Ser da Illa

Teño para min que a voz de Josep Lluís Aguiló é unha das máis sonoras da poesía en lingua catalá dos últimos lustros. Libros como L’estació de les ombres (2004), Monstres (2006) ou Llunari (2008) confirman o que digo, como tamén o fan os numerosos galardóns que recibiu e as abondosas traducións das que foi obxecto.

Por tanto, a aparición de Banderes dins la mar en edición bilingüe catalán-castelán da man da prestixiosa Colección Visor de Poesía non é senón a consecuencia lóxica dun camiño poético ascensional, que o autor leva andando dende hai tempo e que dá con el por segunda vez no selo que dirixe Chus Visor, o que non é mérito menor, pois son poucos os poetas que poden presumir de ter varios volumes editados nesta referencial colección.

Banderes dins la mar vai acompañado da correspondente tradución ao castelán de Francisco Díaz de Castro, tamén el poeta, ademais de crítico e profesor da Universidade das Illas Baleares, quen xa trasladara os versos de Aguiló noutras ocasións ―poño por caso en Monstruos y otros (2014)―, o que fai deles un binomio poético onde o entendemento e a percepción creativa espellan en froito sempre celmoso.

Estes poemas de Aguiló son unha sorte de atlas lírico do ser antropolóxico insular. A Mallorca de nacenza e residencia do escritor é o obxecto poético e columna vertebral do seu libro, que incorpora outros textos complementarios en diálogo coa que é, como digo, a súa trabe mestra: a cartografía histórica, xeográfica, cultural e espiritual da illa.

O propio título, Banderes dins la mar, é xa un sintagma ben entrañado, pois forma parte do cancioneiro tradicional illego: “Mumareta meva, dau-me berenar/ que es corsaris vénen i me n’he d’anar./ En una barqueta partiré d’Artà/ a posar banderes enmig de la mar”. Logo del, o conxunto de poemas ocúpanse da morfoloxía e hábitat da illa, a personalidade e peculiaridades dos seus poboadores, os seus hábitos sociais e comportamentais, relacións cos foráneos, ritos e mitos e mesmo tipoloxía e lendas.

Cunha metafórica soberbia, chea de imaxes poderosas e unha musicalidade de superior harmonía os versos de Aguiló van tecendo unha mesta arañeira de evocacións, reflexións e intuicións que chegan ao cerne mesmo da idiosincrasia insular, dalgunha maneira epítome universal, tamén singular e diferenciada tribo con xenuínas especificidades.

Cómpre ler este Banderes dins la mar e deixarse arrolar pola marea lírica que Aguiló nos propón, aprehender a complexa relación interior/exterior, insular/continental, radicado/estranxeiro, identificado/apátrida que esta obra traza dende todos os puntos de vista posibles. É un exercicio de ductilidade mental necesario, tamén un gozo para o padal poético.

Como ben sendo adoito en todo o que sobre Aguiló escribo, remato hoxe anosando uns seus versos como escaparate improvisado dunha estética de excelencia literaria que recomendo con entusiasmo. Á fin, ler boa poesía é a mellor maneira de sementar bandeiras no mar da beleza. E velaí “Da lingua da Illa”, tan ben pensada para o idioma balear que case parece escrito para o noso galego: “O seu idioma é endémico,/ dificilmente clasificable/ e de ben complexa aprendizaxe./ A oralidade e xestualidade/ da lingua teñen que cravarse/ no entendemento do falante/ como dardos de astucia irónica.// Os neófitos teñen que ser quen/ de distinguir no interlocutor/ o significado do que di,/ o que quere que pensen que pensa,/ o que realmente pensou/ e o que desexaría dicir se non/ fose da illa e crese inxenuamente/ que é posible sobrevivir/ sen se converter nun enigma”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 30-7-2017]

Esta entrada foi publicada en Crítica literaria, Outras literaturas e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *