Blues para Miguel Anxo Fernández

“A memoria, ademais de teimuda, sempre retorna”. Velaí o sólido perpiaño no que asenta o edificio narrativo de Blues para Moraima, a máis recente novela de Miguel Anxo Fernández, inserida na colección Literaria da Editorial Galaxia

Blues para Moraima é unha novela de tinturas políticas por canto a escusa argumental que desenvolve ten como ancoradoiro último feitos acaecidos durante a Guerra Civil, aínda que logo o corazón da narración devale a tempos ben máis recentes. É tamén, por tanto, unha novela histórica, ben que dun tempo próximo, neste caso o do remate da Transición, e, polo mesmo, un momento complexo no que comezan a evidenciarse os moitos acertos pero tamén os non poucos fíos soltos que o tránsito á Democracia deixou nunha cosedura que arrastraba abondo tecido ruín herdado da (Pos)Guerra.

De por parte, esta é tamén unha ficción moi cinematográfica, pois tanto a súa estrutura en capítulos-secuencia coma a alusión explícita a recursos da sétima arte (fundidos, planos, flashbacks, flashforwards, tomas) fan evidente esta filiación, aínda máis notoria polo feito de ser o personaxe central de Alfonso o dun veterano e moi reputado cineasta galego de fama internacional que, tras medio século exiliado nos EE.UU., viaxa a Galicia para axustar contas co pasado, chamado, precisamente, por outro director da televisión pública do país que está a preparar un documental arredor da súa vida e obra.

Ben lonxe de calquera exercicio saudoso, Blues para Moraima confórmase como un trepidante thriller que, como tal, formula un enigma inicial que ten que desvelarse ao longo da novela, pois as interrogantes sobre lutuosos episodios represivos do falanxismo bélico deitan demasiadas sombras que cómpre disipar. Neste sentido, o arrinque da historia, co propio narrador contando o seu enterro (si, leron ben, a súa incineración) asolaga no desconcerto o lector ao tempo que o convida ao desafío de seguir lendo para tratar de comprender como un feito aparentemente imposible ten a súa razón de ser.

Por tanto, a proposta que nos traslada nesta ocasión Fernández participa dun hibridismo subxenérico notable, que integra sobre unha base de relato crónica páxinas memorialísticas, capítulos epistolares, fragmentos de guións e mesmo prosas líricas (poño por caso, o moi poético remate da obra, toda unha homenaxe fordiana de evocación heroica, que inclúe unha chiscadela de ollo celsoemiliana abondo erótico-telúrica e, tamén si, un cruzar tanxencial co Rivas Style de saxos nebulosos).

Toda esta amálgama de rexistros arquitecturiza circularmente, cun ir e vir de prolepses e analepses, de accións que avanzan en paralelo en tempos distintos e sempre cunha concreción en capítulos breves, que dosifican a intriga e logran un ritmo narrativo de extraordinaria fluencia, apostando sempre pola intensión e os diálogos de vertixe, realísimos de tan recoñecibles.

Certamente, o libro é tamén un circuíto de vasos comunicantes que se retroalimenta espellando trazos e aires que pertenceron a Carlos Velo, Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Suárez e outros emigrantes e exiliados galegos a América, aquí acrisolados literariamente no fascinante personaxe de Alfonso, en moitos sentidos un arquetipo no que emblematiza a dignidade ética dos que se viron obrigados ao desterro para permanecer a salvo das miserias do Réxime.

Blues para Moraima é un poderoso thriller de ambientación histórica e implicacións políticas, unha narración de estilo depurado e máxima eficiencia, inzada de páxinas afortunadas, vívidos diálogos e relanzos líricos aos que pon acaído contrapunto o logrado retrato de personaxes e a fina caracterización de ambientes.

Coido que non me equivoco se afirmo que, xunto a O espido de Gina e algúns dos relatos de Capitol, última sesión, está aquí o máis ambicioso Miguel Anxo Fernández visto ata o de agora, un narrador que con este libro abre novos horizontes á súa andaina creativa.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 11-6-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.