Familias

Hoxe quero dar noticia dun volume singular e necesario, un álbum de gran proveito pedagóxico que non debería faltar na biblioteca de centro escolar ningún, tampouco nos andeis das nosas casas, sobre todo nas daqueles que teñen rapaces e rapazas aos que cómpre ir achegándolles didacticamente unha realidade tan esencial como a da familia, as súas múltiples e variadas composicións, o seu espírito, a súa importancia e significación.

En familia! é o título que traduce o orixinal Alles Familie!, volume co que Alexandra Maxeiner e Anke Kuhl gañaron o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de Alemaña no 2011. Tanto Maxeiner como Khul son autoras cunha longa e sólida traxectoria no eido da creación para a mocidade, igual no ámbito literario que no audiovisual, polo que non é de estrañar que o resultado da suma dos seus talentos ofreza tan interesantes froitos.

Da versión galega responsabilizouse Rosa Marta Gómez Pato, unha das nosas mellores tradutoras da lingua xermana, quen ofrece aquí unha translación exemplar, respectuosa en extremo co orixinal, ata o punto de que restitúe algunhas pasaxes que na tradución a outras linguas (por exemplo, a aparecida en castelán no selo Takatuka) foran suprimidas e tamén acomodou con moito ben algúns termos que foran modificados erradamente no paso a outros idiomas.

Por tanto, este En familia! que nos chega da man de Hércules de Ediciones é unha inmellorable porta de acceso á suxestiva creación de Maxeiner e Kuhl, pois non só responde con fiabilidade no traslado textual, senón que tamén na edición material do álbum as imaxes e formatos se conservaron con total esmero.

Quen debulle nestas páxinas comprenderá pronto que o concepto familia engloba na actualidade unha realidade multiforme e variable en extremo. Moitas das combinacións posibles de familias que conviven na nosa sociedade móstranse aquí de xeito moi ameno e comprensible. Sabemos, así, das familias numerosas e as de poucos membros, das de fillo único ou das de varios irmáns, incluídas as dos xemelgos uni e bivitelinos, tamén as dos trillizos, cuadrillizos e mesmo quintillizos.

Agora ben, a diversidade familiar que percorre estas páxinas alcanza tamén a natural descrición doutras modalidades, como as familias de pais separados ou divorciados e as daqueles que volveron casar e teñen novos fillos coas novas parellas e, polo mesmo, descendentes que son medio irmáns, isto é, as denominadas familias patchwork. Tamén se presentan as familias arco da vella, ou sexa, as integradas por homosexuais e lesbianas, con ou sen descendencia.

Pero, indo máis aló, este En familia! dá razón das designacións nas que, en moi diferentes culturas, son amentados os proxenitores e a súa proxenie, tamén das familias con fillos adoptados, subrogados e acollidos, da descendencia que medra criada polos avós ou tíos e dos curiosos nomes que as madrastas e padrastos teñen nalgúns lugares (así mamá bonita e papá bonito en Francia ou mamá e papá de plástico en Suecia). Explica tamén que o termo familia pode estender o seu uso alén da familia nuclear, incluíndo os restantes parentes e mesmo as amizades, dando lugar neste último caso ao que se chama familias de elección. Na mesma liña, comenta a curiosidade da unión inquebrantable entre amigos que se produce entre irmáns de sangue (co rito unitivo das pingas de sangue coas que se sela o pacto) e de moitas outras cuestións que unen as familias ou as fan, dunha ou outra maneira, xenuínas (os olores característicos que imprimen ao fogar, os hábitos e costumes que comparten, os idiolectos que crean etcétera).

O libro, divertido e moi informativo, remata cunha ficha en branco para cumprimentar onde cada lector pode, se quere, presentar a súa familia (membros, nomes e parentescos) e sinalar a comida e lugares preferidos de cada quen, os alcumes, hobbies, palabras secretas, fobias e mesmo cousas nas que se asemellan ou diferencian.

Recomendo con entusiasmo este álbum, fondamente educativo para os máis novos, formativo en grao sumo para os xa crecidos e unha lectura que, como o seu propio título indica, pode moi ben gozarse na compaña tanto de fillos coma de pais e avós e, se os houber, tamén de bisavós e tataravós, que saberán falar e lembrar a memoria de trastaravós e pentavós, sempre En familia!

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 29-1-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil, Tradución e etiquetada , , , , , , . Garda a ligazón permanente.