Das pequenas grandes cousas

Hai libros que, unha vez descubertos, producen un sismo interior que acaba por reconfigurar os cimentos do mapa sentimental propio. Son obras das que posúes a certeza de que tería sido un inmenso erro non chegar a coñecelas ao longo dos teus anos de vida, textos nos que asalta a convicción de que tardaches de máis, sempre demasiado, en darlles cumprida lectura. Por iso te prometes relelas moitas máis veces. Porque a vida é curta e a arte dalgunhas obras moi longa. E porque Menéndez Pelayo tiña toda a razón cando se queixaba de que é unha pena morrer, coa de libros que lle quedan a un por ler. Sobre todo, engado eu, se eses libros son tan extraordinarios como Meu avó, rei das pequenas cousas, unha alfaia literaria de João Manuel Ribeiro da que hoxe quero dicir apenas dúas ou tres palabras.

Non tentarei apañar a auga do mar literario de Ribeiro con cribos. Imposible resumir aquí a extensa, densa, intensa traxectoria autorial de quen conta os volumes por ducias, as conferencias e charlas por centos e a súa participación en libros colectivos e eventos literarios de todo tipo por moreas. Abondará con dicir que Ribeiro é un dos máis importantes escritores infantoxuvenís de todo Portugal e o dilatado orbe lusófono, un lugar que lle confire, con todo merecemento, a súa recoñecida, reeditada e multipremiada obra.

Porque eu quero falar agora de Meu avó, rei das pequenas cousas, un libro editado con delicado primor por Hércules Edicións e ilustrado —acaeríalle mellor dicir iluminado— por Catarina Pinto, un volume que se publica en galego por man doutra sobresaliente escritora infantoxuvenil galega, Ánxela Gracián, quen puxo o seu cumprido talento de tradutora profesional ao servizo dunha historia da que o menos que se pode dicir é que esganifa a fibra cardíaca tanto como enleva o pensamento.

Ideado como unha historia de vida e descubrimento en oito estacións, o relato de Meu avó, rei das pequenas cousas é todo el un vademécum gnómico e sentimental, unha narración que, ao tempo que testemuña vivencias e fidelidades, memorias e perdas, ledicias e revelacións, serve tamén ao propósito do docere et delectare dos clásicos, pois ese alento de ensinanza e fe nun vivir vai cosido á víscera mesma desta admirable historia.

O neno protagonista que narra os feitos rememorados dá razón da importancia transcendental que na súa vida xogou —e xoga, na lembranza— o seu avó. El foi quen lle ensinou a ver o mundo, a pensar a existencia e aprehender que a felicidade está nas cousas máis miúdas, que nos levan sempre ás verdadeiramente inmensas: o amor, a amizade, o agarimo á terra e as xentes dun, a paixón por aprender, a perda dos que queremos, a convivencia harmónica co resto dos seres, en fin, a necesidade dos soños, da imaxinación, da ledicia presente e a esperanza futura.

Camões, Pessoa ou García Lorca aparecen homenaxeados nestas páxinas, cheas de luminosas reflexións, tamén de tenrura e sutileza, de maxinacións e ensoños, de gratitudes e arelas. Unhas planas nas que se desliza una prosa dúctil, despida, que acompasa a súa música cunha imaxinería sensorialista, evocadora, grácil.

Meu avó, rei das pequenas cousas é un regalo para o corazón, unha dádiva que o deus das palabras lle concedeu a João Manuel Ribeiro e que el, como novo Prometeo, nos obsequiou aos lectores. Como non apreciar un galano así. Merece agradecérselle a quen o agasalla e a quen fai de oportuno Mercurio, neste caso Ánxela Gracián e Hércules Edicións, pois grazas ao seu favor está na nosa man poder ler o Saint-Exupéry portugués dos nosos tempos.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 12-3-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua portuguesa, Tradución e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.