O Premio Planeta 2017 ―Un graal para atravesar o lume―

En plena erupción do volcán político catalán, chegou o Premio Planeta. Esta edición ―a sesaxésima sexta― caracterizouse no literario polo récord de participación, que elevou o número de novelas presentadas aos 634 orixinais, unha cifra estratosférica, que dá idea da popularidade masiva que acompaña o certame dende hai moitos anos.

Mais non cabe dúbida de que o premio se viu cercado nesta ocasión polo magma (anti)independentista e, malia os loables esforzos da organización por deixar a un lado tales asuntos e colocar no centro de atención o libro, o certo é que foi inevitable que tanto nas roldas de prensa coma nos corredores o tema pairase aquí e acolá.

E, secasí, o Planeta conseguiu gañar protagonismo e ser o albo das consideracións, pois son moitos os elementos que fan deste certame un evento de primeira orde que soborda, con moito, a simple convocatoria dun premio literario.

Primeiramente, o xurado de voces ben recoñecidas que o xulga: o profesor Alberto Blecua, o poeta Pere Gimferrer, os narradores Juan Eslava Galán, Rosa Regàs, Fernando Delgado e Carmen Posadas e o secretario do certame, Emili Rosales, un septeto de luxo que avala coa súa traxectoria a escolla da obra gañadora, escolleita entre orixinais procedentes non só de España, senón tamén de América do Sur (cento vinte e sete obras), América do Norte (setenta e unha), América Central (dezanove) e o resto de Europa (dezasete textos máis), entre estes, por certo, doce orixinais coruñeses, dous ourensáns e tres pontevedreses.

Desta volta o gañador foi o afamado novelista Javier Sierra, quen se fixo co galardón mercé á novela El fuego invisible, que presentara a concurso baixo o título provisional de La montaña artificial. Ao seu carón a finalista Cristina López Barrio, distinguida pola novela Niebla en Tanger, titulada provisioriamente para concurso La nueva vida de Penélope.

Podería estenderme aquí a propósito das bondades do thriller graalístico que nos propón Sierra ou da narración de viaxe interior que asina López Barrios, mais coido que debe ser o lectorado quen as xulgue a partir do 7 de novembro, día no que terá lugar en Madrid a premier das presentacións de ambas as novelas, que logo xirarán por toda parte ―comezando por Vigo― ata ben entrado decembro.

Por tanto, os segredos novelísticos deberán desvelarse coa lectura das propias obras, 210.000 exemplares no caso do libro gañador e 90.000 no do finalista como cifras de primeira edición, número suficiente para quen queira facerse con eles nun primeiro momento, aínda que, con seguranza, serán moitas as reedicións que alcanzarán estes títulos, á vista de que o pasado ano a obra gañadora ―Todo esto te daré, de Dolores Redondo― alcanzou nada máis e nada menos que as dezasete reimpresións.

Teño dito nalgunha outra ocasión que o Premio Planeta é un espectáculo, unha festa do libro e, como tal, a ocasión propicia para que figuras ben famosas celebren a escrita e o libro. Este ano na gala de entrega do Palacio de Congresos puido verse como pisaban a alfombra vermella os Sánchez Dragó, Boris Izaguirre, Leopoldo Abadía, Luis Piedrahita, Maxim Huerta, Risto Mejide, Marta Robles e un interminable etcétera de populares televisivos, que compartiron durante unhas horas a maxia do fenómeno socioliterario Planeta.

Poida que, a curto prazo, a literatura non sexa unha realidade tan poderosa nas rúas barcelonesas e nos pensamentos xerais como si o é a circunstancia política de Cataluña, mais non cabe dúbida de que, visto coa perspectiva necesaria, a escrita e a recreación do mundo e a vida que nos vén a través da palabra é un universal humano sen o que ningún Estado, vello ou novo, ha poder sobrevivir. Conviría non esquecelo.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 22-10-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Varia e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *