Onomástica & Co.

Paula Carballeira é un deses escasos nomes que nunca defraudan. Un novo libro seu no mercado ha ofrecer sempre alicientes abondos para poder consideralo como ben recomendable, por iso cada vez que entra pola porta unha obra súa póñoa de man para debrocarme nela en canto teña o mínimo vagar.  Así fixen tamén con Bruxa e familia, a nova historia que nos brinda e que figura incorporada á nacente colección Oqueleo de Obradoiro-Santillana, un relato de xenerosa imaxinación narrado co oficio e saber característicos da escritora ferrolá.

No ronsel do Gerald Durrell máis lúdico e amante dos animais pero peneirado cunha portentosa fabulación que fai destes tan marabillosas coma singulares compañas, Bruxa e familia ofrécese como un xenuíno catálogo de seres que rodean a rapaza protagonista, unha bruxa noviña que vive nunha casa de pedra e da que desconfía a veciñanza polos seus oficios, malia a súa indubidable bondade.

A bruxa ―da que non saberemos que se chama Onomástica ata o derradeiro capítulo dos dezasete de que consta a obra― convive así cun mangado de extraordinarios amigos animais, que a confortan e lle fan compaña, definindo o seu moi especial mundo. Entre estes atópase o caracol Prisciliano, que vive feliz nas humidades do cuarto de baño con vistas; a araña Sétima, que pendura leda por toda a casa adiante; a mosca do inverno Cornucopia, que custodia o fogar nos tempos fríos ata a chegada da súa parentela de verán; a escolopendra Pérfida, pequeneira e desconfiada; o rato Caruso, gran cantor co que ensaia duetos a súa amiga bruxa; o monstro do tellado, un fusco lobishome ao que custa achegarse; a curuxa Carmila, sempre sabia e protectora; a toupa Altamira, furadora de soños e paisaxes; a nena Rosaura, a única visitante humana que ousa compartir risos coa bruxa, a quen adora; a familia de debaixo do testo, unha presa de miñocas que baixo as raíces viven tranquilas sen que as ameace paxaro nin toupa ningunha; o merlo Tristán, que fai os oficios de espertador para a bruxa; e aínda as gatas Isis e Nefertiti, o cadela Morgana e mosquito tigre Bengala ou a Xoaniña, compañas leais ou ocasionais desta meiga boa e espléndida, tanto que mesmo celebra unha tripla festa de aniversario: unha para todos os animais amigos da casa; outra para os animais que benquere e andan por fóra do fogar e unha terza para a familia humana, á que non lle queda máis remedio que tolerar o exotismo de ter unha parente bruxa.

Escrita cunha prosa que flúe graciosamente, moi equilibrada na adxectivación e con preferencia polos períodos transparentes e os parágrafos curtos, Bruxa e familia é unha historia que a editora presenta como idónea a partir dos oito anos, pero que abofé fará tamén as delicias dos que teñan moitos máis e poida que dos que teñan un ou dous menos, pois axudan a isto as atractivas ilustracións coas que Lucía Cobo foi vestindo toda a narración.

Deixádelle entrar a Bruxa e familia nos vosos intres lectores ou regaládeo ás vosas pequenas e pequenos. Comprobaredes que a maxia da escrita de Paula Carballeira fai a vida máis amable e, sobre todo, máis animalmente divertida, máis esperanzada, máis luminosa. ¿E el cómpre aínda máis?

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 2-7-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Literatura infantoxuvenil e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.