A poesía torrencial de José Estévez

O poeta, narrador, profesor e dinamizador cultural José Estévez López (Guntín, 1954) acaba de recoller en dous extensos volumes que, en conxunto, sobordan os oito centos de páxinas a súa Poesía reunida. Poesía completa, compendio dunha angueira lírica na que leva traballando máis de corenta anos, pois os primeiros textos que aquí se ofrecen remóntanse a 1974 e os últimos son aínda do pasado ano.

Esta opera omnia compila, como non podía ser doutra maneira, unha celmosa variedade de rexistros poéticos e de temáticas, pois non en van son máis dunha ducia os títulos que reúne, non pequena parte deles inéditos.

Deste xeito, a carón de obras que xa dera a coñecer como A túa ausencia que non se apaga, De ida e volta, Aseteando, Naír e Virtual amor platónico ven agora a luz outros que agardaban no fardelo do autor, como os titulados Atrozmente con amor, Da apoteose ao apocalipse, Dez veces cinco, Iria, amor, amiga, Nós tamén amamos a Muralla e aínda algúns outros recolleitos de diversas publicacións colectivas nos que foran inseridos.

Dos propios rótulos dos poemarios é doado deducir a gran variabilidade de asuntos tratados por Estévez, que ten tamén o seu correspondente na multiplicidade de estéticas ensaiadas, o que é de esperar cando o que se amosa é o labor paciente de case medio século de escrita, con todo o cúmulo de vivencias, lecturas e travesías xeracionais que nun tempo tan dilatado se produce.

O que digo explica por que nestes versos conviven o amor e o desamor, a escrita de intervención e a poesía do cotián, as cántigas da memoria e as composicións telúricas e aínda as lostregadas eróticas ou os cantos elexíacos.

Esta poética múltiple entretécese cunha auténtica fervenza de citas e homenaxes, que recrean un tapiz de lecturas e diálogos con millenta autores benamados, pois alcanzan tanto a poetas de noso como a moitos outros do ámbito hispánico e luso e, xaora, doutros espazos. Así, xunto aos ecos de Rosalía, Curros ou Pondal e, mais preto de nós, Manuel Antonio ou Cunqueiro, van tamén os de Méndez Ferrín, Celso Emilio ou Manuel María cos de Lois Pereiro, Claudio Rodríguez Fer, Darío Xohán Cabana ou Lupe Gómez. Por descontado, as voces en castelán de clásicos de Preguerra como García Lorca ou Cernuda arróupanse coas dos poetas de Posguerra e Democracia como José Hierro, Ángel González ou Caballero Bonald, pero teñen especial intensidade nos autores de alén o Atlántico, nomeadamente César Vallejo, Alejandra Pizarnik e, por riba de todos, o devocionado Pablo Neruda. Aos anteriores cabería engadir aínda unha lexión internacional na que figuran, por amentar só uns cantos, Kavafis, Celan, Eliot, Rimbaud, Walt Whitman, Eugenio de Andrade ou Dylan Thomas, moitos deles expresamente citados nestas páxinas.

Se a isto lle sumamos a omnipresenza do musical (con referencias que van dende a música clásica e o pop-rock dos 70-80 ata chegar a Fito y Los Fitipaldis e Rosana, con paradas en cantautores senlleiros como Paco Ibáñez e Pablo Milanés ou os nosos Suso Vaamonde ou Luís Emilio Batallán) teremos unha radiografía de contexto axeitada para calibrar esta escrita na que alterna o verso mínimo coa liña versal xenerosa, o poema en prosa coas prosas poéticas, as glosas cos parahaikus e todo cunha dicción de intensidades remarcadas no recurso ás maiúsculas, ás especiais disposicións gráficas na páxina e ás apelacións ao lector.

Admira contemplar por xunto toda esta Poesía reunida. Poesía completa de José Estévez, unha auténtica arroiada versal, escrita torrencial onde todo ten cabida e o poema se volve crónica dos días vividos, notario dunha realidade que só sabe dicirse literariamente. Sexan parabéns para este infatigable poeta e ogallá o adxectivo ‘completa’ que o título anuncia vire apenas un recurso de escritor que futuras publicacións acaben deixando no ar.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 18-6-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Poesía galega actual e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.