Xeografías sentimentais

Dende hai un tempo veño seguindo a traxectoria de Rosalía Morlán (Trazo, A Coruña, 1959), poeta e rapsoda galega con varias obras xa no seu haber e importante presenza en antoloxías colectivas, un labor que ten sido recoñecido con diversos premios.

Neste último lustro vin aparecer versos infantoxuvenís seus e non só en volumes como Estrelas de azucre, 2012, O libro do mundo dos soños, 2013, O Castelo da Rocha Forte, 2014 ou Canta a lúa coas estrelas, 2015, aos que recentemente se sumou Nas rúas de Compostela, poemario publicado por Edicións Fervenza do que agora quero ocuparme.

Nas rúas de Compostela reúne preto de medio cento de composicións que teñen na cidade xacobea a súa protagonista. A chuvia sobre as lastras do casco antigo, os peregrinos que cruzan o Obradoiro, a Berenguela que acompaña cos seus harmoniosos sons as noites santiaguesas, os silencios das rúas orballadas ou o vento que asubía nos tellados da catedral mestúranse con personaxes emblemáticos da cidade, como as dúas Marías, os populares churreiros ou parellas literarias como a de Tomás Antón Pereiras e Nieves Olmedillas, mais garda tamén sentida lembranza para aconteceres como a traxedia ferroviaria da curva da Grandeira o 24 de xullo do 2013.

No libro ―fermosamente ilustrado polo artista mindoniense Xosé Vizoso e prologado polo catedrático de Filosofía da Universidade de Santiago Marcelino Agís Villaverde― predominan as fórmulas romanceadas e as coplas e todo el zumega musicalidade nos versos, que semellan anainar os elementos da natureza (lúa, vento, sol, chuvia), a convivir coas pedras da cidade para facer agromar soños e lembranzas.

Nas rúas de Compostela é un testemuño xeopoético que recolle o herdo mellor dunha tradición de cantores do Santiago eterno, dende as verbas matriarcas de Rosalía de Castro ata o dicir espiritual de Gerardo Diego, pasando polo delicado lirismo de Federico García Lorca. Ao seu maxisterio engade Morlán a lira propia, tensada coa melancolía dunha Compostela evanescente, abondo lunar, onde a chuvia imprime unha cadencia intemporal, conseguindo crear un singular territorio da escrita no que a xeografía urbana e a sentimental engastan en perfecta conxunción.

Préstame facer notar que a cidade da poeta non é un simple decorado; pola contra, estas rúas e prazas, os antigos edificios e recantos seculares adquiren sentido só se se teñen presentes os seres que a habitan, personaxes que lle imprimen o seu carácter de urbe de tradicións xenuínas, porto no que desemboca a peregrinaxe de toda Europa e espazo no que tiveron e teñen lugar incomparables historias de amor, de resistencia e mesmo de xeiras avesías.

O tempo da cidade é tamén unha outra rosa dos ventos que guía estas páxinas, onde o outono é o tonal maior, pero nas que tamén comparecen os xélidos días de xaneiro, o ledo nadal das badaladas catedralicias, o ventado concerto primaveral e, sobre todo, o inacabable ciclo dos días tantas veces poallentos e as noites decote silandeiras e máxicas.

A Compostela do quilómetro cero no Obradoiro e a vixiante torre da Berenguela, das cinco rúas e a admirable Corticela, da Rocha Vella encameliada e o Toural cosmopolita, da Alameda paseante e o Vilar porticado, da Quintana ultrarreal e o Conxo acolledor é a que palpita neste Nas rúas de Compostela de Rosalía Morlán, autenticidade e transparencia poéticas que moito cómpre agradecer.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 5-2-2107]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *