Portugal e Galicia en Guilherme de Almeida

“A rua que eu imagino, desde menino, para o meu destino/ pequenino/ é uma rua de poeta, reta, quieta, discreta,/ direita, estreita, bem feita, perfeita/ com pregões matinais de jornais, aventais nos portais, animais e/ varais nos quintais”. Quen así cantou procurando unha paisaxe urbana para o corazón foi o gran poeta brasileiro Guilherme de Almeida no seu libro Você (1931).

O escritor tivo unha vida plena, chea de recoñecementos, e deixounos unha obra extensa que ocupa sete volumes de poesía completa. Foi, que dúbida cabe, un xenio da escrita e no seu São Paulo natal e en todo Brasil é un clásico lido e relido, admirado e idolatrado.

Nacera en Campinas en 1890 e morreu en São Paulo en 1969, onde, dende hai case catro décadas, existe unha Casa Museo que leva o seu nome e que constitúe un auténtico centro de peregrinación para todos os amantes da poesía e e a arte.

Avogado, xornalista, crítico de cine, poeta, ensaísta e tradutor, Guilherme de Almeida foi tamén un cidadán comprometido e solidario, que tivo problemas co réxime do seu país ao significarse como combatente na Revolução Constitucionalista de 1932, que pretendeu derrocar o goberno de Getúlio Vargas e instaurar unha Assembleia Nacional Constituinte. Os sublevados non conseguiron o que procuraban e o resultado foi que Guilherme de Almeida, logo dunha breve estancia no cárcere, tivo que marchar ao exilio, indo parar a Portugal.

Xustamente a súa estancia por terras lusas é a substancia que alimenta o volume de prosas O meu Portugal, un texto de referencia que contén algunhas das crónicas máis fermosas e penetrantes da idiosincrasia e a xeografía lusitanas. Os bairros e lojas, as velhas casas fidalgas e o gótico desfalecente de Lisboa; as señoriais Sintra e O Estoril; o emblemático túmulo de Dom Dinis; o fascinio do fado e o carnaval lisboeta; os autos de Gil Vicente, a feira da Ladra e aínda as estradas portuguesas son outros tantos recantos vivenciados que Guilherme de Almeida inmortalizou nestas súas “crónicas do desterro”, como a el lle gustaba chamalas.

Pois ben, no comezo daquela primavera de 1933 o paulista viaxou a Galicia. Visitou Vigo e Compostela, tamén outros lugares. E nesas súas visitas coñeceu e trabou amizade con Castelao, Maside, Colmeiro e Paz-Andrade, entre outros. A camaradería entre eles durou toda a vida, ata o punto de que, cando o último publicou Sementeira do vento na colección Salnés de Galaxia en 1968, o libro apareceu prologado por unha “carta-prefacio” de Guilherme de Almeida, quen na portada era recoñecido como o “Príncipe dos Poetas do Brasil”. O seu texto figura datado a fins de 1967 e nel saúda fraternalmente a “milagrosa Poesía” do escritor pontevedrés.

Fica constancia desta galegofilia de Guilherme de Almeida na revista Nós, onde se lle transcribiu a palestra “Galizza, pátria da canção”; na súa pertenza honorífica ao Seminario de Estudos Galegos; nas memorables páxinas que dedicou á lírica trobadoresca no discurso de ingreso na Academia Brasileira de Letras e na pegada de Martin Codax nalgúns versos do seu poemario Simplicidade (1912-1914); tamén na versión ‘brasileira’ á que acomodou o texto, en edición pentalingüe, do Pranto Matricial (1975) de Paz-Andrade.

O meu Portugal deste gran poeta que tan benquería os galegos acaba de ser publicado polo selo brasileiro Annablume nunha magnífica edición a cargo do profesor Ulisses Infante da Universidade Estadual Paulista e mais a profesora María Isabel Morán Cabanas da Universidade de Santiago. Un traballo impecable que recupera e pon de novo en circulación un texto aparecido hai tres cuartos de século, arroupándoo con documentadas e felices informacións verbo da biobibliografía do escritor, da súa estancia en terras portuguesas e galegas e, xaora, a propósito do fondo e a forma destas crónicas lusas.

Quen queira un guieiro diferente para viaxar ata as terras irmás do Sur pode facerse con este O meu Portugal na tenda virtual da editora (http://www.annablume.com.br/). Descubrirá unha visión diferente e ben profunda da ánima do país ultramiñoto na verba, vibrante, dun dos mellores poetas da lusofonía ou galeguía. Porque unha cousa é ver e outra reparar, xa se sabe, e a ollada dun poeta como Guilherme de Almeida revela e ilumina a realidade.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 26-3-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura en lingua portuguesa, Sen clasificar e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *