullerada de granadina, outra de curação e outra máis de zume de lima e xeo), o ben célebre Hemingway Daiquiri (dúas onzas de ron branco, tres cuartos de zume de granada, media onza de zume de lima, cuarto de onza de licor de cereixa e outro tanto de xarope e xeo) ou, se as preferencias dun pasan por algo menos volátil, un Charles Dickens Punch (cuarto litro de brandy, corenta mililitros de ron, un litro de auga, zume de tres limóns e sesenta onzas de azucre).

É posible que despois dunha tal inxesta se chegue a ver a Mu Aare, na constelación do Altar, sistema planetario que dende decembro do 2015 distingue a estrela Quixote e os seus planetas Dulcinea, Sancho e Rocinante. E, se un se nota fatigado para ver tan de lonxe, pode conformarse con ollar para os satélites de Urano e repasar así os personaxes de Shakespeare que lles dan nome: Cordelia, Ofelia, Xulieta, Puck, Titania, Oberón e así ata case a trintena.

Se, pola contra, o de un non son as viaxes astrais, pode sacar un billete e visitar a illa Robinson Crusoe no chileno arquipélago de Juan Fernández, en pleno Océano Pacífico.

Ao mellor tampouco un é de moito viaxar, non vaia ser o demo que se manque e acabe tendo que retornar para que o ingresen no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Así que, se se prefire tranquilidade, sempre se pode ficar na casa vendo o fútbol. Tampouco aí se deixará de bater coa literatura, porque se han de oír novas do minuto e resultado do Estadio José Zorrilla de Valladolid. E, se un se anima e quere xunguir letras e esférico, pode facer como o grupo de escritores italianos do Osvaldo Soriano Football Club, que non só homenaxean o autor arxentino de Cuarteis de inverno a través do nome do seu equipo, senón que deron un paso adiante e, constituídos en selección Nazionale Italiana Scrittori, organiza dende hai unha ducia de anos a Writers’ League, na que teñen participado combinados de Alemaña, Hungría, Gran Bretaña e outros lugares.

Rosalía voa alto agora subida aos aleróns dos Boeing 737 da aeroliña escandinava Norwegian, nos que comezará a figurar este mes de marzo, e en nada nos frontais do aeroporto da capital galega, pero estou seguro de que non quedará aí a cousa, porque a nosa mater literaria e toda a súa proxenie de seguro continuarán a darnos alegrías.

[Faro de Vigo, 9-2-2107]

Esta entrada foi publicada en Literatura insólita e etiquetada , . Garda a ligazón permanente.