Inquietante enigma

Lin con auténtica fruición A virxe das areas, a novela que o eumés Antonio Manuel Fraga publicou coas ferrolás Edicións Embora. Había tempo que seguía a pista deste narrador, quen xa deu a coñecer para o lectorado infantoxuvenil títulos tan interesantes como O castañeiro de abril (2013), Xildas (2013) ou Tártarus (2016), facéndose non hai moito co Premio Antón Risco de Literatura Fantástica mercé á novela Querido H. P. Lovecraft (2016).

Esta súa nova entrega convídanos a unha historia de intriga na que cómpre desvelar un inquietante enigma: á ficticia localidade de Vilar de Sembra regresa unha moza desaparecida que é atopada, medio desfalecida, nunha praia preto da ermida da Nosa Señora das Areas. A partir dese momento, un vello director da caixa de aforros local, desacougado por tan estraño feito, comeza a tirar do fío para pescudar que hai detrás do suceso.

O resultado é un thriller de moi fina factura, onde a forza brutal da intriga turra por un páxina tras páxina e fica patente a habelencia de Fraga para deseñar unha ben trabada sucesión de capítulos que rematan sempre nunha interrogación climática que obriga o lector a pasar a folla desexando saber que é o que ocorrerá despois.

Son virtudes deste relato a axeitada caracterización de ambientes e personaxes, tamén a viveza dos diálogos e a suxestiva recreación do noso mundo vilego de finais dos anos 70 e primeiros 80, coas ‘forzas vivas’ representadas polo cura, o alcalde e o boticario, tamén as ‘contraforzas’ do médico ou o propio exdirector bancario protagonista e, por suposto, a longa nómina de mariñeiros, comerciantes e operarios varios que pola obra cruzan.

Escrita cunha prosa ben coidada, a eficiencia como narrador de Fraga fai que os parágrafos resulten un tetris optimizado onde cada peza canxa no lugar que debe e todo nos vai conducindo cara á reconstrución integral do tamgram que debuxa ao final da historia.

Dividida en capítulos breves, trinta e poucas secuencias narrativas de apenas un par ou tres de páxinas en cada caso, esta novela por entregas ten un moito de cinematográfico, pois visualiza escenarios e parlamentos cun aceno descritivo que lembra, en non poucas ocasións, o enfoque e movemento de cámara tan característicos da Sétima Arte.

De por parte, A virxe das areas é tamén unha reflexión sobre a violencia de xénero, a por veces xorda vida das vilas, a hipocrisía do aparente e o poder da verdade, que sempre aflora á superficie, aínda que queira soterrarse con mil capas de esquecemento.

Paga moito a pena esta obra, cun arranque cativador que instala a intriga no lector ao tempo que o introduce na particular atmosfera na que viven inmersos os personaxes que poboan Vilar de Sembra, espazo de complexo cosido social no que a aparición inesperada da moza que se perdera vén alterar, definitivamente, a letárxica paz do lugar.

A virxe das areas é novela que asegura momentos de agradecido lecer, con reviravoltas insospeitadas da trama que a fan vibrante e chea de emocións. Un texto que moi ben acompañará os que neste verán queiran debrocarse en páxinas gurgullantes de vida, de misterio e de lúcida reflexión sobre ese raro animal que é o ser humano.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 23-7-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Narrativa galega actual e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.